Boas prácticas no manexo das enfermidades da madeira da viña

Un proxecto europeo, Winetwork, no que participa o Instituto Galego de Calidade Alimentaria, inicia a divulgación entre os viticultores de recomendacións para controlar as enfermidades da madeira

Publicidade
Boas prácticas no manexo das enfermidades da madeira da viña

Conferencia internacional sobre as enfermidades da madeira de vide, en Sergude (Boqueixón).

As enfermidades da madeira de vide volven a xurdir nos últimos anos como un problema a ter en conta polos viticultores. A prohibición de produtos fitosanitarios como o arsenito sódico, cambios no manexo do cultivo, cunha maior mecanización e máis feridas, ou a aparición de novas estirpes de fungos son algúns dos factores que explican o incremento da virulencia das enfermidades da madeira. Non hai variñas máxicas para erradicalas, polo que as boas prácticas no manexo do viñedo resultan claves para convivir co problema.

Un proxecto europeo, Winetwork, no que participa o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), está a promover a transferencia de coñecemento ós viticultores para unha mellora do control das enfermidades da madeira, tales como a esca, a eutipiose, a enfermidade de petri, o pé negro ou as Botryosphaeria .

No marco do proxecto, celebrouse días atrás en Sergude (Boqueixón) unha conferencia internacional con presenza de investigadores, viticultores e técnicos. A iniciativa tamén aborda a prevención da flavescencia dourada, un problema xa presente en Portugal.

Resumimos a continuación algunhas das cuestións sobre as enfermidades da madeira que se apuntaron nas xornadas, así como as recomendacións de boas prácticas que se están a difundir no marco do proxecto.

Plantación do viñedo

– Elixa patróns menos susceptibles ás enfermidades da madeira de vide. Para patróns, recoméndanse VR039-16 e ‘Freedom’ ou cruzamentos de ‘Vitis riparia’ X ‘Vitis berlandieri’: SO4 161-49 e 420A.

– A mellor orientación é a sur, preferiblemente en zonas altas de ladeira, onde os ventos manteñen baixos niveis de humidade.

– Prepare o chan axeitadamente, evitando a compactación e facilitando a circulación do aire e a auga, así como a actividade microbiana.

– Use material de plantación certificado e evite danos no sistema radicular, asegurándose de que as raíces queden orientadas correctamente. Recoméndase tratar as raíces antes de plantar con solucións de Trichoderma para favorecer a resistencia da planta ós patóxenos.

– Evite altas densidades de plantación para limitar a incidencia das enfermidades da madeira.

Termoterapia en viveiros
Para reducir o nivel de patóxenos en planta nova, recoméndase que os viveiros fagan tratamentos do material de propagación con auga quente. Está comprobado que a termoterapia a 53ºC durante 30 minutos non afecta ós parámetros de calidade da produción e que contribúe a reducir a taxa de infección da madeira.

O sistema non é moi popular entre os viveiros europeos, pois menos dun 30% o utiliza, pero é recomendable, non só fronte ás enfermidades da madeira, senón para previr a flavescencia dourada, para a que se recomendan tratamentos de 50ºC durante 45 minutos.

Poda
As feridas de poda constitúen un punto de entrada dos fungos das enfermidades da madeira de vide (EMVs), en tanto que os restos de poda, a madeira morta e as cepas sintomáticas representan unha fonte de inóculo fúnxico. O manexo preventivo das EMVs é clave, pois cando aparezan os primeiros síntomas, o mal xa estará ampliamente extendido na planta.

– A poda debe facerse en periodos secos. Se é posible, ten que facerse a principios do outono ou a finais do inverno, cando as temperaturas son máis altas, para minimizar as novas infeccións e mellorar a cicatrización.

– Inmediatamente despois da poda, recoméndase a aplicación dun tratamento preventivo. Os mástic e os funxicidas biolóxicos ou químicos son eficaces como tratamentos preventivos.

A aplicación de funxicidas biolóxicos tras a poda mantén un efecto preventivo durante meses

– Os funxicidas químicos teñen un efecto inmediato de protección, pero escasa persistencia, en tanto os tratamentos de pulverización con Trichoderma precisan de tempo para colonizar as feridas pero teñen efecto durante meses. Ensaios realizados en Canadá concluiron que a Trichoderma reduce un 40% as posibilidades de infección ás 24 horas e xa un 80% sete días despois da súa aplicación.

– A pulverización das feridas de poda, sempre que se use un elevado volume de auga, é tan efectiva como os tratamentos mediante brocha.

– As plantas con síntomas de enfermidades da madeira son unha fonte de inóculo. Para previr novas infeccións, restos de poda e cepas mortas deben ser eliminadas do viñedo.

– Os sistemas de conducción e os métodos de poda poden minimizar a penetración dos fungos e o risco de infección. Un dos sistemas que se aconsella é o Guyot-Possard, que busca manter as rutas da savia dun ano para outro por medio dun tipo de poda que tende a situar as feridas na parte superior do cordón.

– Débense evitar as grandes feridas e os cortes de renovación.

– As plantas con síntomas cómpre podalas por separado e desinfectar as ferramentas de poda -por exemplo, con auga osixenada- entre cada vide.

– En Canadá, mídese a presenza de esporas de fungos no ambiente para valorar cando hai máis e cando resulta máis conveniente facer a poda, segundo detallou na conferencia internacional o investigador José Ramón Urbez (Departamento de Agricultura do Goberno de Canadá): “Nas condicións de Canadá, a maior presenza de esporas dáse entre marzo e o outono. Hai que valorar as condicións das esporas en cada zona e pensar se adiantando a poda, a ferida pode cicatrizar o suficiente ou se aplicándolles un produto, pódese lograr a suficiente protección”.

Manexo do chan e da auga

– Evitar o exceso de rega e encharcamentos, así coma o estrés hídrico.

– Un aspecto clave na prevención é ter un chan ben estruturado, onde aire e auga circulen con facilidade. O laboreo do chan debe limitar a compactación do terreo.

– Evitar o excesivo vigor das plantas, limitando a fertilización nitroxenada.

– Manteña un bo contido de materia orgánica, preferentemente por medio da aplicación de compost ou fertilizantes orgánicos.

– O uso de cubertas vexetais e permanentes entre filas contribúe a equilibrar a dispoñibilidade de nutrientes e a mellorar a estrutura do chan.

Prácticas de renovación do tronco

– A limpeza do tronco é unha técnica que consiste en eliminar madeira morta do tronco e dos brazos, pois dificulta e altera a circulación da savia.

– O reinxertado sobre o portainxerto ou sobre a variedade é outra técnica que permite aproveitar o sistema radicular da planta, eliminando a parte aérea afectada.

– En casos extremos, pódese proceder tamén á renovación do tronco, reemplazando o tronco infectado por un novo a partir dun chupón que xurda da variedade da base do tronco.

Control biolóxico para previr infeccións

As feridas de poda adoitan permanecer susceptibles á entrada de patóxenos ata 3-4 meses. Para previr a infección das feridas, unha posibilidade consiste na aplicación de fungos do xénero Trichoderma, que demostraron ser efectivos na contención das infeccións.

– A aplicación do tratamento debe facerse o antes posible despois da poda. A temperatura debe superar os 5-10 graos centígrados, pois a Trichoderma é vulnerable ó frío. Débese evitar a aplicación nun periodo de fortes choivas, pois a auga podería arrastrar as esporas antes da colonización das feridas.

– Antes dun tratamento con Trichoderma, cómpre limpar moi ben o tanque do pulverizador co fin de eliminar residuos de funxicidas que poderían desactivar as Trichoderma. A aplicación pódese facer con pulverizador, mochila ou mediante brocha.

– Para a eliminación de patóxenos no chan, que poden entrar a través das raíces, tamén se demostrou como un dos métodos máis efectivos a biofumigación, segundo explicou David Gramaje, do Instituto de las Ciencias de la Viña y el Vino (La Rioja), na conferencia celebrada en Sergude. Un posible método de biofumigación consiste na plantación de mostaza branca (Sinapis alba) e na súa posterior trituración e incorporación ó chan.

José Luis Bartolomé, Bernardo Estévez e Manuel Neira, na mesa redonda.

José Luis Bartolomé, Bernardo Estévez e Manuel Neira, na mesa redonda.

Tres experiencias na viticultura galega

A conferencia internacional sobre as enfermidades da madeira de vide contou cunha mesa redonda na que se expuxeron tres casos prácticos de control das enfermidades de madeira de vide en Galicia. Falaron na mesa Manuel Neira, de Finca Vilerma (Ribeiro, Ourense), Bernardo Estévez (Ribeiro, Ourense) e José Luis Bartolomé, da Oficina Agraria de Valdeorras e asesor da adega Godeval.

A intervención de Manuel Neira, de Finca Vilarma, centrouse en detallar o seu traballo con cepas vellas afectadas por enfermidades da madeira. A colocación nas cepas de tacos de Trichoderma é un dos sistemas cos que comezou a traballar nos últimos anos e ó que en principio lle ve bos resultados. A limpeza da madeira morta e a realización de enxertos en pés cunha parte aérea non recuperable son outras das prácticas das que amosou imaxes.

Manexo preventivo
Bernardo Estévez, un viticultor que traballa en biodinámico, adicou a súa ponencia a explicar aspectos do traballo no viñedo que poden contribuír a reducir a aparición de enfermidades. Entre as cuestións que abordou Estévez, figura o coidado do solo, mediante a incorporación entre filas de acolchados de materia orgánica, como toxo picado ou restos de monte. Outra posibilidade para o chan pasa polo cultivo de leguminosas en viñas novas, pois as leguminosas contribúen a fixar carbono e nitróxeno no solo.

Na experiencia de Bernardo Estévez, os marcos de plantación estreitos, que reducen a insolación do chan, son peores para as enfermidades da madeira como a eutipiose. Tamén recomendou a aplicación dun caldo sulfocálcico no outono-inverno e o uso de extractos hidroalcohólicos de allo e de eucalipto. Con eses tratamentos, Estévez destacou que logrou erradicar a excoriose dunha plantación vella de mencía que presentaba serios problemas.

Ensaios en Valdeorras
A mesa concluíu con José Luis Bartolomé, que deu conta dos ensaios que está facendo Godeval para prolongar a vida útil das vides afectadas por esca nunha parcela de media hectárea. O traballo iniciouse no ano 2013, coa colocación de tacos de Trichoderma nas cepas afectadas. O sistema demostrouse eficaz tanto para reducir a incidencia de danos como o número de cepas con síntomas, se ben en anos propicios para enfermidade, como o 2016, os beneficios foron menores.

Godeval está a implementar agora un ensaio novo, no que comparará o uso de fitosanitarios químicos, en mástic e pulverización, co uso de Trichoderma en tacos e coa aplicación de Trichoderma en pulverización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información