Bico de Xeado prevé incrementar este ano un 40% as súas vendas ata os 280.000 litros

Bico de Xeado prevé incrementar este ano un 40% as súas vendas ata os 280.000 litros

Bico de Xeado, a coñecida marca de xeados da cooperativa galega CAP Coruña, prevé incrementar este ano nun 40% a venda dos seus xeados artesáns elaborados a partir do leite das súas vacas, ata alcanzar os 280.000 litros.

Así o asegura o xerente, Jesús Otero, quen destaca a evolución positiva deste proxecto, iniciado no ano 2011 e que en 2015 abría a súa primeira tenda na cidade da Coruña. Desde entón Bico de Xeado expandiu os seus puntos de venda a todas as cidades galegas, a última en incorporarse foi Vigo, onde este luns se inaugura o primeiro local, no Centro Comercial A Laxe, así como unha food track en plena rúa.

O pasado 2017 lograron comercializar 200.000 litros de xeado artesán, elaborado con leite procedente das súas vacas de Granxa O Cancelo, en Miño (A Coruña), unha campaña de vendas “excelente” que prevén superar este ano, chegando aos 280.000 litros de xeado vendidos.

“Xa contamos con tendas propias na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Betanzos, ou Baiona, e tamén temos acordos con franquiciados ou colaboradores en Sanxenxo, Viveiro ou Ribadeo, e fóra de Galicia en Málaga, Almería e Madrid”, explica Jesús Otero.

Ademais, este ano iniciaron un proceso de colaboración con cafetarías e pastelarías para colocar pequenos puntos de venda -”corners”- nestes locais, estando xa presentes en Marín, Cee ou Xixón.

Novos proxectos e máis aperturas

De cara aos próximos meses os proxectos de Bico de Xeado pasan por abrir un novo punto de venda nun dos lugares máis céntricos e visitados de Madrid, “co obxectivo sobre todo de potenciar a nosa marca”.

E todo iso, para elaborar xeados con leite 100% procedente das súas vacas de Granxa O Cancelo. Neste sentido, outro dos proxectos estratéxicos de CAP Coruña é a apertura dunha nova gandaría de vacún de leite no concello coruñés de San Sadurniño.

Trátase de Granxa La Esperanza, un proxecto singular xa que, como destaca Jesús Otero, “vai ser unha granxa con 450 vacas Jersey, unha raza que se caracteriza por producir leite con moitos sólidos: un 5% de graxa e un 4% de proteína, xusto o que buscamos para elaborar os nosos xeados”.

“Este tipo de leite non o atopamos no mercado e vainos permitir ser autosuficientes de forma que non teremos que engadir nata ou proteína aos nosos xeados, abondará co leite das nosas vacas”, destaca.

Granxa La Esperanza está previsto que entre en produción a partir de febreiro do ano próximo cun rabaño inicial dunhas 260 cabezas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información