Cachenas en manexo rexenerativo na Fonsagrada

Coñecemos no lugar de Mazaeda a gandería de David Outeiro, un mozo que aposta polo pastoreo rotacional en pequenas parcelas, que cambia cada poucos días

Cachenas en manexo rexenerativo na Fonsagrada

David Outeiro co rabaño de Cachenas en Mazaeda, na Fonsagrada.

David Outeiro iniciou recentemente a súa actividade como gandeiro, desprazándose dende a cidade de Lugo ata Mazaeda, no concello da Fonsagrada. A súa primeira toma de contacto foi co mundo apícola, para máis adiante facerse cun rabaño de 22 vacas cachenas que rota por 15 hectáreas de pradarías baixo un manexo ecolóxico e rexenerativo.

A alimentación é exclusivamente a base de pasto, complementado con silo de herba nos meses máis duros do inverno e raramente no verán.

No inverno de 2021, este mozo gandeiro tomou a decisión de mudarse de Lugo á aldea de Mazaeda, no concello de A Fonsagrada, onde os seus pais conservaban a casa familiar e algunhas fincas. Ata ese momento o contacto de David coa gandería era escaso, mais o seu interese por entender as relacións entre os animais, a natureza e as persoas levárono a iniciarse como gandeiro. Nesta liña, cursou estudos do eido agroforestal e da educación ambiental.

Debido a un bo manexo, David destaca a mansedume das vacas.

Debido a un bo manexo, David destaca a mansedume das vacas.

Cunha mentalizade ecoloxista, David sempre sentiu curiosidade por entender a natureza. “Reflexionaba moito sobre como funcionaba a Europa paleolítica. Cando había os rabaños silvestres, os ecosistemas tiñan que funcionar dun xeito moi diferente. Coa axuda dos estudos sobre pastoreo racional Voisin, cheguei a entender como poderían funcionar. Son sistemas que aínda podemos ver en certas zonas de África, onde os depredadores provocan a concentración de herbívoros”, compara.

Touro cacheno que tivo ata hai pouco.

Touro cacheno que tivo ata hai pouco.

“Estes grandes rabaños de África pastan rapidamente unha zona para logo moverse, deixando o solo descansar por un longo período. Con todo isto e seguindo estudos de Joel Salatin, e Luiz Carlos Pinheiro pareceume que o máis coherente era intentar implantar este sistema rexenerativo, ver como funcionaba e divulgalo”, explica.

A propiedade na que traballa David divídese en varias fincas nun radio de 1 quilómetro. Hai un conxunto de pequenas fincas na zona máis baixa, preto da casa. Outra zona un pouco máis afastada cunha finca de 2 hectáreas e logo, o restante, pastizais na serra.

Esta última zona foi un monte de varas, un modelo de propiedade que había nesta zona onde cada veciño tiña unha zona delimitada para o aproveitamento. Nos anos 70 pasou a propietarios privados, unha parte foi plantada polo Icona e o restante transformouse en pradarías.

Como moitas gandarías en Galicia, David ten unha dedicación parcial á actividade. “Traballo como bombeiro forestal no concello da Ribeira de Piquín. É un traballo estacional que podo complementar coa gandaría. A pesar se non ter moitas cabezas de gando, podo sacar a fin de ano un salario suficiente. Son dous traballos que podo compatibilizar, pola flexibilidade que ten o traballo coas vacas”.

A primeira actividade que levou a cabo ao regresar ao pobo de Mazaeda foi a apicultura. A preocupación de David por entender como unha especie silvestre se adaptou a diferentes condicións ao longo da historia fixeronlle cuestionar certos tratamentos que se realizan na apicultura convencional.

Seguindo estudos do biólogo Stephen Braun implantou o sistema establecido por Ed. Dee Lusby, tamén coñecido como ‘abella pequena’. “A varroa orixinariamente atacaba ao macho na zona de Asia, de onde provén e convive coa ‘apis cerana’. En Europa foise aumentando o tamaño das celas nas colmeas co conseguinte crecemento das obreiras. Nun principio a varroa atacaba aos machos, exemplares de maior tamaño, pero logo desta modificación nas colmeas o parasito non diferenciaba e atacaba a todo o enxame. Indagando din cun apicultor da zona de Allande que traballaba deste xeito e a partir de aí comecei a utilizar este sistema bioapícola” explica David sobre os seus inicios.

Despois desta primeira actividade gandeira en Mazaeda, David decidiu avanzar e facerse cun rabaño de vacas cachenas. Dende o primeiro momento, David estaba convencido de que o mellor sistema era levar a cabo un pastoreo racional e rexenerativo.

Así é que o dia en que chegaron os animais procedentes de Becerreá, as fincas estaban divididas en parcelas de 3 días. “Pouco a pouco fun aprendendo a base de consultar estudos e observar o comportamento do gando, tamén incorporei animais doutras gandarías de Triacastela ou Friol e tamén unha vaca da granxa Gaioso Castro. Cando chegaron as vacas, o primeiro día xa tiña feito as divisións, pero para ilas afacendo ao trato decidín deixalas unha semana nun recinto mais amplo e con comida, dende ese momento sempre estiveron baixo un sistema racional rexenerativo”.

O antes e o despois da estancia do gando durante 3 días en cada recinto.

O antes e o despois da estancia do gando durante 3 días en cada recinto.

Seguindo estudos de André Voisin, e Luiz Carlos Pinheiro, o pasto divídese en pequenos recintos onde o gando pasa un máximo de 3 días. Co pastoreo racional, unha gran carga gandeira nun pequeno período de tempo ten vantaxes tanto para rexeneración do solo como para o rebrote do pasto, coa conseguinte maior produtividade.

“Mantendo unha elevada competencia, o gando non fai unha selección das especies pratenses, arrasando con toda a pradaría. O pasto que non chegan a pacer queda totalmente pisado e integrado, aumentando a materia orgánica do solo”.

Custos de produción
David participa nun estudo que analiza os custos de produción nas ganderías. Recompilando datos, a dedicación estimada é dunhas 15 horas semanais máis a axuda do seu pai, principalmente os días que David traballa como bombeiro.

“A estimación do tempo dedicado é unha media anual, hai semanas de menos horas e outras nas que hai que arranxar peches ou facer algunha roza. O que máis traballo me dá é facer as parcelas para o gando. Vou rotando os animais cada 3 dias, pois é o tempo que tarda en saír o rebrote unha vez pastado. Cada vez que fago unha división, fago 4 parcelas, polo que así teño este traballo feito para 12 días”.

Vaca jersey da que se extrae o leite para autoconsumo.

Vaca jersey da que se extrae o leite para autoconsumo.

“Ocasionalmente poden estar máis deses 3 días, por calcular mal os recintos ou outras circunstancias puntuais. Outra tarefa diaria é a de levar a auga ao gando, rotando por cada parcela os bebedeiros portátiles, alimentados por medio dunha mangueira conectada a unha cuba que levamos para as fincas”.

Os ingresos da explotación, polo momento, viñeron pola venda de animais para vida, mais para o futuro David considera manter nodrizas cachenas e incorporar un touro de raza angus para facer cruces con maior rendemento cárnico e, ao mesmo tempo, manter a rusticidade e a aptitude para producir en base a pasto.

“Antonio Tucci adoita recomendar a variante de angus pastoril arxentina para obter boas canais en base a pasto, pola facilidade de engraxamento e por conseguir máis quilos por animal. Xa hai gandeiros rexenerativos que traballan cun sistema similar, cruzando casina asturiana con angus. Pensando na comercialización de animais para carne, estou vendo distintos selos como ‘DeYerba’, que garante a produción en base a pasto”.

Fauna salvaxe
A pesares de que o gando sempre está fora e Mazaeda é unha zona con monte arredor, polo momento non houbo ningunha baixa por causa do lobo. A pesar de que os peches son de varios fíos de pastor e non conta con cans para protexer o gando, David cree que o manexo que realiza, ademais da propia raza, son aspectos clave.

“Ao manexar o gando en pequenas zonas, cando hai perigo o rabaño defendese en conxunto. Se por exemplo, están as vacas nunha ampla finca é mais fácil que nalgún momento unha vaca ou un becerro se afaste do grupo e nese momento o lobo ataca a un animal por individual. Nalgunha ocasión, estando co gando, vin como o rabaño adoptaba unha posición defensiva cando pasaba algún animal salvaxe pola zona”.

Perpectivas
O futuro desta explotación en Mazaeda pasa por manter o tamaño actual. “Nesta zona non hai moito terreo dispoñible para querer ampliar, ademais tampouco quero entrar en competencia coas granxas da zona por facerme con terreos que lles interesen a eles”.

Pola conciencia de respecto co medio ambiente, “tamén me gusta divulgar este tipo de manexo rexenerativo, polo que a granxa está aberta aos visitantes. Visitáronme recentemente uns alemáns que viñeron a vivir á zona de Guitiriz, nun principio estaban interesados nunha das vacas jersey, pero ao saber que tamén tiña cachenas transmitíronme a vontade de facerse cunha para o outono. Por isto creo que deberíamos dar a coñecer esta raza noutras rexións”.

Esta divulgación tamén axuda a poñer en valor o traballo dos gandeiros e desmontar certos mitos acerca do consumo de carne. “A corrente vegana pode estar xustificada por distintos motivos pero non por ser a gandaría unha actividade nociva para o medio ambiente. Deixar de consumir carne por cuestións de emisións e benestar animal non se xustifica neste manexo dos animais”, explica David, quen considera que o consumidor ten certa desinformación dos distintos tipos de manexo que se poden facer.

Beneficio da gandería para o ecosistema
Debido á profesión de bombeiro forestal, David ve a gandaría tamén como un sistema para manter os ecosistemas. “Despois dos grandes incendios na zona do Courel, despraceime ata a zona para ver o que sobrevivira. Cando cheguei vin que o único que parou o lume foron as pradarías e as carballeiras. Por isto creo que o traballo de prevención é máis importante que o de extinción, onde o gando xoga un papel importante”.

Carballeira que sobreviviu ó lume do Courel.

Carballeira que sobreviviu ó lume do Courel.

“Dentro do ecoloxismo, creo que debemos ver as vacas non soamente como un animal doméstico, senón tamén como un descendente do ‘uro’, que podemos utilizar para que faga a función que a natureza lle confire. Usando o gando para manter a biomasa podemos obter un rendemento económico á vez que se asenta poboación no rural e se rexenera a natureza”, opina.

Ao grupo de vacas cachenas tamén se suma un par de vacas jersey para autoconsumo. “Estas dúas vacas adoitan estar polas fincas máis próximas á casa, aínda que nalgún momento se xuntan coas cachenas. Ademais de manter a súa cría, sácolles leite para autoconsumo e para facer queixo. A primeira que adquirín debe ser liña americana ou europea e a outra adquirina en Airas Moniz, con un 50% de liña neozelandesa. A segunda delas vexo que é mais eficiente na produción soamente con pasto, véselle que mantén mellor condición corporal. Os xatos teñen moi boa capacidade para crecer, un xato de 12 meses xa é tan grande como a nai”, destaca.

Xato jersey de 12 meses.

Xato jersey de 12 meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información