Bico de Xeado gaña o XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

A gala de entrega do galardón, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, terá lugar o venres 27 de febreiro na facultade de Veterinaria de Lugo.

revelacion_ganhador_Aresa2026O lugués Pazo de Montenegro acolleu este mediodía o acto no que se deu a coñecer o gañador do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado de maneira conxunta polo Grupo Aresa e a USC, un galardón que, nesta ocasión, recaeu en Bico de Xeado.

O xurado desta edición, na que se recibiron 11 candidaturas, estivo composto polo reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López; a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; a CEO de Granja Campomayor, María García Busto; e o catedrático de Química Analítica, Carlos Herrero Latorre.

O reitor da USC iniciou a rolda de prensa repasando todas as propostas presentadas. Tras destacar que foran preseleccionadas tres delas como finalistas, Gandería Quintián, Hifas da Terra e Bico de Xeado, anunciou que Bico de Xeado fora finalmente a seleccionada “pola súa inmensa ligazón co medio rural e o sector primario e polas súas tres liñas de traballo na produción leiteira, con dúas ganderías; na prestación de servizos a empresas do sector e na elaboración dos seus propios xeados para a súa posterior comercialización en Galicia e fóra das nosas fronteiras”. Tamén salientou os resultados da empresa en termos de emprego, de facturación e da súa aposta por crear valor engadido cos seus propios produtos.

A continuación, a presidenta de Aresa, Carlota López, expresou na súa intervención o agradecemento do grupo á Universidade “por continuar apostando pola organización desta iniciativa que, despois de vinte e seis edicións, continuamos levando adiante con moita ilusión”, así como a María García Busto e a Carlos Herrero Latorre “por formar parte do xurado”.

Cualificou de “moi meritorias todas as candidaturas presentadas”, indicou que a decisión fora “moi difícil” e animou a cada unha delas a continuar presentándose nas vindeiras edicións.

Por último, rematou a súa intervención dirixíndose, en especial, a Antonio López e Francisco José Fraga, para darlles as grazas “por todo o seu esforzo nestes anos de traballo en común”, xa que esta será a última edición do Premio na que participen como reitor e vicerreitor.

ENTREGA DO PREMIO

Ao remate do acto, anunciaron tamén a data de entrega do galardón, unha cerimonia que se levará a cabo o vindeiro venres 27 de febreiro na facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

O premio está dotado, como vén sendo habitual, con 10.000 euros e un diploma de mérito.

CANDIDATURAS PRESENTADAS

Xunto con Bico de Xeado, presentáronse como candidatos a esta edición Cátedra do Pan e do Cereal, Embutidos Suarna, Da Escola á Granxa, Gandería Quintián, Belacolmea-Innovar dende a colmea, Hifas da Terra, Soc. Coop. O Rodo, Ecogranxa de Riomouro, Vacantes.gal e AZ-Agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información