Búscanse labregos e gandeiros próximos á xubilación que desexen dar relevo nas explotacións

A rede Nó Rural lanza unha enquisa entre profesionais do sector primario galego para localizar explotacións viables e en funcionamento pero que non teñen relevo xeracional. O obxectivo último é poñer en contacto as persoas que van abandonar a actividade no campo con aquelas que desexan incorporarse

POSE E GARCIA (Ponteceso) Sergio relevo xeracional

“Sen remuda xeracional no agro galego a súa supervivencia será só unha quimera”. Baixo esa premisa, a rede Nó Rural desenvolveu unha ferramenta para identificar as explotacións que finalizarán a súa actividade nos próximos anos e ofrecerlles un acompañamento que facilite a chegada de persoas emprendedoras que vexan o seu futuro no rural tomando o relevo.

Para a creación da base de datos, Nó Rural lanza unha enquisa dirixida a persoas próximas á xubilación, que poden empezar a pensar no futuro de cara a asegurar a continuidade da explotación e a xestión territorial que esta vén desempeñando. Trátase dun formulario breve que, aseguran, pode contestarse en apenas 5 minutos.

A enquisa xa está habilitada no portal web de Nó Rural: https://norural.gal/enquisas/ , e comezouse a distribuír a través das redes sociais das entidades que integran os 6 grupos motores do programa. Ademais dos 6 GDR que participan do proxecto de cooperación Leader, participan organizacións sindicais, oficinas rurais, entidades de aconsellamento, polos de emprendemento, centros de formación (FP da rama agraria), entidades do cooperativismo, asociacións, fundacións e similares, explotacións agrarias e outras empresas, e Universidade de Santiago.

Trátase de entidades e axentes do territorio con relación ou coñecemento directo de persoas agricultoras ou gandeiras próximas á xubilación ou nun momento no que poida iniciarse a reflexión a respecto da continuidade futura da súa explotación. No seu conxunto, abarcan un territorio integrado por 100 concellos (un terzo do total da Comunidade).

A enquisa xa está dispoñible na web de Nó Rural e nas rrss dos GDR

A enquisa xa está dispoñible na web de Nó Rural e nas rrss dos GDR

Unha vez que se dispoña da información sobre as explotacións en proceso de sucesión, realizarase unha clasificación dos datos afondando neses perfís, e levaranse a cabo entrevistas a pé de campo para coñecer en detalle as realidades concretas que permitan “comprender mellor o que está a ocorrer, e cando sexa posible, explorar formas de apoio, conexión ou acompañamento dende os propios territorios.”

O proxecto de cooperación Leader “Nó Rural” aglutina a seis GDR: Asociación GDR10 Limia-Arnoia, GDR Terra Chá, GDR Galicia Suroeste Eu Rural, Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e GDR Mariñas-Betanzos baixo o liderado de Seitura 22. Con esta nova iniciativa, continúa dando pasos adiante nun proceso co que busca contribuír ao relevo xeracional no agro galego.

O modelo catalán é o principal referente dende finais de 2025, cando comezou a transferencia da súa metodoloxía a Galicia. A primeira medida foi a creación dos 6 grupos motores nas 6 áreas de influencia dos GDR participantes no proxecto. Tras a súa constitución, arrincaban as reunións de traballo para analizar, dende unha perspectiva multisectorial, a realidade da remuda en cada territorio.

Complementando esta labor, hai apenas un mes, Nó Rural promovía unhas xornadas técnicas na provincia de Ourense baixo o lema “O relevo no sector agrario entre Galicia e Cataluña”, coa participación de responsables do Grupo de Desenvolvemento Rural ADRINOC, da Red Catalana de GDR´s (ARCA), de Desenvolvemento Rural da Generalitat e da Diputació de Barcelona.

NO RURAL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información