Boas perspectivas para a colleita de millo forraxeiro, cun 20% máis de rendemento

A campaña de millo forraxeiro avanza con boas perspectivas de colleita, sobre todo para o que foi sementado no mes de abril. En canto ao que se plantou máis tarde, será decisiva unha choiva nas próximas dúas semanas. Repasamos a situación deste cultivo nas distintas comarcas de Galicia

Boas perspectivas para a colleita de millo forraxeiro, cun 20% máis de rendemento

Millo na Mariña.

A colleita do millo forraxeiro, o principal cultivo das ganderías de leite en España, avanza con boas perspectivas para esta campaña, cunha previsión de incremento medio da colleita que en Galicia podería roldar o 20%. A primavera seca permitiu adiantar a sementeira, e é precisamente o millo sementado no mes de abril o que presenta mellor estado neste momento, ao ter xa formados os grans.

O que presenta máis dúbidas é o que se plantou máis tarde, ao longo do mes de maio, xa que será decisiva unha choiva nas próximas dúas semanas, para que acabe de formar ben as mazarocas, e aporte así un bo contido en almidón.

Repasamos a continuación como está a situación do cultivo nalgunhas das principais comarcas de Galicia:

A Mariña e Terra Chá: “Probablemente quedemos nunha media de 38 toneladas por hectárea”

Na Terra Cha e, sobre todo, na Mariña a situación do millo forraxeiro é excelente grazas ás chuvieiras que se producen con regularidade. Santiago Sousa, responsable do departamento de Cultivos da Cooperativa Os Irmandiños, asegura que “a sementeira foi moi ben, cunha boa nascencia, e coas choivas que houbo neste momento temos millos que presentan tanto boa planta como espiga”.

“Probablemente quedemos nunha media de 38 toneladas de materia húmida por hectárea, o que suporía entre un 15 e un 20% máis que o pasado ano, e por tanto unha boa colleita”, explica.

En canto ao ensilado, o responsable de Os Irmandiños prevé que “comezaremos a realizalo, como é habitual, entre o 10 e o 15 de setembro e prolongarémolo ata o 15 de outubro”.

No que si empezan a detectar problemas é nos ataques dos xabaríns, que este ano se adiantaron xa a comezos de agosto, cando o habitual é que se produzan entre finais de mes e comezos de setembro.

Xallas e A Barcala: “Contamos con incrementar a colleita en máis dun 20%”

Nas comarcas do Xallas e da Barcala, na provincia da Coruña, as previsións tamén son optimistas, grazas a unha climatoloxía moi benigna para o desenvolvemento do millo.

Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, unha cooperativa de gandeiros desta comarca, explica que este ano sementaron en conxunto unhas 660 hectáreas de millo, arredor dun 8% máis que a pasada campaña, principalmente grazas ao cambio no período de inspección para as axudas do pago verde da PAC.

“Este ano déronse todas as condicións para que o millo se desarrollara moi ben e agardamos que tanto en cantidade como en calidade o rendemento sexa superior ao ano pasado. En concreto, prevemos recoller unha media de 43 toneladas por hectárea”, cun incremento de algo máis do 20% con respecto ás 36 que colleitaron o pasado ano.

“Se chove algo no que queda de agosto será un ano excelente para o millo, pois o que se sementou máis tarde ou se cultiva en fincas con pouca profundidade de solo recibirá a auga que precisa para acabar de formar a mazaroca e encher os grans”, conclúe.

En canto ao estado sanitario, Adrián Cundíns recoñece que “aínda que de momento non temos problemas de rolla ou helminthosporium , danse as condicións de humidade e temperatura idóneas para o desenvolvemento destes fungos, polo que se vai comprobar as diferencias entre as variedades resistentes e as que non o son”.

Ganxabar prevé iniciar o ensilado do millo entre o 10 e o 15 de setembro.

O Deza: “O que queda de agosto vai decidir a colleita”

No Deza, unha das principais comarcas leiteiras de Galicia, a evolución do cultivo ata o de agora foi positiva, pero para confirmar a boa colleita precísase que chova durante as próximas semanas.

Román Santalla, gandeiro de Lalín e responsable de Gandería de UPA, explica que “a colleita pinta moderadamente ben, e se chove algo ou hai orballeiras poderíamos falar dunha boa colleita, podéndonos achegar a unha media de 35 toneladas de materia húmida por hectárea, e mesmo superalas”.

“Agora mesmo a maioría do millo está botando espiga, e as orballeiras que se rexistraron nas pasadas semanas axudaron a que medrara bastante e estea fresco, pero para que recollamos gran, e non só palla, é preciso que chova, asegura.

En canto á data de ensilado, o tempo fresco e as noites frías das últimas semanas fixeron que se detivese o adianto que levaba, co que as previsión apuntan a que se comezará a recoller cara o 10 de setembro.

Un problema grave que está afectando aos gandeiros desta comarca son os estragos das mandas de xabaríns. Neste sentido, Román Santalla denuncia que “no Deza sementáronse este ano arredor dunhas 4.000 hectáreas de millo, pero calculamos que perderemos entre 400 e 500 polos ataques do porco bravo”. Ante esta situación anima aos gandeiros “a que denuncien os danos ante a Xunta para que haxa medidas de control”.

Sur de Lugo: Algúns problemas de potra e gran colleita para o millo sementado en abril

Mazaroca estragada pola potra do millo.

Mazaroca estragada pola potra do millo.

No sur de Lugo, o técnico agronómico da cooperativa Icos, Jorge Labandeira, resume a situación de forma gráfica: “Pintaba unha colleita media tirando a alta, notable rozando o sobresaliente, pero levamos un mes e pico sen auga, e vai quedar nun ben quedando en notable”.

O déficit hídrico penaliza principalmente ao millo sementado na primeira quincena de maio, con floración deficiente, menos liñas de grao e máis abortos, penalizando o déficit hídrico á hora de formar a mazaroca.

“Pola contra -explica- o que se sementou na segunda quincena de abril, sendo o mesmo ciclo 250, está moi ben e vai dar unha moi boa colleita, de arredor de 40 toneladas por hectárea, pois o grao xa está formado e non lle afecta tanto a seca”.

Polo que respecta á situación sanitaria, Jorge Labandeira informa de que se están detectando problemas de potra do millo (Ustilago maydis
), un problema antes común nas plantacións, e que este ano se rexistrou favorecido, segundo o técnico, “polas noites frías e húmidas”.

Lugo Centro: “Será clave se chove nos próximos 15 días”

Nos concellos do centro da provincia de Lugo, como O Páramo, Pol, Lugo ou O Corgo, a primavera seca permitiu este ano sementar antes o millo e apostar por ciclos máis longos, e produtivos, de entre 300 e 400, e mesmo superiores.

Neste sentido, Rocío Cabado e Carmen López, técnicas de cultivo da cooperativa Agris, subliñan que “a clave da colleita está en que nos próximos 15 días os graos do millo teñan suficiente humidade para o callado”.

“Na zona de Pol, con máis humidade, agárdase unha colleita moi boa, pero noutros concellos máis sensibles á seca como Lugo ou O Páramo, xa se empeza a ver millo con problemas debido á falta de auga”, engaden.

En canto á superficie sementada, as técnicas de Agris calculan que foi arredor dun 5% superior á da pasada campaña, grazas ao cambio no período de verificación de cultivos da PAC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información