O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandería, José Balseiros, conclúen hoxe unha visita de tres días á Bretaña francesa. O encontro centrouse en coñecer dous sectores nos que Galicia e a Bretaña francesa manteñen importantes similitudes, a produción de leite e o cultivo de pataca. A maiores, Medio Rural valorou con centros de formación agrícola da Bretaña a posibilidade de aumentar os intercambios de agricultores e estudantes, incorporando a alunos dos Centros de Formación e Experimentación Agraria que xestiona a Xunta a estas viaxes.
En canto ó sector lácteo, unha das principais visitas centrouse en coñecer unha granxa de leite que xestiona a súa propia planta de biogás. A granxa, con 160 vacas en produción e 170 hectáreas, xestiona, en conxunto con outras dunhas granxas próximas, unha instalación para producir metano coas dexeccións gandeiras. A maiores da planta, a instalación dotouse dunha zona de almacenaxe de xurros e residuos vexetais, a fin de facilitar o transporte e reducir desprazamentos entre as explotacións participantes.
Estas explotacións intégranse na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia, que conta con arredor de medio milleiro de granxas en todo o país galo. A planta visita produce electricidade suficiente para abastecer anualmente a arredor de 1.000 fogares, pero ademais a planta aproveita o calor xerado para secar a alfalfa que producen as explotacións nas súas terras.
O conselleiro galego, José González, lembrou que a Xunta traballa “nesta mesma liña, fomentando a correcta xestión e aproveitamento das dexeccións xeradas polas producións gandeiras”. Se ben, cómpre precisar que no caso da Xunta, o seu proxecto oriéntase a macroplantas provinciais de biogás, acompañadas de plantas comarcais de pretratamento; en tanto na Bretaña francesa, igual que noutros países europeos (Alemania, Holanda), apostouse polo modelo de pequenas plantas de biogás ubicadas en grandes explotacións ou agrupacións de granxas.
O titular da explotación láctea visitada na Bretaña é tamén presidente dunha cooperativa de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) que aglutina un cento de socios, dos que uns 60 empregan habitualmente a maquinaria, ben contratando o servizo, ben alugando o material. Conta ademais cunha decena de empregados, entre condutores, técnicos e mecánicos. A maiores, a CUMA propiciou a posta en marcha dun proxecto relacionado coa produción de auga quente comunitaria, que facilita enerxía a edificios públicos mediante a venda dos restos de talas e/ou podas dos socios da cooperativa.
Visita a unha cooperativa de pataca
Na xornada de hoxe mércores, a delegación galega visitou a cooperativa Bretagne Plants, que agrupa a 270 produtores de pataca, con 6.700 hectáreas e arredor de 180.000 toneladas de produción. A cooperativa exporta case dous terzos da súa produción a arredor de 60 países.
É de destacar que o sector de pataca bretón conta con dúas estacións experimentais, unha orientada ó cultivo in vitro e á experimentación de técnicas de cultivo, así como a controles de calidade, e outra centrada na creación varietal. González agradeceu a recente visita de técnicos da Bretaña á Limia e a Coristanco, onde ofreceron charlas divulgativas sobre os métodos de traballo dos agricultores na Bretaña.
Intercambios de experiencias
Outro dos focos da visita da delegación galega radicou en encontros coas autoridades rexionais e cos centros de formación agraria. A Consellería interesouse pola posibilidade de aumentar os intercambios de experiencias entre agricultores e gandeiros de ambas rexións, así como do alunado dos centros de formación agraria de Galicia, tanto das Escolas Familiares Agrarias (EFA), como a de Fonteboa, como dos Centros de Formación e Experimentación Agraria que xestiona a Consellería.
Houbo tamén unha reunión de traballo con responsables de Space Feria, un certame internacional dedicado á gandería de referencia na rexión.