“O leite é a ausencia de estrés na vaca”, “Por cada hora a maiores de descanso a vacas produce ata 1,7 litros de leite máis”. Baixo estas premisas Gordon Jones, consultor estadounidense, en rendemento leiteiro en diversas ganderías tanto de Estados Unidos como a nivel internacional, debullou este xoves as claves da comodidade en gando vacún, un factor determinante para a rendibilidade da explotación. Fíxoo no seu relatorio dentro do Congreso Internacional Anembe de Medicina Bovina que estes días celébrase en Santiago de Compostela.
Gordon Jones empezou o seu relatorio destacando que “a falta de comodidade adoita provocar o 25% dos problemas nunha granxa de vacún de leite, e se o resolvemos contribuímos a mellorar outras áreas sensibles como vacas secas ou sanidade animal”. Expresado doutra forma, subliñou que “a dieta é soamente responsable do 44% do rendemento leiteiro dunha vaca, o 56% débese a outros factores como ausencia de tensión, estado sanitario….etc”.
Neste sentido, o consultor estadounidense lembrou que “o día dunha vaca debe repartirse entre dar leite, comer e beber e estar deitada rumiando na súa cama”, dedicando un mínimo de 20 horas diarias ás tres últimas actividades.
“A vaca debe comer pola mañá o 50% da súa inxesta diaria”
En canto ao capítulo de alimentación, Gordon Jones subliñou que “a alimentación da vaca debe adaptarse á súa natureza de animal crepuscular, que en estado salvaxe saía a comer ao amencer todo o que podía para despois esconderse dos depredadores nun lugar seguro, no que pasar rumiando o resto do día”.
“O ABC do benestar animal é aire de calidade e ventilación, comida suficiente e confort”
Neste sentido, advertiu que “a diferenza de Estados Unidos, en Europa vexo que non se ten en conta este rasgo natural dos bovinos”. Así, a súa recomendación foi que “o 50% da súa ración diaria, a vaca débea comer pola mañá, e así podemos conseguir un aumento do rendemento de leite de entre 2 e 4 litros”. “Ao saír do primeiro muxido da mañá, débese repartir a comida en abundancia de forma que non se vexa un espazo libre no chan do comedeiro antes de mediodía”, subliñou.
“Cada hora a maiores que a vaca pase descansando é ata 1,7 litros máis de leite”
Proba da importancia do confort na produción de leite, o consultor estadounidense lembrou que, tal e como se explica na gráfica superior, “existe unha relación directa entre tempo de descanso e produción láctea”. “Por cada hora máis deitada, a vaca pode producir ata 1,7 litros máis”, subliñou.
Neste sentido, o cubículo desempeña un papel fundamental. A este respecto, Gordon Jones insistiu na necesidade de, polo menos, igual número de cubículos que de vacas na granxa; cubículos con espazo suficiente, sobre todo frontal, para para que a vaca poida abaterse cara a adiante ao levantarse, e nunca cunha parede enfronte, pois o animal debe poder divisar de fronte aos seus conxéneres ao estar deitada.
“A última tendencia -explicou- é conseguir que as vacas se deiten rectas, para que defequen fose da cama, reducindo así os problemas de mastite e mellorando a limpeza da ubre”. Para iso, tal e como se aprecia na fotografía inferior, adóitase colocar, por exemplo, unha táboa entre os separadores frontais para obrigar a manter esa posición recta.

Colocación de táboas nos cubículos para conseguir que a vaca se deite recta e deste xeito conseguir que defeque fóra da cama
Como resumo do seu relatorio, Gordon Jones concluíu lembrando que “o leite é a ausencia de estrés, polo que se lle quitamos tensión ás vacas poden render moito máis”.
“Na miña gandería optei pola Raza Jersey porque é máis rendible que a Holstein neste momento”
Ademais de consultor, Gordon A. Jones é socio de Central Sands Dairy LLC. Central Sands Dairy, unha granxa de 10.000 vacas en Wisconsin. A gran maioría do rabaño é de raza Jersey e, en menor medida, de cruzamento de Jersey con Frisoa.
Asegura que a decisión que levou aos socios para cambiar de raza -inicialmente tiñan Holstein- foi que “comen menos, empreñan moi ben, case non teñen problemas de podoloxía e ademais o seu leite ten máis graxa e proteína que a de Frisoa”, unhas calidades que si valora e paga a industria láctea de Michigan, principalmente para a elaboración de queixos. Ademais, destacou que os xatos de Jersey en Estados Unidos “páganse ben, a entre 200 e 300 dólares, porque é unha raza moi apreciado polo alto marmolado ou infiltrado de graxa na carne”.
“Recoñezo que para o orgullo de gandeiro non é fácil pasar dunha vaca como a Holstein a unha moito máis pequena como a Jersey, pero o importante é que é unha vaca moi rendible, de forma que a nosa granxa hoxe segue gañando diñeiro, mentres que o resto dos gandeiros de Estados Unidos choran polos baixos prezos”, asegurou.
Por último, en canto ao estado sanitario destacou que o ano pasado en Central Sands Dairy houbo 4.200 partos e 4 desprazamentos de abomaso e a porcentaxe de vacas con mamite está por baixo do 1%.