“Cada día tratamos con apicultores máis novos, mozos que ven na apicultura unha oportunidade”

Falamos con Paula Bernárdez, directora financeira de Mieles Anta, que recollerá a título póstumo o Premio Honorífico Galicia Alimentación 2020 polo labor do seu marido, David Corral, fundador da empresa lucense, líder en Galicia no envasado e produción de mel

“Cada día tratamos con apicultores máis novos, mozos que ven na apicultura unha oportunidade”

Paula Bernárdez xunto co seu marido David Corral, nun acto de celebración. / Arquivo.

A Cidade da Cultura, en Santiago (A Coruña), acollerá na xornada de hoxe a entrega dos Premios Honoríficos Galicia Alimentación 2020, do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) que nesta edición recoñecen, a título póstumo, o labor do apicultor e empresario David Corral Pombo, fundador de Mieles Anta e falecido en xaneiro.

A súa muller, Paula Bernárdez, actual directora financeira da firma lucense e vinculada á empresa dende os seus comezos, será a encargada de recoller o galardón. Falamos con ela para coñecer mellor a traxectoria de Mieles Anta.

-Como recibe vostede e a familia de Mieles Anta este distintivo?
-Para nós é toda unha honra e un orgullo recibir este premio que recoñece os esforzos que fixo David na apicultura.

-O premio quere recordar tamén o labor de David por impulsar o desenvolvemento rural galego e posicionar o nome de Galicia por todo o mundo, como foron os seus inicios?
– A sociedade Mieles Anta fundouse no 1991, pero David estaba involucrado na apicultura dende antes, xa no 1988 ía a feiras vendendo no mel e tiña colmeas na súa aldea natal, Toca, en Samos (Lugo). Antes de adicarse en exclusiva ás abellas rexentaba un bar na Coruña, de xeito que combinaba hostalaría e apicultura, ata que se decidiu centrar só na apicultura. El comezou nun pequeno baixo nos Rosais, en A Coruña; pero coa expropiación deste para a construción de vivendas pasamos a unha nave na Grela no ano 1996 e xa no 1998 decidimos construír unha nave de almacenaxe en Toca, para a produción e extracción de mel en convencional, que fora inaugurada polo presidente da Xunta naquel momento, Manuel Fraga Iribarne. Daquela vendiamos só a nivel rexional e comezabamos a dar o salto ó nacional. Logo tamén apostamos pola produción ecolóxica e xa no 2005 demos o paso á exportación internacional.

“Nos primeiros anos estabamos só o meu marido, o seu irmán Julio e máis eu, polo que todos faciamos un pouco de todo”

– E como foi a súa aproximación ó mundo do mel?
-Dende os comezos, eu sempre lle botaba unha man. Nos primeiros anos eu tiña o meu propio traballo, pero no ano 1996 xa “claudiquei” e involucreime de cheo en Mieles Anta. Cando comezamos eramos só 3: estaba o meu marido, o seu irmán Julio e máis eu, polo que todos faciamos un pouco de todo. Dende o ano 1998, cando se inauguran as instalacións de Toca, xa contratamos os primeiros empregados, a empresa comezou a medrar e tamén empezamos a establecer áreas de traballo máis definidas e contratamos persoal máis especializado. Eu sempre levei máis a área financeira e de comercialización. Agora que Mieles Anta é un grupo que integra a catro empresas, contamos con 21 empregados.

-Mieles Anta consolidouse como a maior produtora e exportadora de mel de Galicia, que cifras manexan na actualidade?
-Agora mesmo atopámonos aínda en plena campaña de recollida de mel, polo que non contamos con cifras finais sobre o estado de tódolos apiarios, posto que pode haber baixas e tampouco sabemos cales dos case 2.500 núcleos novos están a funcionar. Con todo, debemos andar nas 14.000 colmeas, entre as que temos en ecolóxico e as que están en convencional.

-Que produción acadaron o ano pasado?
-Na campaña pasada, en convencional acadamos os 180.000 quilos de mel e en ecolóxico chegamos ós 100.000 quilos.

-Como lles está resultando este ano a cata?
-Este ano pensamos que ía ser unha campaña moi mala, pero, no noso caso, as colmeas que están na alta montaña de Lugo están a responder bastante ben. Fallounos algo a zona de costa, pero a alta montaña, como Samos, Becerreá ou Courel están a dar moi bos resultados.

“Queremos seguir medrando no número de colmeas e sobre todo en ecolóxico, que é o que máis nos demanda o mercado”

-Teñen previsto seguir incrementando o número de apiarios e colmeas?
-Si, niso estamos. Aínda que adquirimos mel a apicultores que estean baixo a IXP Mel de Galicia, pretendemos seguir medrando no número de colmeas e sobre todo en ecolóxico, que é o que máis nos demanda o mercado.

-Levan anos apostando pola produción en ecolóxico, que porcentaxe do seu mel é ecolóxico?
-No 2005 fundamos Pazo de Lusío, que está centrada na produción en ecolóxico, xa no 2011 construímos as naves de Pazo de Lusío en Bóveda (Lugo) para seguir aumentando esta produción. Agora mesmo o 40% da nosa produción é en ecolóxico. A nivel rexional e nacional este mel comercializámolo baixo a marca Pazo de Lusío e nos mercados internacionais coa marca Toca.

-Foron a primeira empresa galega en formalizar contratos cos apicultores a varios anos para garantir o abastecemento. Cantas toneladas de mel estades a adquirir a outros produtores que tamén se atopen na IXP Mel de Galicia?
-Nós non deixaremos de mercar mel a aqueles produtores que producen baixo o selo de IXP Mel de Galicia, porque estamos a ter máis demanda de mel da que os nosos apiarios producen. O ano pasado mercamos uns 80.000 quilos a apicultores galegos.

-Segue habendo espazo para emprender na apicultura en Galicia?
-Tanto a apicultura, coma outros sectores do rural galego, creo que aínda teñen moito que ofrecer, pódese aproveitar moito. Pese a que a apicultura foi un sector moi descoñecido, no noso día a día vemos cada vez máis xente nova que apostou por esta actividade. Cada día tratamos con apicultores máis novos, mozos da idade do meu fillo, duns 30 anos ou menos, que xa ven na apicultura unha oportunidade laboral, mentres que antes os apicultores eran máis maiores.

-Ademais de no mercado nacional, levan tempo afianzados en distintos países, como conseguiron abrirse un oco en mercados como o americano ou o chinés?
-A verdade, á exportación sempre chegamos de man do Igape, de Galicia Exporta e da Cámara de Comercio, asistindo a feiras e encontros de profesionais. No caso do mercado de Estados Unidos chegamos a través do mercado londiniense, posto que xa lle vendiamos a unha empresa que tamén está posicionada en América, xa que para entrar neste mercado precisas dun importador e distribuidores que logo comercialicen os teus produtos. Agora mesmo estamos xa vendendo con varios distribuidores en distintas cadeas americanas. Este ano, fixéramos unha aposta bastante ambiciosa para chegar a cubrir boa parte de Estado Unidos, dende a zona norte, a zona este e oeste, pero co tema do coronavirus quedou todo bastante paralizado e non cremos que se cheguen a realizar boa parte das feiras e eventos nos que tiñamos previsto participar, posto que xa estamos vendo que grande citas se están aprazando en España, como Alimentaria, todas as feiras gourmets… É unha mágoa porque estas cancelacións frean moito o negocio da exportación.

“A curto prazo apostamos pola venda online, xa que o Covid-19 cerrou moitas das vías para a exportación”

-Que produción exportan a día de hoxe?
– O ano pasado, o mel que exportamos supuxo preto duns 800.000 euros dos 3 millóns de euros que facturamos.

-Cales son os retos de futuro que contemplan a curto prazo?
-A curto prazo estamos apostando pola venda online, xa que o Covid-19 cerrou moitas das vías para poder seguir impulsando a exportación. Imos centrarnos no comercio electrónico, que creo que será o futuro. De feito, acabamos de estrear a nosa tenda online, o pasado venres. Aínda estamos comezando con ela, pero polo momento tivemos pedidos tódolos días. Ofrecemos todas as marcas de mel que comercializamos (Mel da Anta, Pazo de Lusío e Toca) nos distintos formatos, ademais de pole.

Que considera que foi o máis transcendental para chegar a ser a empresa que son hoxe?
-Moito traballo, tesón e esforzo. Os comezos foron duros e todo o que gañábamos foi para investir e seguir mellorando. Aínda que tamén recibimos importantes axudas para a construción das distintas naves, mesmo para a máis nova de Mieles Anta, a que rematamos agora neste 2020, pero sempre estivemos procurando aforrar para investir e seguir mellorando.

Foro Galicia Alimentación 2020 online

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) tamén recoñece nesta edición, que coincide co décimo aniversario da entidade, outro importante profesional galego, neste caso vinculado á vitivinicultura, Juan A. Vázquez, actual director xeral de Bodegas Martín Códax e vocal da xunta directiva do Clúster. Vázquez foi un dos socios fundadores e vicepresidente durante 5 anos e presidente durante 4 anos de Clusaga.

Preto dunha vintena de empresas do ámbito tecnolóxico exporán os seus proxectos

Este ano, agás a entrega de premios, que se realiza hoxe nun acto controlado e reducido na Cidade da Cultura, o resto de propostas do V Foro Galicia Alimentación 2020 serán online, por causa do coronavirus. Así, preto dunha vintena de empresas do ámbito tecnolóxico exporán os seus proxectos nunha feira telemática. Unha aplicación permitirá interactuar ós asistentes e manter reunións particulares. Entre as empresas expositoras atópanse os proxectos impulsados dende a primeira edición de Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario galego promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga, así como startups que aínda se atopan no programa da aceleradora.

O foro tamén aborda o futuro do sector alimentario logo do Covid-19, polo que contará cunha representación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Na sesión participará o director xeral de Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, así como o director xeral da Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), Mauricio García de Quevedo; e o conselleiro delegado do Grupo Calvo e presidente da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado (Anfaco Cecopesca), Mané Calvo.

Ademais, no evento trataranse outros aspectos como a innovación e comercialización no ámbito da alimentación, as tendencias de consumo na restauración e retail ante os novos consumidores ou a alimentación sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información