Boas perspectivas para a exportación de viños de Rías Baixas a Estados Unidos en 2023

Os viños de Rías Baixas representan un 9,4% do total das exportacións españolas con Denominación de Orixe Protexida en valor e un 8,6% en volume

Publicidade
Boas perspectivas para a exportación de viños de Rías Baixas a Estados Unidos en 2023

O Pazo de Mugartegui acolleu este venres a presentación do Plan Promocional de Estados Unidos para 2023 do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Unha xornada que suscitou moito interese entre os 25 profesionais das adegas que asistiron. A conclusión da presentación é que os viños de Rías Baixas están moi ben situados neste mercado, o cal augura unha boa evolución en 2023 en Estados Unidos.

Cabe destacar que os viños con Denominación de Orixe Rías Baixas no mercado norteamericano representan un 9,4% do total das exportacións españolas con Denominación de Orixe Protexida en valor e un 8,6% en volume. “Este dato é moi positivo e moi importante, tendo en conta que estamos a falar dunha denominación moi pequena con algo máis de 4.000 hectáreas”, explicou a responsable de GREGORY+ VIN, Natasja Mallory.

Durante a súa exposición Mallory asegurou que “os viños premium lideran as vendas en Estados Unidos”. Un punto no que os viños de Rías Baixas seguirán traballando no sector premium, que continúa ascendendo en valor neste mercado. Neste sentido, Natasja Mallory adiantou que “hai que traballar forte a mercadotecnia dirixida aos mozos, que non estamos a saber atraelos, sen esquecernos dos maiores de 50 anos, que teñen un maior poder adquisitivo”. Outro dos puntos a ter en conta é que se está rompendo coa estacionalización do viño branco en Estados Unidos.

O obxectivo da campaña para 2023 é continuar coa desestacionalización do consumo dos Albariños Rías Baixas, así como seguir dándolle visibilidade aos viños de Rías Baixas. Segundo a plataforma Vivino: os escaneos por parte dos consumidores estadounidenses das marcas de Rías Baixas creceron un 20% con respecto a 2021. Os lugares con máis escaneos son California, Florida, Nova Jersey, Nova York e Texas. A puntuación dos Albariños de Rías Baixas están por riba dos 4 puntos, superando a variedades como a Sauvignon Blanc ou Pignot gris.

Entre as actuacións previstas está reconectar cos profesionais das misións inversas dos últimos anos, así como un tour por diferentes cidades estadounidenses. Estados Unidos, con 2.785.016,73 litros de Rías Baixas vendidos durante a campaña de 31 de agosto de 2021 a1 de setembro de 2022, achégase ao limiar dos 3 millóns de litros exportados, aumentando un +9,04% en volume e cun crecemento en valor do 23,71%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información