Proxectos coma Bionogueira son claves para a recuperación de soutos e castiñeiros envellecidos do concello de Nogueira de Ramuín e resultan esenciais para fortalecer un modelo forestal responsable, con multifuncionalidade nos seus aproveitamentos e para xerar actividade económica no rural. Así o definiu o director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Alfredo Fernández Ríos, quen engadiu que “cando a ciencia, o territorio e as persoas traballan xuntas, a sociedade gaña, e este proxecto é o mellor exemplo”, durante o acto de peche do proxecto no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Bionogueira é proxecto forestal moderno que combina ciencia, territorio, tradición e futuro para recuperar e valorizar o monte. “Un modelo que se pode replicar noutros soutos de Galicia e que demostra que con recursos, planificación e colaboración institucional é posible recuperar espazos abandonados cun enorme valor ambiental e cultural”.
Destaca a labor desenvolta polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán), que achegou o seu coñecemento sobre a mellora xenética do castiñeiro fronte a enfermidades como a tinta e identificou as variedades de castaña que existen, para logo determinar cales son as máis axeitadas para a súa recuperación e aproveitamento. Nunha fase posterior, o CIF puxo a disposición do municipio ourensán onde se desenvolveu o proxecto, o monte da Moura, as plantas melloradas xeneticamente.
Bionogueira é un proxecto de transformación bioeconómica forestal desenvolto no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín mediante a recuperación do bosque envellecido para o seu adecuado aproveitamento. Entre as entidades participantes figuran, ademais do CIF Lourizán e o concello no que se levou a cabo, a Asociación de Mulleres Rurais Ecos da Moura. O seu orzamento superou os 1,5 millóns de euros que foron cofinanciados pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Galego










Control OJD