Buscan apoios para desenvolver 13 microproxectos no monte comunal do Viso

A comunidade de montes do Viso, en Redondela, lanza unha campaña para desenvolver iniciativas de recuperación ambiental, patrimonial e social

Buscan apoios para desenvolver 13 microproxectos no monte comunal do Viso

Actuacións realizadas na Franxa Verde da Nogueira.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso, en Redondela, inicia unha campaña de busca de apoios para desenvolver 13 microproxectos de recuperación ambiental, patrimonial e social nos seus montes. Algúns destes proxectos comezaron xa a tomar forma logo dos incendios acontecidos no 2006 e 2016 que afectaron aos montes desta zona. De feito, xa realizaron repoboacións con especies autóctonas que conforman unha faixa de protección e recuperaron espazos para mellorar a biodiversidade da zona.

Agora, a comunidade de montes ideou unha batería de proxectos, algúns xa en marcha, e procuran apoios privados, tanto de particulares como de empresas e públicos, de cara a acometer as actuacións propostas. Estes 13 proxectos afectan a un área de case 30 hectáreas e o orzamento ascende a máis de 165.500 euros.

A comunidade resalta que os proxectos favorecen á reserva de auga nos montes da comarca, minimizan a erosión do solo e o desprazamento de sedimentos ás rías e contribúen á fixación de carbono, coa creación de novas masas arboradas en zonas que arderon ou que estaban a mato.

Aquelas persoas e entidades interesadas en colaborar na aportación de fondos para desenvolver os microproxectos poden conctactar coa comunidade de montes no correo electrónico montesdoviso (arroba) gmail.com.

A continuación detallamos os 13 microproxectos:

-Fraga da Lomba. No barrio de Tuimil, restauraron unha área de 0,54 hectáreas entre vivendas, que noutros tempos fora un vertedoiro, saneándoa e repoboándoa con especies autóctonas. Agora precisan controlar a biomasa realizando brozas no 2020 e no 2022 así como podas en frondosas. O custo do proxecto ascende a 2.604,69 euros.

Valorización patrimonial da Peneda. Esta zona ten un importante valor patrimonial e xa realizaron plantacións de frondosas caducifolias e mantemento dos piñeirais. Prevén tarefas de roza da biomasa, eliminación dos eucaliptos na ladeira sur, repoboacións con sobreiras, podas e a demolición e adaptación dun palco de formigón, entre outras actuacións que ascenden a 47.915,46 euros.

Camiño de Santiago por Soutoxuste. O camiño atravesa a parroquia do Viso nunha zona con masas de piñeiro e eucalipto intercaladas con frondosas. Buscan substituír os eucaliptos e piñeiros por frondosas e realizar podas e rozas nun total de 1,90 hectáreas por un valor de 12.398,65 euros.

Proxecto-restauracion-Camino-Santiago-CMVMC-Do-Viso-

Proxecto de restauración no Camiño de Santiago.

Franxa verde do Escredo. Pretenden crear unha franxa de protección directa sobre o lugar de Escredo. Xa realizaron o control do rebrote do eucalipto e acacias e agora buscan repoboar con frondosas. Unha actuación que estiman en 2.746,63 euros.

Souto da Chan da Roda. Creación dunha franxa verde coa plantación de castiñeiros micorrizados para froito en 0,95 hectáreas. Xa plantaron as árbores e agora prevén tarefas de control de rebrote de eucalipto, reposicións, podas e rozas por valor de 2.324,08 euros.

-Fraga do Espiño. Este espazo serve de protección fronte a montes lindeiros de Ventosela e de Moreira e xa realizaron plantacións de diversas frondosas autóctonas. Agora pretenden realizar reposicións, rozas periódicas, podas e facer novas repoboacións, o que estiman en 16.548,64 euros.

Traballos na fraga do Espiño.

Traballos na fraga do Espiño.

-Miradoiro do Outeiro Grande. Ademais de miradoiro, é lugar de diferentes eventos, polo que pretenden aumentar a superficie de frondosas, instalar mesas e bancos e configurar unha área recreativa. Estiman que a actuación se faga por 17.825,06 euros.

-Franxa verde da Nogueira. Creación dunha área de defensa sobre a zona habitada de Chan da Nogueira. Xa realizaron labores de repoboación con frondosas e queren realizar reposicións e rozas da biomasa. Estiman que o custo dos traballos sexa de 1.655,28 euros.

-Rede Natura no Puntal. É un espazo degradado dende o punto de vista ambiental e da biodiversidade e xa fixeron restauracións do entorno con rozas e eliminación de acacias. Agora pretenden continuar coas rozas e controlar o rebrote das acacias. Calculan unha inversión de 5.947,59 euros.

Proxecto-restauracion--rede-natura-CMVMC-Do-Viso-

Actuación de acondicionamento dentro da Rede Natura no Puntal.

-Fraga de Rabuñade 1. Neste espazo no barrio de Tuimil eliminaron e sanearon un antigo vertedoiro repoboando con frondosas. Agora queren seguir a manter desbrozada a zona, controlando o rebrote de acacias e realizando reposicións e podas, polo que estiman que precisarán 6.645,76 euros.

-Fraga de Rabuñade 2. Realizaron unha repoboación nunha antiga zona rasa con matogueira e precisan realizar podas, reposicións e rozas, para o que calculan uns 1.861,73 euros.

-Augas do Viso. Intervención no entorno das captacións de auga para manter o mato controlado e substituír especies produtoras como o piñeiro e o eucalipto por frondosas que axuden a mellorar a recarga dos acuíferos. Prevén realizar rozas, control de especies, repoboacións e podas por valor de 10,857 euros.

-Rede verde lineal. Creación dunha área devasa ao longo de 1,2 quilómetros da pista principal do monte Espiño e dos 1,6 quilómetros da estrada de Outeiro Grande cunha franxa de frondosas. Unha actuación que estiman en 36.218 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información