Biofertilizante de alta calidade a partir do bagazo de uva

Terras Gauda desenvolveu un proxecto de economía circular que conta cun vermireactor para valorizar e procesar in situ o residuo xerado no proceso de vinificación

Publicidade
Biofertilizante de alta calidade a partir do bagazo de uva

Imaxe da presentación do proxecto de viticultura rexenerativa levado a cabo pola adega Terras Gauda

A viticultura rexenerativa é a nova aposta da adega Terras Gauda cun proxecto de economía circular que ten como fin producir biofertilizante de alta calidade para o viñedo a partir do bagazo, que é sometido a un proceso de vermicopostaxe. Para iso, conta cun innovador vermireactor, deseñado e desenvolvido en exclusiva para a adega, que procesa in situ este subproduto da vinificación transformándoo en vermicompost con propiedades bioestimulantes, biofertilizantes e biopraguicidas.

A súa aplicación en viñedo proporciona un amplo abanico de efectos beneficiosos ao sistema solo – planta. Isto é debido ao seu elevado contido en nutrientes, facilmente asimilables polas cepas, a súa alta capacidade de retención de auga e a comunidade microbiana que xera. “Subimos un chanzo máis no noso empeño por conseguir unha maior sustentabilidade ambiental no viñedo, interactuando coa contorna de forma ética e responsable, abordando a conservación, rexeneración e respecto da biodiversidade”, explica o director enolóxico de Terras Gauda, Emilio Rodríguez Canas.

Desde que hai pouco máis dun ano, Terras Gauda activou o seu propio modelo de vermireactor, valorizou máis de 50 toneladas de bagazo mediante un proceso coñecido como biooxidación, no que as lombrigas de terra interactúan de forma intensa cos microorganismos deste subproduto da vinificación, que dá como resultado o biofertilizante de gran calidade.

En canto aos resultados, a adega xa comprobara co proxecto de investigación Vitalver os beneficios da utilización do vermicompost no viñedo, a vide e o viño. Agora incorporouno tanto en forma sólida como líquida e o equipo técnico está observando unha resposta moi positiva nos viñedos, tanto a nivel da microbiota do chan e da mellora na estrutura e porosidade deste, como na saúde e a produtividade das cepas. Tamén ao aplicalo en vides novas, plantadas recentemente, cuns resultados excelentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información