A Xunta outorga o selo de Galicia Calidade a Bico de Xeado polo seu carácter emprendedor, a súa vinculación ao mundo rural e a súa aposta pola sustentabilidade. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou este luns o diploma da certificación á cooperativa láctea, un recoñecemento, tal e como sinalou, ao espírito innovador da compañía e á súa contribución á xeración de emprego e riqueza desde o rural e a través duns xeados 100% artesanais elaborados con materias primas de excelente calidade.
Durante unha visita polas instalacións da empresa no polígono de Bergondo (A Coruña), Conde quixo destacar a Bico de Xeado como un claro exemplo dos novos proxectos de emprendemento que están nacendo no sector agroalimentario galego vinculados á innovación e a sustentabilidade. Creada no 2012, a marca conta xa cunha vintena de postos de venda repartidos por toda España e unha gama de produto de preto de 30 sabores distintos.
Son xa máis de 140 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade
“O selo Galicia Calidade vén de reforzar este éxito de mercado que o consumidor aprecia por unha imaxe de marca que evoca tradición, sustentabilidade e deseño”, manifestou Francisco Conde, ao mesmo tempo que extrapolou este recoñecemento ao traballo dos gandeiros e o sector primario galego en xeral.
Con Bico de Xeado xa son máis de 140 as empresas galegas que contan na actualidade co selo de Galicia Calidade, unha distinción que busca impulsar a competitividade e achegar confianza e seguridade aos consumidores.
Fondos NextGeneration para a industria alimentaria
Coa mirada posta no futuro, o vicepresidente económico indicou que os retos da industria alimentaria pasan pola dixitalización das cadeas de valor; un maior control da trazabilidade dos produtos; e o máximo aproveitamento dos descartes e residuos para lograr unha economía circular. Neste sentido, apuntou á gran oportunidade que supoñen os fondos europeos NextGeneration para que a industria vexa nacer novas iniciativas neste novo marco de transición dixital e ecolóxica.