Biegal, nova planta de estelado de biomasa en Mondoñedo

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, que vén de visitar a factoría, sitúa esta iniciativa como exemplo da valorización da cadea monte – industria, así como da oportunidade que representan as enerxías renovables para Galicia

Biegal, nova planta de estelado de biomasa en Mondoñedo

Visita do conselleiro de Economía a Biegal.

Biegal é unha planta de estelado de biomasa de recente creación en Mondoñedo. A factoría, que está a acometer un investimento de máis dun millón de euros, oriéntase á produción de estelas de biomasa tanto para o sector industrial como para o residencial. Para a súa posta en marcha, recibiu unha axuda de 330.000 euros de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, visitou onte a planta de Biegal que, segundo dixo, representa a dobre aposta que Galicia está facendo polas enerxías renovables e a valorización da cadea monte-industria.

Conde lembrou que durante o pasado ano, XERA apoiou os proxectos de 147 empresas, cunha contía total de 13,6 millóns de euros. O conselleiro incidiu en que apoiar o sector forestal significa apostar por unha industria sustentable e estratéxica, polo medio rural e o emprego, “ao tempo que coidamos e facemos máis produtivo o noso monte”.

No caso concreto de Biegal, a axuda da Xunta apoiou á posta en marcha da planta de estelado de madeira e a implantación de nova tecnoloxía para o acondicionamento do parque de biomasa e para a instalación dunha manipuladora de materiais.

“Biegal é un exemplo claro da oportunidade que temos en Galicia para favorecer o investimento en enerxías renovables e para que a biomasa sexa tamén un elemento de transformación que permita desenvolver novas tecnoloxías e novos proxectos, neste caso, vinculados ao medio rural”, subliñou Conde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información