A Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña – Bico de Xeado obtivo o recoñecemento a Mellor iniciativa transformadora do rural dos premios PEL 2024 da Deputación da Coruña.
A Deputación da Coruña celebrou este pasado serán no novo Auditorio Municipal de Ribeira a VI edición dos premios PEL, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano ás mellores empresas, asociacións e clústeres empresariais da provincia e a súa aposta polo desenvolvemento económico de Galicia.
O xurado entendeu que merecía o galardón pola súa traxectoria de expansión, que fixo posible que levase o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Ademais, foi quen de promover o produto galego de proximidade e ecolóxico poñendo, ao mesmo tempo, en valor ao rural. Con sede en Bergondo, Bico de Xeado vén traballando na revalorización do sector lácteo desde o desenvolvemento de áreas estratéxicas baseadas na sostibilidade, a investigación de materias, a inclusión dun formato monodose que permitirá aumentar a adaptabilidade do seu produto e a fundamental elaboración con materiais de proximidade. Todo para expandirse no mercado dun xeito que pelexa contra o reto demográfico a través da creación de oportunidades no rural.
72.000 en premios para as gañadoras
As empresas e entidades gañadoras nas catro categorías oficiais recibirán un premio en metálico por importe de 18.000 euros. Así, repartíronse un total de 72.000 euros nesta edición dos premios PEL.
Tempo Social Training Club S.L. recibiu o premio na categoría de Mellor iniciativa empresarial nova, ao ter en conta o xurado o trasfondo social do proxecto, que aposta pola integración e dinamización da poboación rural a través da creación de comunidade e o fomento de hábitos de vida saudables.
Pilgrim Travel SL foi galardoada na categoría de Mellor iniciativa empresarial consolidada. Trátase dunha empresa fundada na cidade da Coruña no ano 2016 por Roberto Fraga e Laura Castelo.
O premio á Mellor iniciativa verde foi para Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaje Textil SL – Insertega. A súa labor a prol do medio ambiente e a integración social, coa importante innovación
No acto tamén houbo espazo para un recoñecemento ao Mellor comunicador en materia de Economía e Empresa. Foi ás mans do xornalista Julio Pérez Domínguez,
A sexta edición destes galardóns logrou superar o seu récord de inscricións. Presentáronse un total de 92 candidaturas, un fito que o presidente destacou como unha “excelente mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para seguir innovando, apostando polo talento formado aquí e impulsando proxectos empresariais de éxito”.
“Cos premios PEL queremos recoñecer o talento e innovación dos emprendedores e das pequenas empresas da provincia. Todas elas, co traballo das persoas que hai detrás, contribúen á creación de emprego, á dinamización económica e á proxección da imaxe de Galicia”, apuntou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que lembrou que grazas a isto, a provincia da Coruña afiánzase como “o motor económico” da comunidade autónoma.
O PEL, un impulso á creación de emprego na provincia
Valentín González Formoso quixo pór en valor o Plan de Emprego Local, xa que cando chegou á presidencia da Deputación, no ano 2015, a institución provincial apenas investía un millón de euros anual na creación de emprego.
Oito anos despois, a creación do PEL supuxo un investimento de 112,8 millóns de euros que axudaron a crear 7.196 empregos directos tanto no eido público como no privado. Ademais, 11.875 empresas e profesionais autónomos recibiron o apoio económico da Deputación da Coruña para impulsar a súa competitividade e modernización, e preto dun centenar de emprendedores desenvolven os seus proxectos de negocio nos 11 centros cos que conta actualmente a Rede Provincial de Espazos de Coworking noutros tantos municipios coruñeses.