Bota a andar o proxecto Life Rexenera Limia para reducir a contaminación gandeira nos ríos da comarca

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe co resto de socios o convenio para a execución desta iniciativa, que se estenderá ata 2017 cun orzamento de 2 millóns de euros.

Bota a andar o proxecto Life Rexenera Limia para reducir a contaminación gandeira nos ríos da comarca

Panorámica da Limia. Autor: contosdorio.com

O proxecto Life Rexenera Limia reducirá a presenza de nutrientes de orixe agraria e gandeira nas masas de auga da comarca da Limia, unha das de maiores carga gandeira de Galicia, e recuperará e rehabilitará os cursos fluviais afectados a través de técnicas innovadoras.

Así o manifestaron hoxe en Ourense, os socios desta iniciativa, tras rubricar o convenio de colaboración. Participaron nesta sinatura a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o representante da empresa Coren, Emilio Río; e o de Ecolagunas, Luis Felipe Fernández.

Segundo sinalou a conselleira de Medio Ambiente o obxectivo é reducir “ao máximo posible” os efectos que a utilización dos fertilizantes e abonos teñen nas masas de auga da Limia, a modo de eutrofización das augas durante o verán, unhas consecuencias que tamén se deixan notar nos bosques de ribeira.

26 actuacións para facer compatibles a intensa actividade agrogandeira na comarca co respecto ao medioambiente

Para conseguilo, impulsaranse actuacións pioneiras de prevención, control, recuperación e información dos resultados a gandeiros, agricultores e outros profesionais destes sectores. Trabállase tamén coa idea de que estes resultados poidan extrapolarse a outras zonas coa mesma problemática.

O Life Rexenera Limia está composto por un total de 26 actuacións, algunhas delas xa executadas, ao abeiro do protocolo de compromiso que se asinou en 2014 para dar comezo a este proxecto.

Do total de medidas, a Consellería centrarase en tres accións concretas. A primeira consistirá na recuperación e rehabilitación dos cursos fluviais modificados co obxectivo de mellorar a súa capacidade de retención e asimilación de nutrientes. No marco desta actuación, trabállase tamén na restauración ambiental das marxes de ribeira e o bosque ripario das canles fluviais.

Investiranse 2 millóns de euros ata o 2017

Asinantes do convenio.

Asinantes do convenio.

Ademais, o departamento autonómico está a participar activamente na recuperación e rehabilitación do ciclo hidrolóxico de charcas areeiras abandonadas. O obxectivo é xerar un sistema lagunar que potencia a capacidade de filtrado do curso fluvial. Nesta mesma materia, a Consellería tamén está a restaurar ambientalmente as marxes de ribeira e potenciando a vexetación riparia destas charcas. A execución desta medida comezou en decembro, e actualmente se está ultimando.

A última das tres actuacións que desenvolverá a Xunta será a de monitorización e avaliación medioambiental dos resultados. Realizarase un seguimento do impacto da mellora na flora e fauna das zonas de intervención, especialmente no referido ás aves e á ictiofauna.

O investimento total neste proxecto para a comarca da Limia supera os 2 millóns de euros e estenderase durante tres anos (2015-2017).

Creación dun sistema de zonas húmidas para a depuración natural dos xurros de porcino

Ademais das medidas que xa está a executar a Consellería de Medio Ambiente, dentro do proxecto destacan outras como o desenvolvemento de solucións alternativas para a xestión de residuos gandeiros para reducir o seu impacto medioambiental. En concreto, tense creado un sistema de zonas húmidas artificiais como proxecto piloto de tratamento de xurros de porcino por medio destes métodos naturais de depuración.

Tamén se está a optimizar o uso de fertilizantes de orixe orgánico, e avánzase na transmisión de información entre o colectivo de gandeiros e outros profesionais do sector a través dun plan de sensibilización e educación ambiental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información