Boicot contra as importacións de leite polas industrias

Gandeiros galegos baleiran un camión cisterna de leite portugués en Monforte. Os produtores advirten de que a acción diríxese contras as empresas transformadoras, ás que acusan de usar as cisternas de Portugal para abaratar o produto en Galicia e facer ver que sobra

Boicot contra as importacións de leite polas industrias

Os produtores pararon o camión á saída da Nacional 120 e procederon a baleiralo.

A falta de solucións para a complicada situación pola que atravesan as explotacións lácteas desde hai un ano está a levar ós gandeiros a novas accións contra as industrias transformadoras. O foco centrouse esta vez contra as importacións de leite. Unha trintena de gandeiros parou esta tarde en Monforte un camión cisterna que se dirixía a Euroserum Ibérica con 35.000 litros de leite. Tras comprobar o orixe da carga, do norte de Portugal, os produtores abriron a cisterna e baleiraron o seu contido sobre o asfalto.

fornecedora vertical

Coa acción de boicot de hoxe, os gandeiros tratan de cuestionar a entrada diaria de leite portugués para as industrias asentadas en Galicia, en tanto as granxas galegas reciben mes si e mes tamén a mensaxe de que sobra leite no mercado. “As industrias están a utilizar as importacións para baixar aquí o prezo e para facer ver que o leite sobra” -critica un dos gandeiros que participou na protesta de hoxe.- “Este non é un boicot contra o leite portugués nin contra os gandeiros portugueses, que teñen problemas semellantes ós nosos, senón contra as empresas transformadoras”, advertiu.

Os produtores consideran que o leite que se dirixía a Euroserum ía ser procesado para a súa posterior venda a outras industrias transformadoras. “Cada día, vemos como entran cisternas de leite en Galicia procedentes de Portugal. Non temos nada contra ese leite, pero sempre que as industrias garantan aquí a recollida de toda a produción a prezos de mercado”, cuestionan.

Pagos a prezos de leite en po
O malestar dos produtores céntrase nas empresas que están abandonando rutas de recollida e naquelas que pagan parte das entregas a prezo de leite en po, como Larsa ou Reny Picot. “No caso de Larsa, por exemplo, non hai nin tan sequera o compromiso de recoller a prezo de mercado o leite que se viña entregando ata a campaña 2014-2015, na que remataron as cotas. Págase o 80% dese leite a prezo de mercado, en tanto o resto págase a un prezo máis baixo porque din que vai para leite en po, pero non temos ningunha garantía de que ese sexa efectivamente o seu destino”.

fornecedora primeiro plano

As importacións procedentes de Portugal son tamén obxecto de especial seguemento pola Xunta, que fixo máis de 200 controis de estrada nos últimos meses para comprobar a documentación e trazabilidade do leite que entra en España. Eses controis foron criticados estes días pola Asociación Nacional de Industrias Lácteas de Portugal, que critica que se queiran frear as súas exportacións. As industrias lusas alegan que importan máis de España do que exportan, se ben a relación con Galicia é distinta. A comunidade importa de Portugal o triple de leite do que envía para o país veciño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información