Boas perspectivas para a planta de Nestlé en Galicia grazas ás exportacións a Oriente Medio

Boas perspectivas para a planta de Nestlé en Galicia grazas ás exportacións a Oriente Medio

Traballadoras da planta de Nestlé en Pontecesures

A planta de Nestlé España en Pontecesures (Pontevedra) xa iniciou a produción dos primeiros botes de leite condensado destinados aos mercados de Oriente Medio, en concreto, a Emiratos Árabes, Bahréin, Kuwait, Omán, Qatar e Arabia Saudita.

Para 2018, a compañía prevé producir na súa planta galega un total de 9.500 toneladas de leite condensado destinadas a este mercado, cifra que representa o 20% do volume total de produción da fábrica. Ademais, o incremento do 30% da capacidade da liña de proceso, que fai posible a fabricación de leite condensado a partir de leite fresco procedente de explotacións gandeiras de Galicia, foi clave para o aumento da produción destinada a Oriente Medio.

Cun persoal de máis de 160 persoas, este incremento de produción leva a creación de 9 postos de traballo na fábrica.

Única fábrica de leite condensado en España

Nestlé Pontecesures é o único centro de Nestlé da zona EMENA (Europa, Oriente Medio e Norte de África) dedicado á fabricación de leite condensado. Para este 2017, a planta prevé producir 40.000 toneladas anuais de produto, que inclúe tanto leite condensado como leite evaporado, doce de leite ou cocido de leite. O 50% da súa produción expórtase tanto a Europa -sendo os seus principais destinos Reino Unido, Francia, Portugal, Italia e Bélxica-, como a África Central e o Magreb.

A fábrica de Pontecesures conta cunha liña de proceso e 8 liñas de enchido e embalaxe. Desde 2010, Nestlé investiu nesta fábrica máis de 15 millóns de euros destinados, principalmente, a mellorar as instalacións, así como as condicións de seguridade e a xestión ambiental. Parte destes investimentos serviron tamén para ampliar a fábrica e permitiu centralizar as producións dos mercados europeos en Nestlé Pontecesures.

Orixes

Inaugurada en 1939, a fábrica de Pontecesures é unha das máis veteranas de Nestlé en España. Ten a súa orixe na constitución de ILEPSA (Industria Lechera Peninsular, Sociedade anónima), empresa propiedade de Nestlé, o 1 de febreiro de 1938. Un ano máis tarde, a fábrica produciu o primeiro bote de leite condensado. Desde 2012, é a única fábrica europea de Nestlé dedicada á produción de leite condensado.

Con máis de 150 anos de historia, Nestlé está presente en 189 países de todo o mundo con máis de 2.000 marcas e conta con 328.000 empregados. A súa oferta de produtos e servizos cobre as necesidades nutricionais das persoas e das súas mascotas en todas as etapas da vida.

En España, Nestlé instalou a súa primeira fábrica na Penilla de Cayón (Cantabria) en 1905. Na actualidade, conta con 10 centros de produción distribuídos en 5 Comunidades Autónomas. O 44% do total da produción española destínase á exportación, principalmente a países de Europa. Cunha facturación de 2.098 millóns de euros e un persoal medio de 4.950 persoas en 2016, Nestlé lidera o mercado alimentario español cunha ampla gama de produtos: alimentos infantís, lácteos, chocolates, cafés e bebidas a base de cereais, culinarios, cereais para o almorzo, augas minerais, especialidades de nutrición clínica e alimentos para mascotas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información