Bloqueo á distribución en Lalín e mañá ao Lidl da Coruña e en Sarria, Vilalba e Monforte

Os gandeiros protestan deste xeito polo incumprimento das cadeas de distribución do acordo lácteo co que están a impedir que suban os prezos do leite en orixe. A conselleira confía en que mañá a INLAC aprobe o contrato tipo para o sector lácteo

Bloqueo á distribución en Lalín e mañá ao Lidl da Coruña e en Sarria, Vilalba e Monforte

Román Santalla con outros gandeiros bloqueando o Lidl e o Eroski de Lalín

A protesta dos produtores lácteos galegos contra as grandes cadeas de distribución esténdese de forma lenta pero constante pola xeografía galega. Se ata o de agora A Coruña era a cidade que concentraba os bloqueos á distribución convocados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, hoxe ampliouse a Lalín e para mañá prevén estender a protesta a Sarria, Monforte e Vilalba.

En Lalín dende primeira hora da tarde uns 200 gandeiros da comarca do Deza bloquean de xeito indefinido os centros comerciais de Lidl e de Eroski.

A protesta dos gandeiros na Coruña ampliarase este martes ao Lidl

Na Coruña manteñen por quinto día consecutivo o boicot ao Carrefour de Alfonso Molina e ao Alcampo de Palavea. Nas protestas participan uns 300 gandeiros e uns 180 tractores procedentes das comarcas de Ordes, Arzúa, Ferrolterra e de Aranga. Ao longo desta noite está previsto que cheguen máis reforzos da comarca de Ordes. O obxectivo, segundo se acordou esta tarde en asemblea, é ampliar o bloqueo ao Lidl do Polígono da Grela. Segundo fontes da Plataforma, tamén se espera que ao longo do día de mañá cheguen á cidade herculina gandeiros procedentes da Costa da Morte e da comarca do Xallas.

Para o día de hoxe tamén estaban previstas protestas dos gandeiros ante o Maxi Dia de Vilalba, o Eroski Center de Sarria e o Lidl de Monforte. Sen embargo, finalmente decidiuse dende a Plataforma adiar estas mobilizacións a mañá, martes, para sumar máis apoios.

Os gandeiros acusan á distribución de impedir que suba o prezo do leite en orixe

Os gandeiros elixiron estas datas na véspera das eleccións e das compras de Nadal para buscar o apoio da opinión pública ante o que consideran dominio de todo o sector por parte da gran distribución.

En concreto, dende a Plataforma sinalan que Alcampo, Carrefour, Lidl e Eroski non asinaron o acordo lácteo o pasado 23 de setembro e aplicaron unha suba de ata 6 céntimos no prezo de venda do leite que, sen embargo, non lla trasladaron aos gandeiros, que perciben en Galicia unha media de 27 céntimos por litro, por debaixo dos custos de produción.

En canto a DIA, que si asinou o acordo lácteo, dende a Plataforma aseguran que o está a incumprir e que está a vender en España leite francesa a baixo prezo, en detrimento do leite galego.

A conselleira confía en que mañá se aprobe na INLAC o contrato tipo

Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, amosou a súa confianza en que a Interprofesional Láctea (INLAC), que reúne a industrias e gandeiros, aprobe mañá a mediodía, coa coa intermediación do Ministerio, o contrato tipo para o sector lácteo.

“De non ser así esixiremos responsabilidades porque non pode ser que se estea a traballar neste contrato dende hai meses e se poñan atrancos por un lado e polo outro”, advertiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información