Boqueixón acolle senllos cursos sobre produción de froitos vermellos e cultivo de cogomelos

Publicidade
Boqueixón acolle senllos cursos sobre produción de froitos vermellos e cultivo de cogomelos

Entre outros froitos, abordarán o cultivo dos arandos.

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, acollerá nos próximos días senllas formacións sobre a produción de froitos vermellos e sobre o cultivo de cogomelos.

Canto ao curso sobre froitos vermellos será os días 12 e 13 de novembro e terá unha duración de 15 horas lectivas. Centrarase nas posibilidades que ofrece o cultivo e a comercialización de framboesas, grosellas, moras, arandos e a madreselva comestible, dado o seu alto valor no mercado. Así, abordarase a plantación e cultivo destas especies, así como a preparación do solo. Tamén se falará de rega e fertilización, de podas, de pragas e enfermidades, de colleita e de comercialización.

No que respecta á acción sobre cogomelos terá lugar os sábados 13 e 20 de novembro e centrarase na micoloxía silvestre e no auxe que están experimentando opcións como o cultivo sobre restos agroforestais (serraduras, estela, palla…), así como en madeiras de frondosas resultantes de podas e rareos. Coa idea de que a produción de cogomelos pode servir de complemento económico ao sector agrícola ou mesmo de actividade principal, tratarase a historia deste tipo de cultivos, as súas características e pautas para a súa identificación e recolección. Ademais, levaranse a cabo obradoiros de cultivo de cogomelos en substratos orgánicos e en troncos, así como unha saída ao monte para recoller distintas especies.

Estas iniciativas están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Para formalizar a inscrición deben enviar a solicitude a cursos.agacal.sergude@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331.

Ambos cursos están organizados pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

– Descarga aquí a solicitude para a inscrición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información