Restos de podas forestais, de vides, de plantacións de kiwis ou tamén toxos ou xestas constitúen un recurso abundante, pero non valorizado que, non obstante, pode ser aproveitado como biomasa. Para valorizar e aproveitar este recurso na contorna da eurorrexión Galicia-norte de Portugal acaba de poñerse en marcha o “proxecto BiomasaCap, Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial”. Trátase dunha iniciativa liderada por EnergyLab da que a Universidade é socia, xunto con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial.
Por parte da UVigo, é o Grupo de Tecnoloxía Enerxética o que está implicado, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte. O obxectivo do proxecto é avanzar na valorización e aproveitamento da biomasa como unha “oportunidade estratéxica para un crecemento e desenvolvemento sostible tanto a nivel económico e tecnolóxico, como social e medioambiental no territorio transfronteirizo.
Os impulsores destacan que, aínda que dende a UE se ten posto o foco neste recurso dende hai anos, como unha liña de intervención prioritaria nas axendas europeas para o crecemento sostible, o contexto político e enerxético actual confírelle, se cabe, maior relevancia. Como explica David Patiño, este é un proxecto de capitalización, que parte dun proxecto anterior, xa rematado, o Biomasa AP, froito do cal se creou unha rede transfronteiriza entre España e Portugal para estudiar e aproveitar a valorización enerxética diversos residuos de biomasa da zona. O obxectivo do actual estudo non é “continuar co desenvolvemento técnico, senón incrementar os labores de difusión dos resultados que se acadaron no seu momento, incrementar a rede de empresas-colectivos interesados no uso de biomasas de baixa calidade, mostrar as instalacións empregadas durante o proxecto, amosar as contribucións acadadas en diversos eidos e tamén explorar e identificar novas posibilidades de financiamento ou de novos socios para continuar desenvolvendo o proxecto”.
Liñas de traballo
As accións de capitalización que se levarán a cabo no marco de BiomasaCap buscarán mellorar a competitividade do tecido produtivo na zona transfronteiriza, xerando oportunidades para a creación de riqueza e emprego no ámbito rural, xa que é nestes territorios onde se atopan as explotacións agroforestais xeradoras de biomasas non valorizadas.
En concreto abordaranse cinco liñas de traballo. Por unha banda, os socios tratarán de ampliar e fortalecer a Rede Transfronteiriza da Biomasa, creada en Biomasa AP e que conta con máis de 130 membros. Por outro lado, tamén se avanzará na formación e concienciación sobre o uso da biomasa non valorizada de alto potencial como recurso estratéxico para o desenvolvemento tecnolóxico, económico e social no territorio transfronteirizo.
Unha terceira liña de traballo é a capacitación e difusión das tecnoloxías avaliadas aos axentes da cadea de valor da biomasa, a través de xornadas demostrativas en entidades do sector e nos centros de I+D implicados no proxecto. Os socios tamén se centrarán na divulgación en centros educativos para dar a coñecer ás mozas e mozos as oportunidades e o potencial que ofrecen as biomasas endóxenas non valorizadas no territorio de cooperación.
Finalmente, tamén se traballará para potenciar o proceso de co-creación de políticas públicas mediante a detección de estratexias comúns para un óptimo desenvolvemento e explotación da biomasa non valorizada, coa colaboración dos axentes da cadea de valor da biomasa e policy makers.
Resultados BiomasaAP
Como proxecto de capitalización, Biomasa Cap toma como punto de partida os resultados obtidos no proxecto Biomasa AP, que se levou a cabo tamén ao abeiro da convocatoria POCTEP.
Os investigadores concluíron que o emprego destas biomasas non valorizadas de alto potencial (BNVAP) implica numerosas vantaxes, como a redución da presión sobre o abastecemento de madeira de piñeiro, que é a principal materia prima para a fabricación de pellets, unha amortiguación das posibles subidas do prezo da biomasa e un impulso das economías locais.
Entre as conclusións do proxecto, tamén se destacaba que a valorización destes residuos está en consonancia coa normativa de prevención de incendios, que obriga á retirada da biomasa ou á súa trituración in situ, así como coas recomendacións fitosanitarias nos cultivos agrarios, que piden a recollida dos restos de poda como medida de minimización de pragas e enfermidades. Neste sentido, tamén destacan a importancia de poñer en marcha liñas de axuda que promovan a recollida, transporte e tratamento de biomasas alternativas, a produción de combustibles derivados e o uso de equipos compatibles con estes combustibles, sentando así as bases dun novo modelo produtivo, a bioeconomía.