Cabras e corredores de frondosas, a estratexia contra o lume do monte veciñal de Meira

Visitamos a comunidade de montes de Meira (Moaña, Pontevedra) para falar co seu capataz, Sergio Chapela, sobre o modelo de xestión forestal que aplican. O monte veciñal de Meira cobrou notoriedade a partir do 2016 por unha experiencia de silvopastoreo con cabras, que se mantén na actualidade a menor escala

Publicidade

A comunidade de montes veciñais en mancomún de Meira (Moaña) leva anos xestionando o seu monte cun obxectivo principal de prevención contra incendios. Hai unha década, a comunidade introduciu un rabaño de cabras no monte, na idea de que axudara no control do mato, e nos últimos anos está a potenciar os cortalumes verdes nas zonas máis próximas a vivendas e en zonas estratéxicas do monte (ribeiras, autovía e pistas forestais). Falamos co seu capataz, Sergio Chapela.

– Comeza falándonos do voso monte veciñal, superficie que tedes e como se reparte esa superficie nas distintas especies forestais.
– O noso monte ten sobre unhas 450 hectáreas. O que máis, piñeiro, sobre un 43%, sobre un 15% de eucalipto, de monte raso debemos ter cerca do 17% e sobre un 25% de frondosa. A frondosa, principalmente carballo e castiñeiro, e nalgunha zona de beiras de regato ou río hai vexetación de ribeira, como bidueiro, salgueiros, amieiros…

– Agora que está de actualidade a tempada de incendios, fálanos de como afrontades os veráns. Tiverades un incendio importante no 2023. Cóntanos como vos afectou aquel incendio e como vedes a situación este ano.
– O verán afróntase con moito respeto… Hai certa inquietude, segundo avanza o verán e aumenta a seca e vendo o panorama…Vemos os lumes importantes que hai en Galicia, estamos con precaución e en alerta polo que poda pasar.

O lume do 2023 iniciouse nas casas e queimou algo máis de 20 hectáreas, a maioría de monte veciñal e algunhas propiedades particulares. Foi un lume complicado porque entrou en masas de eucalipto que eran principalmente particulares. Nós tiñamos no monte masas de eucalipto, pero máis lonxe do que indica a lei, fóra dos 50 metros das franxas de protección,

O vento foi levando o lume en paralelo ás casas pola parte baixa da autovía, e vivímolo con medo e precaución polos veciños, e bastante alerta porque se o vento soplaba de sur pensamos que saltaría a autovía. As marxes da autovía non se limparan nunca, había xestas de 4 ou 5 metros tranquilamente. Tiñamos bastante medo pero ao final foi pasando próximo ás casas, e os veciños colaboraron moito e conseguimos que non afectase a ningunha vivenda, e finalmente conseguimos detelo e que non fora a máis desas 20 hectáreas.

Ese lume fixo que nos replantexaramos algunha cousa, xa que o monte quedara partido pola autovía e tiñamos eucalipto. e decidimos apostar por replantar con frondosa, bidueiro, carballo e castiñeiro, principalmente. Fíxose un esforzo económico, porque houbo que sanear a zona, cortar a madeira queimada, sen valor, dun eucalipto moi novo, e quitar outra zona de piñeiro, sanear e plantar.

A nosa idea é facer un cordón de frondosa que protexa. Levabamos tempo denunciando o abandono das marxes da autovía e serviu de toque de atención aos responsables disto, que tamén decidiron limpar as marxes da autovía e plantar frondosas, para facer un cortalumes verde que se manteña solo no futuro.

Estamos a apostar por cortalumes verdes, con frondosas caducifolias arredor das vivendas e da autovía, pero os lumes hoxe en día, con seca e calor, son imprevisibles e máis agresivos

Somos conscientes de que chegado o momento, o lume pode chegar de calquera parte, entón ao final por moito que ti teñas o monte ben xestionado, coa potencia que collen os lumes hoxe en día, o ambiente seco e o vento, sabemos deste perigo, e non queda outra que seguir traballando para que se algún día chega o lume ao noso monte, que non evolucione tan rápido e podamos detelo.

– Como vía de prevención dos lumes, no 2016 iniciarades un proxecto potente de introdución de cabras no monte veciñal, para controlar o mato. Logo, aquel proxecto inicial decidistes reducilo porque vístelo inviable, tal e como estaba montado. Fálanos de como foi todo o proceso.
– O proxecto co rebaño iniciouse no 2016 cun peche de 15 hectáreas e unha nave para resgardalas, e unhas 100 cabras que se trouxeron dos Ancares. A idea era pastorealas a diario, pero os problemas xurdiron de que ese peche de 15 hectáreas non era excesivamente productivo, xa que tiña un eucaliptal e pouco pasto.

As cabras rápidamente liquidaron ese peche e había que apostar todo ao pastoreo, o que implicaba ter unha persoa contratada para iso en exclusiva, e era un custe elevado para nós, sen axudas económicas. Houbo un segundo peche, pero a situación foi parecida, o rebaño medrou a 180 cabras, había un consumo elevado de herba, e fixemos como un reseteo. Decidimos reducir o número de animais e ir medrando pouco a pouco, na idea de dar pasos firmes.

Pastorear a diario as cabras non era viable economicamente para nós e ademais, os animais precisaban de importantes compras de forraxe. Decidimos resetear e cambiar de modelo

Entón reducimos a 70 cabras e fixemos un terceiro peche que nos facilitou a Consellería, de xeito que as cabras se vaian mantendo prácticamente soas. Intentaremos conseguir novos métodos para que sexa viable a incorporación ó monte, como o valado virtual, que pensamos que sería unha experiencia moi positiva para nós e para as cabras.

Desde que iniciamos o cambio e abandonamos o modelo semiextensivo, con moito consumo de herba, reducimos moito o gasto en herba e incluso sanitariamente as cabras melloraron moito, incluso nos partos. Agora mesmo están en extensivo e se autoxestionan elas, con varios partos dobres.

– Se un monte veciñal quixera meter cabras no monte desde cero, que lles aconsellariades, en base á vosa experiencia?
– Que recopilen a maior información posible, porque hoxe en día xa hai máis experiencias que cando iniciamos nós co proxecto. Informarse, visitar outras explotacións, e sacar ideas de como funcionan para poder adaptalo ao seu monte.

Sergio, co rabaño de cabras da comunidade de montes.

Sergio, co rabaño de cabras da comunidade de montes.

– A nivel de aproveitamentos madeireiros, como é a día de hoxe a situación do monte?
– Supoño que como no resto dos montes veciñais, principalmente aproveitamos o piñeiro e o eucalipto. A principal problemática é o prezo da madeira, que se segue pagando como hai 30 anos ou ás veces incluso menos. A maioría acaba en Finsa ou en Ence. O resto da madeira non ten saida. Cando fixemos un clareo nun souto de castiñeiros, tivemos problemas para colocar esa madeira, que finalmente foi para trituración, o que é unha mágoa, que non haxa industria en Galicia hoxe en día para este tipo de madeiras.

A madeira que sacamos dun rareo dun souto de castiñeiros tivo que ir para trituración. É unha mágoa que esa madeira non teña aproveitamento industrial especializado en Galicia

– Fálanos da vosa idea de futuro a nivel de ordenación forestal do monte.
– Estamos bastante próximos ao que queremos para o noso monte, con zonas de conservación e zonas de disfrute por parte da xente. E que haxa tamén zonas de produción de piñeiro e eucalipto. Reducimos a superficie de eucalipto porque entendemos que ten que haber unha ordenación, xa que hai zonas nas que non debería haber eucalipto como cerca dos ríos…

Levamos moito traballo feito nese sentido, e se tiñamos aos comezos dos 2000 unhas 180 hectáreas de eucalipto, hoxe en día teremos o 14% desa superficie a eucalipto. Reducimos unhas 130 hectáreas de eucalipto, e a idea é seguir reducindo, actuando nos bordes de pista.

Nos últimos 25 anos reducimos máis dun 80% da superficie de eucalipto, pero temos que manter unha parte, xa que non podemos depender só da madeira comercial de piñeiro

É importante para nós o tema da xestión de cara aos lumes, porque cada vez é unha problemática máis grave, con lumes máis agresivos, e temos que intentar facer unha xestión de cara a eso.

Como estamos facendo agora, coa xestión silvopastoril co rabaño de cabras, a idea é facer unha faixa de defensa a media ladeira, onde temos os peches, para que as cabras as manteñan limpa, e despois actuar nas beiras das pistas, zonas de mananciais, que nos serve como cortalumes verde, porque están conectadas coas propiedades particulares, que sabemos que normalmente ou non están xestionadas ou teñen eucalipto.

Esa é a idea. Seguir traballando nesta liña na que levamos 25 anos: prevención de lumes, con zonas de aproveitamento madeireiro e zonas de conservación e de lecer, tamén coa posta en valor do patrimonio, que tamén temos bastante.

Somos conscientes de que a superficie de eucalipto non se pode reducir moito máis porque non podemos depender só da madeira comercial do piñeiro. Temos claro que temos que ter algo de eucalipto, pero valorando tamén nas zonas nas que pode estar e nas que non, e si, intentaremos reducir algo máis, sobre todo en zonas de mananciais, que queremos recuperar, pois sabemos da demanda hídrica do eucalipto e da demanda que imos ter no futuro de auga, porque temos claro que os mananciais non recuperan tanta auga como antes.

Vemos que as chuvas son máis torrenciais e non tan continuas, e non filtra tanta auga no solo, e entón queremos botarlle man a esas zonas para que as catro traídas de auga que hai na nosa parroquia non sufran tanto o futuro que nos espera co cambio climático, con secas máis prolongadas.

Vista do monte veciñal de Meira.

Vista do monte veciñal de Meira.

– Tiñades tamén algunha plantación de frondosas caducifolias e castiñeiros. ¿Como está sendo a experiencia coas plantacións de castiñeiros?
– A experiencia principal, a máis grande, é a dun souto que se iniciou a principios dos 2000 e podemos dicir que é unha experiencia moi positiva, levou moito traballo, pois era unha selva de piñeiro, acacia e eucalipto na que non se daba entrado, e xa podemos ver o resultado.

Con moito traballo, transformamos unha selva de acacia, eucalipto e piñeiro nun souto de castiñeiros de 20 hectáreas

Foron anos de traballo, de castiñeiros que tiñamos que defender dos cabalos. É unha zona que agora mesmo, desde hai uns dous anos, está rexistrada como masa consolidada de frondosa autóctona polo rexistro da Xunta, sendo a única que hai agora mesmo no Morrazo, cunhas 20 hectáreas. É unha zona na que a xente vén a recoller castañas e setas, e paisaxísticamente é unha zona espectacular.

– En canto á castaña, facedes algo de recollida e venda? Ou pensades só no castiñeiro a nivel de madeira?
– Xa fixemos hai anos algún proxecto piloto, pero descartouse totalmente porque este non é un castiñeiro que destaque pola castaña, e toda a que recollemos, almacenouse e a humidade que tiña acaba estropeándoas. A mellor castaña que temos en Galicia a temos no interior.

Estes son castiñeiros híbridos, porque se non nos costaría moito máis que a especie se adaptara á zona de costa (pola enfermidade da tinta), e aínda así tivemos algún caso de chancro… O aproveitamento da castaña non se fai, ao final deixámolo para que os veciños veñan e recollan as castañas para consumo propio.

– A nivel social, cóntanos como está funcionando a comunidade de montes, en canto a participación dos veciños e do entorno.
– A nivel social, temos bastante actividade. Contamos cun local social con varias aulas que cedemos para bastantes actividades, como ximnasia, zumba, grupos folclóricos, baile, pintura, etc.

Tamén colaboramos económicamente con moitos colectivos, como o clube de remo Samertolameu, de Meira, co clube de atletismo, e colaboracións para as festas da parroquia e distintos colectivos, como a coral e outras asociacións que solicitan colaboración.

Por outra banda, intentamos que haxa implicación, temos feito actividades de voluntariado para que nos boten unha man e sobre todo, para que vexan o traballo que hai no monte e se impliquen, concienciando á xente da actividade que temos, recuperación de mananciais, algunha corta, eliminación de brotes en zonas de eucalipto para consolidar a frondosa que se plantou…

Gústanos implicar ós veciños e ós colexios no monte, sobre todo para que vexan o que se está facendo. Ese é o futuro, que se coñeza e se valore o noso traballo. Porque o que non se coñece non se valora nin se defende

Cos colexios empezamos a ter bastante actividade a nivel de charlas sobre incendios, sobre planta autóctona que temos, xornadas de visita ao monte para ver patrimonio, para ver o rabaño que temos de cabras, incluso para facer algunha limpeza de áreas recreativas… Estamos encantados de ter tanta actividade porque vemos que ese é o futuro: que se coñeza e valore o traballo que hai no monte, porque o que non se coñece non se valora, e o que non se valora non se defende. 

A Ría de Vigo, con Moaña ao fondo, vista desde o monte veciñal de Meira.

A Ría de Vigo, con Moaña ao fondo, vista desde o monte veciñal de Meira.

– En canto a traballadores na comunidade, que plantilla tedes a día de hoxe e que traballos cotiás se fan?
– De momento, somos dous traballadores, eu como capataz e Mario como peón, porque a economía da comunidade tampouco soporta máis plantilla polo de agora. Facemos traballos habituais, como botarlle un ollo ao rebaño, desbroces, mantemento de plantacións, podas, algunha corta pequena, e básicamente, calquera traballo que haxa que facer no monte.

– Estades nunha zona con moita presión urbán e tradición de uso do monte. Como é a convivencia cos usuarios do monte, xente que vai de paseo, en bicicletas, vehículos…
– Estamos nun monte totalmente periurbán e nótase a presión das cidades, co aumento da poboación, e temos que convivir con moito uso social e recreativo do monte. Temos moita xente en bicicleta, moita xente que anda en moto polas pistas, e xente que ven facer sendeirismo, xente que ven a comer ás areas recreativas.

Temos moito uso social do monte e pensabamos que co tempo, a xente tería máis conciencia en cuestións como recoller o lixo que xera ou non verter escombros. Pero semella que é ao contrario

Non temos problema con iso, pero notamos que nestes últimos anos parece que a conciencia medioambiental está decaendo un pouco e non se respeta o tema de recoller o lixo, incluso co tema de vertidos de escombro. Pensamos que co tempo, a xente tería máis consciencia neste sentido, pero parece que ao contrario. Pero do resto ben, moito uso e ata agora sen moita complicación.

– Outra cuestión que vos pode afectar é a dos parques eólicos. Cal é a situación no Morrazo?
– Todas as comunidades de montes do Morrazo estamos máis unidas que nunca, axudámonos mutuamente e estamos contra o parque eólico que está proxectado para aquí, para o Morrazo, que afectaría máis a Domaio e a Moaña. Nós libraríamos un pouco, pero si que hai un parque proxectado e levamos tempo prostestando, facendo manifestacións, rutas reivindicativas, e esperamos boas noticias pronto, de que ese proxecto vaia abaixo porque a sociedade aquí está totalmente en contra dese parque polo xeito no que se plantexa.

Tódalas comunidades de montes do Morrazo estamos contra o parque eólico aquí proxectado, esperamos que vaia abaixo

– Falabas tamén antes do importante patrimonio cultural que tedes no monte. Cal é a situación actual?
– Temos unha gran riqueza patrimonial. Desde un gran número de petroglifos que atopamos polo monte ata a torre de Meira, que agora podemos empezar a chamalo o castelo de Meira porque estase demostrando que era moito máis complexo que unha simple torre. E temos tamén un castro das Cidades, que actualmente non está visitable porque non se fixo ningunha actuación arqueolóxica, pero o temos en mente para o futuro, para seguir potenciando o noso patrimonio.

Aquí atopáronse moitos restos de tellas, puñais, cerámicas bastante inusual para a época… É unha grata sorpresa descubrir o noso patrimonio, aflorar todo o potencial que temos, coa axuda sobre todo do Concello de Moaña, que está bastante implicado na recuperación e conservación disto.

Sergio Chapela, nun souto de castiñeiros da comunidade de montes.

Sergio Chapela, nun souto de castiñeiros da comunidade de montes.

– Algunha cuestión máis que queiras comentar…
– A nosa idea é seguir traballando así, poñendo en valor o patrimonio dentro das nosas posibilidades, apostando por un monte multifuncional e pola recuperación de zonas de ribeira, que sabemos que afectarán positivamente á biodiversidade.

Tamén traballamos pola eliminación de grandes superficies de monocultivo, e apostamos pola defensa do monte contra o lume. Para nós, o principal é dar a coñecer a importancia e beneficio do monte, a nivel social, económico, ambiental… Para que as xeracións futuras se impliquen, o valoren, e o defendan, e haxa unha continuidade e relevo xeracional para este traballo colosal.


* Nota: Esta entrevista realizouse antes da vaga de lumes que afectou a Galicia desde mediados de agosto. No Morrazo, só houbo que lamentar un incendio de certa entidade en Vilaboa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información