Galicia será de novo o epicentro do terremoto “bio” español coa celebración de BioCultura & EcoTurismo A Coruña en EXPOCoruña, do 6 ao 8 de marzo. Serán tres días nos que, dentro do recinto feiral, a produción ecolóxica e o ecoturismo serán os auténticos protagonistas. Os stands e a programación paralela con arredor de 100 actividades achegarán ao público as innumerables virtudes do alimento ecolóxico e do turismo responsable co obxectivo, unha vez máis, de aumentar as cifras do consumo “bio” interno nun país, ata o de agora, principalmente exportador de produtos orgánicos. Pero tamén de fomentar unha forma de viaxar e de coñecer que crea impactos positivos no territorio. A feira e EXPOCoruña activaron varias accións neste sentido e para que os profesionais do sector poidan traballar conxuntamente implementando sinerxías efectivas.
BioCultura & EcoTurismo A Coruña 2026 combinará, como xa é habitual na edición coruñesa, o consumo e a produción ecolóxica co ecoturismo. Para Montse Escutia, directora da feira, “a alimentación ‘bio’ e o ecoturismo son mundos paralelos. O ecoturista busca coñecer a cultura local, a agricultura e a gandería da zona, as receitas tradicionais pero con alimentos ecolóxicos… BioCultura A Coruña é o lugar onde ambos mundos camiñan da man máis ca nunca co fin de dar a coñecer non só o territorio e os seus encantos, senón tamén ese mundo agrario vivo e soberano que emana dunha poboación que aspira a un futuro limpo para as xeracións vindeiras”.
Galicia ten un dos consumos “per cápita” máis altos de España e, no que respecta ao ecoturismo, é sen dúbida unha das comunidades autónomas punteiras do estado español, pero, como sinala Montse Escutia, “aínda hai moito por facer. Queda moito para chegar ás cifras de consumo interno que teñen os nosos países veciños. E, ao mesmo tempo, o ecoturismo é aínda embrionario no noso país. Hai todo un universo por descubrir. Non estamos a falar de turismo rural, senón dunha nova maneira de relacionarse co territorio, coas viaxes e coa Natureza que inclúe a agricultura e a gandería ecolóxicas de forma emblemática. Queremos fomentar non só o ecoturismo en si, senón o feito de que os profesionais do sector poidan coñecerse, establecer contactos e crear sinerxías xuntos”.
Montse Escutia ten moi claro que BioCultura & EcoTurismo A Coruña é posible grazas a que, en Galicia, diversas institucións traballan ao alimón por unha comunidade máis verde, máis ecolóxica, máis sostible e máis auténtica: “En 2026, de novo, diversas institucións galegas apostan por BioCultura. Cóntase co apoio da Xunta de Galicia, o CRAEGA, AGACAL, a Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra, a Deputación de Ourense, a Deputación de Lugo, o concello da cidade, Turismo Coruña e o Clúster de Turismo de Galicia, entre outros. Organizadores, expositores, institucións, media partners e influencers conseguen/conseguimos, ano a ano, atraer preto de 15 mil visitantes que acceden a BioCultura non só dende as catro provincias galegas, senón tamén dende outros puntos de España”. E engade: “Estamos a preparar unha ampla lista de actividades paralelas para que o público que asista á feira non só poida degustar e mercar os alimentos ecolóxicos que quere e necesita para o seu fogar, senón tamén para que a cidadanía tome as rendas da sostibilidade e aposte por un consumo e unha forma de viaxar que nos beneficia a todas as persoas”.
Sector ecolóxico galego
Segundo cifras do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que estará presente en BioCultura A Coruña cunha nutrida representación de produtores galegos, o consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia sitúase en 88 euros por persoa e ano. As vendas en territorio galego situáronse no último exercicio en 113 millóns de euros. No ámbito da industria ecolóxica, Galicia suma 314 actividades. Mantén un perfil moi vencellado á produción primaria, pero avanza o desenvolvemento de transformación ligada, especialmente, ao sector lácteo e ás cadeas asociadas á produción “bio” mariña. Diversos son os subsectores nos que Galicia ten un papel fundamental no sector ecolóxico español, pero, se podemos falar de que hai un ámbito onde o liderado galego é incuestionable, ese é o do mar.
Segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do goberno, en 2024 Galicia concentrou 162 das 175 actividades de acuicultura ecolóxica rexistradas en España (o 92,6%) e acadou 1.874,8 toneladas de produción ecolóxica (peso vivo), arredor do 59% do total nacional. En leite e lácteos tamén Galicia ten unha posición de honra no conxunto das comunidades autónomas do estado. E, en carne de polo e ovos, igualmente, tamén é líder. A produción ecolóxica de carne de polo está moi concentrada na “esquina verde”, que reúne o 67,3% das cabezas e dous terzos da produción estatal. No caso das galiñas poñedoras ecolóxicas, o censo concéntrase en catro comunidades que superan conxuntamente dous terzos do total nacional, e Galicia sitúase entre elas, cun 14,7% e 159.852 galiñas.
Ecoturistas satisfeitos
O ecoturismo terá unha presenza notable en BioCultura A Coruña 2026. Os ecoturistas atoparán unha oferta que satisfará as súas necesidades. Escutia sinala que “Galicia ten un papel fundamental e protagonista na promoción do ecoturismo no marco español. E conta cun territorio privilexiado. Poderiamos dicir que é firme e notable o interese das institucións galegas en dar saída a un tipo de turismo que escapa do mundo consumista convencional e que busca novidade á vez que respecta o territorio e se manexa con ideas profundamente conservacionistas no que atinxe ao ambiental”. Lembremos que o ecoturista busca espazos de hotelaría e hostalaría que protexen os recursos ambientais e tamén fai especial fincapé en ter relación directa con aqueles produtores que pertencen ao sector ecolóxico.
“O máis representativo do mundo ecolóxico e do ecoturismo galego vai estar en BioCultura & EcoTurismo A Coruña 2026. É unha boa forma de comezar o ano. Hai alternativas viables e comprometidas cunha alimentación sa, saborosa e segura; e tamén existe unha vía para aqueles turistas que buscan calidade e sostibilidade reais”, sentencia Montse Escutia.
“BioCultura & EcoTurismo vai ofrecer unha ampla gama de accións profesionais deseñadas para promover o desenvolvemento do sector do ecoturismo e facilitar o encontro entre os diferentes actores involucrados”, sinalan dende EXPOCoruña. “Dende o Fam Trip inicial, o Workshop e ata a feira principal, os participantes terán a oportunidade de aprender, establecer contactos e xerar negocios para que o ecoturismo comece a medrar de forma máis notable”, afirman dende a dirección de EXPOCoruña.
Galego









Control OJD