“Cada explotación contará cun índice de referencia sobre o seu uso de antibióticos”

A entrada en vigor a partir de xaneiro da nova lexislación limitará a utilización de tratamentos e introducirá novas esixencias ás ganderías. A directora do Plan Nacional de Redución de Antibióticos detalla algúns dos cambios inminentes

Cristina Muñoz Madero, directora del Plan Nacional para la Reducción en el Uso de Antibióticos (PRAN)

Cristina Muñoz Madero, directora do Plan Nacional para a reducción no uso de antibióticos (PRAN)

A nova lexislación europea en materia de uso de antibióticos, adoptada en 2019 e que entra en vigor no próximo mes de xaneiro, está a ser desenvolvida por parte do Ministerio no que se denominan “actos delegados”. Cristina Muñoz Madeiro, coordinadora do Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos (PRAN) detallou recentemente nas décimo oitavas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro as principais novidades.

“Esta lexislación implica un cambio de actitude en como viñemos usando os antibióticos ata o de agora, xa que se pretende evitar un uso profiláctico e metafiláctico rutineiro de antibióticos e limitar o uso en animais de antimicrobianos que son de importancia crucial para previr ou tratar infeccións humanas potencialmente mortais”, indica.

Hai unha serie de antibióticos críticos que quedan reservados unicamente para o seu uso en medicina humana

A responsable do PRAN mostrou o alcance e dimensión do problema: “Temos moitos fallos terapéuticos porque as bacterias fixéronse resistentes aos antibióticos e non temos ningunha forma de combatelas, polo que gañan a batalla e o paciente morre”.

“Estamos a traballar en recoller os datos de venda e de uso de antibióticos e tamén na elaboración dunha lista de antibióticos que só se van poder usar en humana e en animais con prescrición veterinaria e baixo certas condicións”, concreta Cristina Muñoz.

Está demostrada a relación entre o uso de floroquinolonas e cefalosporinas en animais e a resistencia en humanos

O pasado mes de setembro o Parlamento Europeo votou en contra dunha iniciativa do grupo dos verdes alemáns que pedían restrinxir por completo o uso en animais dos antibióticos usados en medicina humana, pero o seu uso estará limitado.

O grupo de especial vixilancia está formado polos macrólidos, as colistinas, as cefalosporinas terceira e cuarta e as cloroquinolonas

A lista de restrición incluirá non só aos antibióticos senón aos catro grupos de antimicrobianos, é dicir, tamén aos antiprotozoarios (anticoccidiósicos), os antifúnxicos e os antivirais. A categorización incluirá á súa vez catro niveles de uso: non usar, restrinxir, cautela e prudencia.

Queda prohibido o uso preventivo

antibioticos1

A nova lexislación inclúe unha serie de restricións de uso, por exemplo en profilaxe, é dicir, a administración de antibióticos antes de que estean instaurados signos clínicos da enfermidade. Neste sentido, queda prohibido o uso de antibióticos en pensos para administrar a un gran número de animais ou terapias como a administración xeneralizada de antibióticos no momento do secado.

Prohíbese o uso de pensos medicamentosos con antimicrobianos para uso preventivo

Admítese que se poida facer un uso profiláctico pero só de forma individual no caso de antibióticos ou a un número restrinxido de animais no caso doutros antimicrobianos e só mediante unha administración excepcional cando o risco de enfermidade sexa moi alto e de consecuencias severas, por exemplo, despois dunha operación cirúrxica.

Estes aspectos en materia de uso preventivo están a definirse a nivel europeo, establecendo criterios comúns para todos os países membros. “Haberá unha directriz a nivel de toda a UE que aclare se se pode tratar con antibióticos, por exemplo, unha mamite subclínica ou como xustificamos o tratamento en animais sen signos clínicos da enfermidade”, avanza.

Tamén haberá unha restrición de uso en metafilaxe, onde se poderán administrar antibióticos a un grupo de animais cando o risco de infección de animais en contacto con casos enfermos sexa moi elevado e non existan alternativas apropiadas dispoñibles. Pero a diferenza do uso en profilaxe, en metafilaxe os criterios poderán ser establecidos por cada Estado membro.

Índices de referencia por sectores

No novo PRAN 2022-2024 está a traballarse por grupos de produción por especies e vanse a establecer índices de referencia dun consumo medio adecuado segundo o tamaño de granxa e tipo de produción.

Este índice de referencia por cada granxa sobre o uso de antibióticos nesa explotación terá carácter voluntario e servirá para que cada gandería poida saber onde se atopa e que nivel de esforzo de redución deberá realizar.

As medidas non van ir dirixidas só aos veterinarios; temos que involucrar tamén aos gandeiros

“Ese índice orientativo é para dar información ás granxas e que elas mesmas poidan autoevaluarse e establecer as súas estratexias de redución dentro do seu plan sanitario, pero non será usado como no sistema holandés para fixar obrigas a cumprir por parte das ganderías”, asegura a responsable do PRAN.

O índice de referencia de uso de antibióticos por granxa terá carácter voluntario e non implicará obrigas que cumprir a maiores

Ademais, haberá retos específicos para determinados sectores. Por exemplo, o sector porcino, tras retirar a colistina, deberá retirar agora o óxido de zinc en xuño do próximo ano.

Mapa epidemiolóxico

Como complemento, está a xerarse un mapa epidemiolóxico a nivel estatal no que se detalla, por comarcas, os patóxenos detectados facendo recomendacións de tratamento. “O mapa epidemiolóxico desenvolveuse coa intención de axudar ao veterinario clínico que se ten que enfrontar a unha situación de enfermidade real nunha granxa na que en canto entre en vigor a nova normativa vai ter que xustificar o uso de determinados antibióticos ou de determinadas formas de aplicación, polo que este mapa epidemiolóxico pode ser útil en ausencia de diagnóstico microbiolóxico”, asegura Cristina Muñoz.

O mapa epidemiolóxico contén datos de incidencia de patóxenos por áreas xeográficas e recomendacións de tratamento

“Todos sabemos que non é viable en determinados casos tomar unha mostra e esperar varios días a que nos dean os resultados de diagnóstico e perfil de sensibilidade e ese mapa cunha serie de datos agregados vai facilitar ao veterinario a toma dunha primeira decisión e prescrición”, asegura. Cando ademais haxa relación epidemiolóxica entre un caso e outro anterior, o informe do veterinario para a prescrición dun antibiótico terá validez durante catro meses.

Uso responsable: unha necesidade e un beneficio

A lexislación a nivel europeo e a súa inminente aplicación a nivel dos distintos Estados membros vai limitar a partir do mes de xaneiro o uso de antibióticos en gandería. Pero ademais dunha obriga legal, Cristina Muñoz defende os beneficios que este cambio de mentalidade traerá a nivel de granxa.

Hai que ter en conta os prexuízos dun mal uso dos antibióticos nas explotacións, por exemplo os posibles residuos en leite e en carne, o alto custo dos tratamentos e a tensión xerada aos animais, entre outros efectos. 

Aplicando unha terapia selectiva de secado lógrase que no 80% das vacas non se usen antibióticos, utilizando nelas unicamente tapóns intramamarios

Implantar nas ganderías sistemas de benestar animal en materia de instalacións, como suficiente espazo, corredores amplos ou boas camas, ou de manexo, por exemplo a división do gando en lotes homoxéneos, boas rutinas de muxido ou a implantación de terapias selectivas de secado lograría reducir a incidencia de enfermidades e o uso de antibióticos para tratalas. É a filosofía que trata de inculcar a nova lexislación aos gandeiros.

España era no 2014 o Estado membro da UE cun maior consumo de antibióticos

antibioticos datos consumo

O primeiro Plan Nacional fronte á Resistencia a Antibióticos aprobouse no ano 2014. Nese momento o consumo de antibióticos en España estaba moi por enriba da media da UE. Desde entón produciuse un descenso, aínda que os datos do ano 2020 reflicten un pequeno repunte, debido ao uso de penicilinas de expectro estendido e tetraciclinas, subindo a súa administración tanto en solución oral como en premezclas en pensos.

“É unha tendencia que se ve en todos os Estados membros da UE e que se achaca á pandemia, que modificou hábitos e tratamentos facendo aumentar o uso de antibióticos tanto en saúde humana como en veterinaria”, argumenta Cristina Muñoz.

Porcino e bovino son os sectores que usan máis antibióticos, seguidos da avicultura e a cunicultura

Os datos de consumo e uso de antibióticos que manexa o Ministerio reflicten, por especies, que o porcino segue sendo o principal consumidor de antibióticos, seguido de bovino e avicultura. Con todo, mentres que o uso de antibióticos en gando bovino mantívose estable no último ano a respecto de 2019, cun consumo de 105 toneladas, o uso en porcos e pitos disparouse, pasando de 790 a 1.029 toneladas no caso de porcino e de 36 a 47 no caso de aves.

antibioticos datos por especie

“O bovino de leite é un sector que non ten un elevado consumo de antibióticos desde o punto de vista cuantitativo pero é certo que se consomen antibióticos críticos e onde prácticas como o tratamento sistemático con antibióticos no secado van ter que cambiar porque coa nova lexislación xa non van estar permitidas”, afirma Cristina Muñoz.

Bruxelas esixirá un maior esforzo na redución aos países que teñamos un maior consumo

A Estratexia Da Granxa á Mesa da UE establece entre os seus obxectivos a redución dun 50% na venda de antibióticos para 2030 tendo como referencia o ano 2017. “Non todos os sectores e Estados terán que facer o mesmo esforzo; os que teñamos un maior consumo seremos aos que nos requiran un maior esforzo desde Bruxelas”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información