Boas perspectivas para o mercado lácteo europeo ata 2030

A Comisión Europea agarda que o prezo do leite no campo chegue a 38 céntimos / Kg. a final desta década, pero tamén se espera unha suba progresiva dos pensos e da enerxía

Boas perspectivas para o mercado lácteo europeo ata 2030

A demanda mundial de produtos lácteos continuará en ascenso na próxima década, polo que hai expectativas favorables para o mercado europeo. Ese é o pronóstico dun informe que vén de facer público a Comisión Europea coas perspectivas dos distintos sectores agrarios ata o 2030. En concreto, a análise publicada calcula que o prezo do leite no campo subirá de xeito progresivo ata chegar a 38 céntimos / Kg. a final de década. A parte negativa das previsións é que tamén se agarda un encarecemento dos pensos e da enerxía.

Perspectivas de evolución dos prezos do leite.

Perspectivas de evolución dos prezos do leite.

O prezo do leite no campo beneficiarase do bo comportamento dos mercados da manteiga, leite en po desnatado e queixos, segundo espera a Comisión. O escenario apunta a estabilidade na cotización da manteiga ó longo desta década, en tanto o leite en po desnatado prevese que remonte de xeito sensible, ata chegar a uns 283 euros / 100 Kg., fronte ós arredor de 200 euros que rondou de media no periodo 2018 – 2020.

Con eses cambios de mercado, os sólidos lácteos, tanto graxa como proteína, serán importantes na revalorización do leite no campo. As boas perspectivas apuntan tamén a que se manterá unha tendencia crecente na produción de leite, cun aumento do 0,6% anual (menor que na última década), en tanto que a produción de sólidos lácteos espérase que medre a un ritmo maior (0,8 – 0,9% anual), sobre a base da mellora xenética e dunha evolución das racións.

Repasamos a continuación as perspectivas para as distintas gamas de produto

Leite líquido e produtos frescos
O informe pronostica que a diminución do consumo de produtos lácteos frescos se ralentizará ó longo desta década. O mercado do leite líquido seguirá á baixa, pero menos que no periodo 2010 – 2020, e probablemente se beneficie dunha maior segmentación (leite ecolóxico, de pastoreo, de vacas alimentadas sen transxénicos, etc.). O iogur debería manterse estable e espérase un lixeiro aumento no consumo de nata polo seu uso na cociña.

Para o leite ecolóxico, a Comisión augura un importante crecemento, pasando dunha cota de mercado do 3,5% no 2018 ó 10% no 2030.

Queixos
O queixo será un dos principais destinos do leite adicional que se produza na Unión Europea ó longo desta década, pois aumentouse nos últimos anos a capacidade de procesado, sobre todo con orientación a hostelaría e a comidas preparadas.

A Comisión valora que para o 2030, o valor nutricional do queixo, o seu sabor -moi apreciado-, e as preferencias dos consumidores por produtos saudables poderían levar a un maior consumo per cápita (+1 Kg. / persoa e ano, en comparación co periodo 2020 – 2023).

A UE conta ademais con manterse como maior exportador de queixo, orientada en particular a Xapón, China e Oriente Medio, zonas nas que se espera unha mellora da renda per cápita que impulse o consumo de queixos de calidade de Europa.

De xeito paralelo ás melloras na produción de queixo, espéranse boas perspectivas para o soro -un coproduto derivado da fabricación de queixos-, que ten mercado en crecemento para alimentos infantís, clínicos e para deportistas.

Manteiga
Trala etapa de prezos altos da manteiga no periodo 2017-2018, os próximos anos serán probablemente de estabilidade, para chegar ó 2030 arredor de 347 euros / 100 Kg. Espérase un lixeiro aumento do consumo de manteiga para usos domésticos en Europa pero non tanto para procesados industriais, pois aí as graxas vexetais son máis competitivas en prezo. En exportacións, a Comisión prevé un crecemento das vendas do 3% anual.

Leite desnatado en po
A Comisión agarda un aumento da demanda de leite en po para alimentos infantís, xeados e queixos procesados. A maior parte do aumento da demanda internacional procederá de Asia (63%) e África (21%), segundo o informe de perspectivas da UE.

Pola contra, as exportacións de leite en po enteiro evolucionarán á baixa pola existencia doutras alternativas no mercado máis competitivas.

Evolución dos prezos dos pensos

Pronóstico sobre os prezos dos pensos.

Pronóstico sobre os prezos dos pensos.

Cunha ampla dispoñibilidade mundial e baixos prezos do combustible, e polo tanto baixos custos de transporte, os prezos dos pensos deberían descender neste comezo de década, segundo aventura o informe da Comisión Europea, publicado estes días e elaborado con datos de setembro do 2020. Espérase, iso si, que os prezos repunten conforme a economía global se vaia recuperando da Covid-19.

Estes pronósticos de setembro víronse seguidos nos últimos meses do ano por un importante encarecemento dos cereais destinados a alimentación animal, o que revela a fraxilidade de calquera informe de perspectivas para o medio prazo. No propio informe recoñécese que poden xurdir imprevistos que modifiquen as previsións enunciadas.

Cultivos para alimentación animal
En canto ós cultivos europeos orientados á alimentación animal, a Comisión prevé un aumento de superficies destinadas a xirasol e a soia, que se presenta nalgunhas zonas como unha alternativa de rotación que substituirá á colza ou á remolacha azucareira.

No resto de cultivos proteicos (guisantes, fabas, garbanzos, etc.), a UE anticipa un aumento da produción nun 22% para alimentación animal e nun 37% para alimentación humana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información