Ence adianta un pronóstico do ano 2026 e subliña que a compañía avanza con determinación na súa transformación cara a un fabricante de celulosas especiais, de xeito que compita en mercados de maior valor. A peche de 2025, esta tipoloxía de produto representou o 30 % das vendas de celulosa, sete puntos porcentuais máis que en 2024 e cunha marxe adicional de 37 euros/tonelada fronte á fibra estándar. O obxectivo da compañía é que esta gama supere o 62 % das vendas no 2028.
Así, Ence explica que abriu en Navia no último trimestre do 2025 unha nova liña de celulosa fluff con fibra de eucalipto, única en Europa, competindo no mercado local con produtores de fibra longa máis cara. Este novo produto, que se atopa en fase de homologación con clientes, diríxese ao mercado europeo de artigos hixiénicos absorbentes e permite substituír importacións, ofrecendo unha alternativa máis competitiva en custos que a fibra longa á que substitúe.
En canto á situación de mercado para 2026, preséntase positiva, co prezo da celulosa xa nos 1.250 dólares / tonelada e con perspectivas de que chegue a superar os 1.330 dólares / tonelada, fronte ós 1.000 – 1.200 dólares / tonelada que marcaban os índices de referencia na primeira metade do pasado ano.
Redución de custos
As medidas en execución comezaron a dar froitos e o cash cost (coste directo de produción) de 2025 foi o menor desde 2022. Así, concluíu en 483 euros/tonelada, cifra que representa un aforro de 70 euros/tonelada fronte ao de 2022 e de 10 euros/tonelada fronte a 2024.
Adicionalmente ten en marcha dúas iniciativas destinadas a reducir os seus custos de produción en 30 euros/tonelada entre 2026 e 2027. A primeira delas é o Plan de Eficiencia e Competitividade do negocio de celulosa, que ten como obxectivo achegar un aforro de 22 euros/tonelada dos 30 euros/tonelada previstos. A segunda, o plan de redución de custos e descarbonización da biofábrica de Navia orientado a xerar aforros adicionais de 8 euros/tonelada.
No peche de 2025, a produción de celulosa situouse na contorna das 950.000 toneladas. As vendas de celulosa creceron no cuarto trimestre un 4 % ata situarse en preto de 245.000 toneladas. A compañía pechou o exercicio 2025 cunhas perdas de 55 millóns, cifra que inclúe unha provisión de 24 millóns de euros correspondente ao impacto dos procedementos de despedimento colectivo do Plan de Eficiencia e Competitividade.
Liña de enerxía
En paralelo a súa liña de celulosa, Ence continúa a súa aposta pola diversificación, consolidando unha liña de enerxías renovables.
No que respecta a 2025, a actividade de xeración de electricidade con biomasa alcanzou unha produción no ano de máis de 1.240 GWh, un 6 % máis que en 2024. A xeración no cuarto trimestre do ano foi de 346 GWh (+10 % vs 4T24).
Pola súa banda, o negocio de calor industrial, centrado en proxectos de descarbonización para a industria, pechou tres contratos en 2025. Unha cuarta iniciativa está en fase de posta en marcha. No negocio de biofertilizantes e biometano, a compañía continúa co desenvolvemento da súa carteira con 25 proxectos en fase avanzada de enxeñería e tramitación administrativa.
Cabe destacar o ebitda de xeración de electricidade con biomasa, no segundo semestre de 2025, que se situou en 20 millóns de euros, o que levaría a un ebitda anualizado de 40 millóns.
A débeda financieira neta a peche de ano ascende a 378 millóns de euros, fronte ós 321 millóns de decembro do 2024.
Galego










Control OJD