Boicot ó leite importado en Inleit, unha planta multisubvencionada para “valorizar o leite galego”

Unións Agrarias intensifica as accións de protesta contra a importación de leite barato a medida que finaliza o prazo para renovar os contratos. A organización baleirou hoxe unha cisterna portuguesa ante Inleit, pois calcula unha media de 12 cisternas diarias que entran de Portugal na factoría

Baleirado dunha cisterna de leite procedente de Portugal este venres ás portas de Inleit en Teixeiro

Baleirado dunha cisterna de leite procedente de Portugal este venres ás portas de Inleit en Teixeiro

A medida que se achega o 31 de marzo, data límite para asinar a renovación de contratos do leite, as organizacións agrarias están a intensificar as súas accións de protesta diante das industrias lácteas, reclamando tamén á Administración maior contundencia diante da baixada de prezos anunciada.

Este venres, Unións Agrarias baleirou unha das cisternas de leite procedentes de Portugal coas que Inleit está a abastecer a súa planta de Teixeiro. Óscar Pose, responsable do sector lácteo de Unións, denuncia que son máis de 300.000 litros de leite ao día, unhas 12 cisternas, ás que a empresa de capital americano está a procesar cada día en Curtis procedentes de Portugal. “Son moitas cisternas ao día. Estase substituíndo a recollida de leite de produtores de aquí”, asegura.

“Estase substituíndo a recollida de leite de produtores de aquí por cisternas de leite de fóra” (Óscar Pose)

Coa acción desta mañá Unións quixo deixar tamén en evidencia a actitude que consideran laxa e permisiva da Xunta de Galicia. “Moi normal non é que a Administración galega dea máis de 10 millóns de euros a esta industria para facer iso”, critica Pose.

O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cifrara no seu día en 14 millóns de euros as axudas concedidas a Inleit para “xerar valor engadido ó leite galego”.

O presidente da Xunta destacara nunha visita á factoría a importancia de “xerar valor engadido ó leite galego”, para o que Inleit contou con 14 millóns de euros de axudas autonómicas

“Levamos constatando e denunciando nas últimas semanas o aumento nas entradas de leite -advirte Pose-, que tamén reflicten os propios datos do Ministerio, cun incremento disparado das importacións de leite desde decembro. Pero o leite non entra só, son as industrias de aquí as que o traen”, evidencia Óscar.

Estratexia para abaratar o prezo do leite en Galicia

A situación de excedente de leite en países como Francia ou Portugal está a ser aproveitada polas empresas que operan en Galicia para abaratar o prezo do leite na comunidade. “Con isto a industria o que quere é estirar a baixada do prezo do leite en Galicia máis aló dos 4 meses de vixencia dos novos contratos. A industria está arreglando a súa conta de resultados para todo o ano 2026”, afirma.

A estratexia da industria traendo leite de fóra é abaratar o prezo do leite en Galicia non só nos vindeiros 4 meses

“A situación de aumento de excedentes en países de por si xa excedentarios é algo coxuntural, debido á baixada que se produciu no valor do leite en po e a manteiga, que xa se están a recuperar”, opina Pose.

Controis nas industrias e nos supermercados

Unións Agrarias avanza que intensificará nos vindeiros días os controis con piquetes nas industrias, a medida que se achega a data límite para asinar os novos contratos, así como a vixilancia nos supermercados.

“No lineal estase substituíndo o selo de orixe España por orixe UE para dar cabida ao leite que vén de fóra. Imos sinalar claramente ás cadeas de distribución que están a facer isto porque se está enganando ao consumidor”, din, poñendo como exemplo marcas que cambiaron recentemente de etiquetado, pasando de “orixe Galicia” a ‘orixe UE’, “como foi o caso da marca Xoia (Clun)”, apuntan desde Unións.

Cómpre lembrar que Clun atribuiu recentemente ese cambio de etiquetado do envase de Xoia a un simple erro, en proceso de corrección, garantindo que todo o leite envasado baixo a marca Xoia era galego.

Anulación de contratos

Do mesmo xeito, Unións Agrarias pide que se anulen os contratos que se asinen entre industrias e gandeiros cos prezos de renovación que están a propoñer as empresas debido a que as acusadas baixadas contravirían a lexislación vixente.

“Os contratos que se están asinando para nós son ilegais e esperamos que a Administración tome nota para que se declaren nulos e se asinen uns novos a uns prezos superiores”, pide Óscar.

“Se os custos de produción están subindo, o prezo do leite non pode estar baixando. A Administración ten que facer un traballo de fixación de custos e poñer en marcha os mecanismos necesarios para obter un índice oficial de referencia. Se esta situación se mantén no tempo vai haber moitas granxas que teñan serias dificultades”, advirte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información