Bruxelas aproba que industrias cárnicas podan filetear fóra Galicia canais da IXP Ternera Gallega

Bruxelas aproba que industrias cárnicas podan filetear fóra Galicia canais da IXP Ternera Gallega

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar o Documento único modificado da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, co que se dá por rematado o proceso de modificación do seu prego de condicións. Así, os dous cambios que se aproban son un relativo ao grao de engraxamento admisible nos canais e o outro relacionado cos requisitos esixibles ás instalacións nas que se poden realizar as operacións de fileteado.

Sobre a ampliación dos operadores aos que se vai permitir facer o fileteado, estas operacións ata agora só se podían realizar nas industrias inscritas no rexistro correspondente do Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas de Carne de Vacún de Galicia (e, polo tanto, situadas no ámbito xeográfico da IXP) ou en establecementos específicos dos puntos de venda finais cos que o Consello Regulador tivese asinado acordos de colaboración para facilitar o control do etiquetado e da comercialización da carne.

Con este cambio que se vén de aprobar, estas operacións de fileteado tamén as poderán realizar as industrias cárnicas que operan no mercado, asinando previamente un acordo de colaboración que permita ao consello regulador facer un adecuado control destas operacións e da trazabilidade do produto.

Cambios no grao de engraxamento das canais

En relación ao grao de engraxamento, a modificación significa admitir un grao de engraxamento máis baixo no caso dos canais de mellor conformación. Isto xustifícase en que os canais de Ternera Gallega se corresponden na súa maioría -aproximadamente o 99%- con animais sacrificados con menos de 12 meses e cun peso por debaixo dos 300 kg/canal, o que dá como resultado canais con conformacións menos desenvolvidas e con escasa graxa de cobertura que destacan pola súa carne saborosa, tenra e zumarenta.

Ata o de agora, a cobertura graxa debía alcanzar o grao 2 pero con esta modificación poderán tamén entrar os canais con grao de engraxamento 1 cando a conformación estea nas categorías “S”, “E” ou “U”, xa que desde o punto de vista produtivo -de calidade da carne e organolepticamente- os canais resultantes cumpren perfectamente todos os requisitos para ser certificados baixo o amparo da indicación xeográfica protexida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información