En viñedos do Barbanza ou Betanzos é relativamente doado atopar cepas de Branco Lexítimo, unha variedade que, aínda que minoritaria en Galicia, ten certa presenza nestas Indicacións Xeográficas Protexidas. Pero, ademais, en condicións ben diferentes, como son as da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, tamén se asentou e cabe preguntarse como se comporta a variedade Branco Lexítimo nesta zona de montaña.
Esa foi precisamente a pregunta que deu pé a un estudo no que ademais de coñecer a adaptación desta variedade ás condicións da viticultura de montaña, tamén analizaron a súa calidade aromática. Ademais, no marco deste traballo realizaron unha comparativa con outras variedades cultivadas na zona, como son a Albariño ou a Loureira.
Viñedo na montaña
O estudo foi levado a cabo polo Instituto de Ciencias da Vide e do Viño do CSIC e a Universidade de Santiago de Compostela e contou coa colaboración da adega Ponte da Boga, situada en plena Ribeira Sacra. “Este traballo desenvolveuse no marco de dous proxectos CDTI desenvolvidos pola adega entre 2018 e 2023”, explica a investigadora do ICVV, Mar Vilanova.
O traballo centrouse nunha das parcelas que xestiona a adega, coñecida como Parcela San Vitorio, situada en Ribeiras de Miño a uns 500 metros de altitude. “O primeiro que fixemos foi un estudo de clima desta subzona para comprobar como se adaptaba a variedade”, explica a investigadora. En concreto, nesta parcela o clima é tépedo, seco e con noites frías.
Tamén tiveron en conta a evolución da data de vendima neses anos. “A nivel de composición aromática e de síntese de volátiles foi determinante a amplitude térmica rexistrada no viñedo, que se situaba entre os 23 e os 30 graos, dependendo do ano de estudo”, sinala Vilanova.
Branco Lexítimo fronte a outras variedades brancas
Na parcela, ademais de Branco Lexítimo tamén hai cepas de Godello, Treixadura, Loureira e Albariño, o que posibilitou que tamén puidesen realizar unha comparativa das distintas variedades.
As cepas de Branco Lexítimo en parcelas de montaña sitúanse entre as variedades máis produtivas, con máis de 2 quilos por planta
En termos de produción, as cepas de Branco Lexítimo sitúanse entre as máis produtivas, só por detrás da Godello, na que se lograron 2,76 quilos por planta. Así, na Branco Lexítimo alcanzáronse os 2,09 quilos por planta. Mentres, as demais variedades cultivadas na parcela non superan os 2 quilos por planta. No caso da Loureira é de 1,75 quilos, na Treixadura é de 1,38 quilos e no Albariño sitúase en 1,37 quilos.
En canto a outros indicadores como o número de acios e o peso destes, a Branco Lexítimo ten unha media de 14 acios e cun peso de 108 gramos. Neste caso sitúase nunha posición media, xa que a Godello mantense como a máis produtiva cunha media de 22 acios aínda que cun peso de 111 gramos. Mentres, nas cepas de Albariño contabilízanse unha media de 18 acios cun peso de 76 gramos por acio. As cepas de Loureira teñen uns 12 acios, cun peso de 143 gramos e nas de Treixadura contabilízanse 10 acios cun peso de 138 gramos.
O Branco Lexítimo sitúase en valores próximos ao Albariño en canto acidez e azucres
“A nivel de composto de maduración, aínda que todas foron vendimiadas na mesma data, vimos que a Branco Lexítimo sitúase en termos moi similares ao Albariño, tanto en acidez como en azucres”, explica a investigadora. É unha variedade de ciclo curto e madura moito antes que outras variedades como a Loureira.
O perfil aromático do Branco Lexítimo de montaña
O estudo céntrase en coñecer a composición aromática e entre outras conclusións puideron comprobar como o Branco Lexítimo neste tipo de condicións móstrase como unha variedade moi terpénica. “Por estudos previos, sabiamos que esta variedade era moi terpénica e vimos que en concreto sitúase entre a Loureira, recoñecida como a máis terpénica das variedades galegas, e o Albariño”, indica a investigadora.
É unha variedade moi rica en glicosilados, compostos fundamentais para a produción dun viño aromático
“Ademais, a Branco Lexítimo resultou ser unha variedade moi rica en glicosilados, a nivel de terpenos e norisoprenoides, compostos moi importantes para a produción dun viño aromático”, indica Vilanova. A diferenza da Loureira que contén unha concentración similar de libres e glicosilados, a Branco Lexítima nestas condicións resulta ser unha variedade cunha maior fracción glicosilada, do mesmo xeito que o Albariño. Así, realizaron un perfil da Branco Lexítimo ao longo dos 5 anos para ver a súa evolución.
Ademais realizaron unha análise sensorial seguindo a Norma ISO I 1035 nos anos 2021 e 2022, cando a adega vinificou. “Observamos perfís moi similares os dous anos, caracterizados por aromas froiteiros, tropicais e florais, cunha pequena diferenza entre anos, sobre todo a nivel do descritor de mazá, sendo superior no ano 2022”, concreta a investigadora.
Branco Lexítimo en Galicia
Branco Lexítimo é unha das variedades minoritarias de uva branca que se cultiva hoxe en día en Galicia. Na actualidade contabilízanse unhas 18 hectáreas desta variedade que se reparten en distintas zonas produtivas. A Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos é onde maior presenza ten, cunhas 6 hectáreas, seguida do Barbanza, onde alcanza as 3 hectáreas e é coñecida popularmente como Raposo. Mentres, na Denominación de Orixe Ribeira Sacra contabilízanse 2 hectáreas. Tamén en Terras do Navia contabilízanse unhas 4 hectáreas desta variedade, coñecida nesta zona como Branco País.
Noutras zonas próximas a Galicia tamén atopamos Branco Lexítimo, aínda que coñecida como Albarín Blanco. Así, rexístranse unhas 40 hectáreas desta variedade en Asturias e alcánzanse as 90 hectáreas en León.