“Boom” nos prezos da uva branca en Galicia nesta vendima

Na zona das Rías Baixas a caste de Albariño chega a superar os 2,5€ mentres que na zona do Ribeiro ascende a unha media de 1,5€. Pola contra, as variedades tintas mantéñense estables con unha lixeira subida con respecto aos anos anteriores

Publicidade
“Boom” nos prezos da uva branca en Galicia nesta vendima

O prezo da uva branca disparouse en todas as Denominacións de Orixe

As Denominacións de Orixe de Galicia están na época da vendima, algunhas en plena actividade e outras, como o caso da Ribeira Sacra, no pistoletazo de saída da data de inicio oficial. Ata o momento, os prezos desmárcanse notoriamente dos anos anteriores dun xeito xeneralizado en todas as D.O., principalmente nas uvas brancas. Os valores máis altos rexístranse nas Rías Baixas, onde os casos máis comúns enmárcanse entre os 2,30€ e os 2,50€, e os máis extraordinarios superan os 3€.

Tras a baixada dos prezos da uva durante os anos de pandemia, a situación foise estabilizando ata subir repentinamente nesta campaña. A chegada de grandes grupos bodegueiros, o aumento da comercialización dos viños brancos galegos, e as melloras de marca nos últimos anos serviron de caldo de cultivo para que os prezos destas variedades se disparase. Ademais, o recoñecemento adquirido por todas as Denominacións en premios nacionais e internacionais, xoga un papel fundamental nas leis de mercado da uva galega.

Balance de prezos

Este ano a uva branca está moi buscada nun mercado caracterizado polo aumento de prezos. Isto denota que “nos últimos anos os viños brancos galegos están de moda, o que significa que se están facendo cousas ben feitas a nivel vitícola, e iso repercute nos prezos; as bodegas necesitan maior volume polo incremento de ventas, e polo tanto, teñen que axustar máis os prezos se as queren levar”, explica Carlos Basalo, responsable de viticultura en Unións Agrarias.

Uva branca a piques de ser recollida na zona sur de Galicia

Uva branza a piques de ser recollida

“Hai que recordar que a obriga de ter contratos feitos, posto que así o establece a Lei da cadea agroalimentaria, leva a que se mova antes o mercado, e a establecer uns prezos de recollida anteriores á vendima. Este ano, coa suba xeneralizada dos combustibles, entre outros, “é entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola”, detalla Basalo.

“É entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola” (Carlos Basalo)

Así, a uva máis cotizada de Galicia é a Albariño das Rías Baixas que está situada “no abano dos 2,30€ aos 2,50€, aínda que hai algúns casos que chegaron aos 3€ ou 3€ e algo”, concreta Santiago Roma, de Bodegas Roma. Así mesmo, o adegueiro expresa que “non foi unha mala colleita, senón todo o contrario”, e expresa que “ao ir implantándose o viño nos mercados nacionais e internacionais medrouse moito en demanda porque a D.O. Rías Baixas estaba sendo competitiva en relación calidade prezo, e isto foi repercutindo na uva cada vez máis”.

“A uva Albariño das Rías Baixas chegou nalgúns casos aos 3€ ou 3€ e algo” (Santiago Roma)

Do mesmo xeito, “outra das uvas buscadas e ben valoradas en todas as Denominacións é a Godello”, avanza Carlos Basalo. “De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio; se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento. Por iso, a min estas cantidades non me parecen normais porque hai que aplicarllas á botella de viño, e o mercado vaise resentir”, concreta Ernesto Rodríguez, da Bodega Crego e Monaguillo. Por outra banda, os prezos na D.O. Ribeiro acadan prezos similares: “as castes utilizadas, tanto Treixadura, como Godello ou Albariño sitúanse entre o 1,40€ e o 1,70€; outras como a Palomino baixan aos 0,85€”, detalla Basalo.

Acio de uva tinta en óptimas condicións

Acio de uva tinta en óptimas condicións

“De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio, se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, e este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento” (Ernesto Rodríguez)

A tendencia dos prezos continúa ao cambiar á Denominación de Orixe de Valdeorras. Efectivamente a diferencia económica con respecto ao ano pasado é notoria “pero depende do tipo de comprador”, afirman fontes locais do sector. “Se a compra a realiza unha cooperativa, a uva de Godello ronda o 1€, e a uva Mencía os 0,95€; sen embargo, se a compra a fai unha adega privada pode oscilar o 1,50€, e chegar a case 3€ naquelas fincas con bo terreo, onde ten unhas calidades e unhas propiedades superiores”, concretan.

Pola contra, a escalada dos prezos rómpese coas variedades tintas posto que son “as que maior estabilidade mantiveron”, destaca o responsable de viticultura de Unións Agrarias. A zona que máis utiliza estas castes é a Ribeira Sacra: “Nós somos 93% tinto”, sintetiza o presidente da Denominación de Orixe José Manuel Rodríguez. “Houbo un lixeiro aumento que se encaixa na absoluta estabilidade; a nós non nos afectou a seca e hai unha cantidade sen moita variación”, afirma. Por iso, “a uva Mencía, ao ser a que máis abunda, pode rondar os 0,90€ e o 1,20€, mentres que as variedades autóctonas como son Sousón, Caíño tinto ou Brancellao están próximas ao 1,50€”, da de referencia Carlos Basalo.

Situación insostible para a próxima campaña?

Esta subida de prezos na uva estivo acompañada por un desequilibrio entre produtores e adegueiros. A chegada de grandes grupos bodegueiros a Galicia influenciou o balance de pagamentos, como foi no caso das Rías Baixas. “Ao implantarse bodegas con repercusión nacional e internacional, ofertando un maior prezo por quilo de uva, incrementou en exceso os pagos medios e moitas adegas asentadas desde fai anos aquí víronse obrigadas a subir, e en moitos casos iso non permitía ningunha marxe para o bodegueiro”, critica Santiago Roma.

“O viticultor ten que cobrar un prezo digno posto que é unha base para perpetuar o potencial do sector, pero non debemos pasarnos en darlle un salto tan grande aos prezos porque pode comprometer a situación para as vindeiras vendimas”, opina Santiago Roma. Deste xeito, o adegueiro explica que perpetuar estes prezos pode ser algo inasumible no sector agroalimentario, polo que “o que se está facendo é tirar pedras contra o noso propio tellado”, comenta.

Fonte: Adega Castro Lobarzán

Imaxe da vendima en Monterrei, na adega Castro Lobarzán

Neste sentido, “quen ten que axustar os prezos da venda final da uva son as adegas; vender un viño a 3€ a quen lle vai repercutir é ao produtor de uva, por iso hai moitas veces que, en vez de vendelo a ese prezo, cómpre vendelo a máis para que a produción sexa sostible”, aporta Francisco Pérez, da Bodega Couto Mixto. Así mesmo, “se queremos soster o sector, temos que ir á par bodegueiros e produtor de uva, evitando os desequilibrios agora existentes no mercado”, avanza Roma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información