Benestar animal en explotacións: o sentido común feito lexislación

Artigo de Carmen Calvo, investigadora do Departamento de Producións Animais do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria. Xunta de Galicia. Asegura que “producir sen ter en conta o benestar animal é caro”.

Benestar animal en explotacións: o sentido común feito lexislación

Vacas na SAT Cives, un dos referentes en Galicia en benestar animal.-

As bases lexislativas actuais do benestar animal arrancan no ano 1998, coa publicación da Directiva 1998/58. Os principios nos que se basea esta directiva inclúen aspectos relacionados co subministro de comida e auga, instalacións e coidados axeitados ás necesidades fisiolóxicas e etolóxicas dos animais. Os lexisladores tamén tiveron en conta que isto non fose un esquema ríxido, senón que deixa a porta aberta a modificacións baseadas na experiencia adquirida e nos novos coñecementos científicos.

Esta directiva, ten o seu reflexo na lexislación nacional a través do Real Decreto 348/2000 e lexislación posterior, que abrangue temas tan variados como as instalacións, a sanidade animal, e aspectos relacionados co transporte e o sacrificio.

Toda esta serie de normas non teñen máis función que a de darnos unhas liñas mínimas de actuación que nos permitan uniformar criterios e formas de afrontar as diversas situacións que se presentan no día a día das explotacións gandeiras, como poden ser a sanidade, bioseguridade, instalacións,…

“Producir sen ter en conta o benestar animal é caro”

Tratando de ver mais aló do que expresamente nos pide a lexislación, hai dúas consideracións fundamentais no benestar animal que axudan a entender o porqué da normativa: unha delas estaría relacionado co aspecto ético da produción gandeira e a outra co económico. O consumidor de hoxe en día quere ter na súa mesa alimentos sans, pero tamén é certo que ninguén quere ser “responsable” da obtención de alimentos a costa do sufrimento innecesario e gratuíto de outros

O outro punto citado é o económico, xa que producir sen ter en conta o benestar animal é caro. Isto pode entenderse facilmente se pensamos en animais con problemas reprodutivos que poden supoñer perda de parideiras, ou en procesos que provocan atrasos no crecemento; ou tamén, no caso dos matadoiros, as perdas por decomisos.

Por todo isto, no amplo campo que abrangue o benestar animal temos unha serie de aspectos fundamentais que debemos manexar e coñecer, como son: o comportamento das distintas especies de renda, as instalacións máis adecuadas ao noso sistema de produción, os programas sanitarios que deberíamos aplicar, a racionalización no uso dos medicamentos, e todo o relativo á trazabilidade que nos axuda a garantir a obtención de alimentos.

O consumidor debe ter a garantía de que os alimentos que consume son producidos do xeito adecuado. Esta garantía pode terse grazas a que todo debe quedar rexistrado, sendo a administración a encargada de vixiar o cumprimento da lexislación a través das distintas inspeccións que se realizan na cadea alimentaria e que garanten os aspectos éticos e económicos da produción animal.

O comportamento

A etoloxía é a ciencia que, no caso que nos ocupa, estuda as pautas de conduta de cada especie animal. Aínda que hai diferenzas individuais entre os comportamentos dos integrantes dun rabaño, é dicir hai animais que non responden á xeneralidade e que son de manexo difícil e perigosos, hai una serie de coñecementos básicos e xerais cos que todo gandeiro debe estar familiarizado para poder optimizar os recursos dos que dispón.

SAT_CIVES_VACAS_04_standar

Camas amplas e disponibles para todas as vacas

O comportamento está intimamente relacionado coa fisioloxía e anatomía de cada especie, por iso, o coñecemento do funcionamento, da organización e estrutura do corpo dos animais axuda a entender, en ocasións, as pautas da súa conduta. Por exemplo, no caso dos bovinos, en situacións nos que os animais son libres de expresar o seu comportamento natural é fácil observar que despois de pacer pasan moito tempo tumbados sobre o peito mentres rumían. Non é habitual ver as vacas tumbadas de costado nos seus períodos de descanso. Esto débese a que a rumía desenvólvese máis facilmente se o animal está tumbado sobre o esternón que en decúbito lateral.

Cómo funciona o campo de visión dos bovinos?

Outro exemplo de adaptación fisiolóxica e de comportamento, obsérvase en relación ao campo de visión das distintas especies: os animais susceptibles de ser presas dos carnívoros, como é o caso dos rumiantes, teñen unha disposición anatómica dos ollos que os dota dun campo de visión máis amplo que os dos carnívoros. Os rumiantes non posúen un campo de visión binocular grande, é dicir, o campo de visión no que ven en profundidade é pequeno, non obstante teñen un amplo espazo no que poden percibir o movemento. Esta adaptación na súa anatomía deulles, no seu momento, una vantaxe á hora de detectar a presenza de depredadores e poder fuxir ante un posible ataque.

A día de hoxe, e en relación co manexo, saber como é o campo de visión destes animais permitiunos chegar a determinar o punto de balance, con respecto ó observador, que determina o sentido no que unha res se move. Deste xeito, unha persoa que se achegue dende detrás do punto de balance (situado máis ou menos á altura do lombo nos vacúns) fai que unha vaca vaia cara a adiante, mentres que se se achega ao animal dende diante deste punto, fará que o animal recúe.

A aplicación práctica de saber cales son o punto de balance e a distancia de seguridade do animal facilitan que o rabaño vaia na dirección que queremos que avance.

Comprender as pautas de comportamento podería axudarnos a manexar un lote de animais para diminuír os problemas de xerarquía que dan lugar a pelexas e xeran estrés. Algo tan sinxelo, en aparencia, como facer un bo loteado do gando que vai entrar nun sistema de produción, como no caso do cebo, permite adaptar recursos como o espazo, a alimentación e o subministro de auga, por poñer un exemplo evidente.

“Debemos manter un comportamento firme e tranquilo, respectando os tempos dos animais que queremos manexar”

É importante coñecer que algunhas especies son máis susceptibles ao estrés causado por una temperatura inadecuada, como é o caso dos polos e dos cochos. Así, por exemplo, recomendase que os cochos dispoñan de sistemas de pulverización de auga no transporte que permitan diminuír as mortes debidas ao estrés por calor.

Saber que a maioría dos animais oen en frecuencias mais altas ca os seres humanos, fai entendible o feito de que se asusten moito ante situacións que xeran sons que nós podemos chegar a non percibir.

Outro aspecto fundamental é o noso comportamento con eles. A pesares de que sempre hai excepcións, dun xeito xeral, os animais aprenden a partir do manexo que lles damos. Hai diferentes estudos, entre eles os de Temple Grandin, que falan de que os animais sometidos a un manexo rudo son máis asustadizos. Debemos manter un comportamento firme e tranquilo, respectando os tempos dos animais que queremos manexar, para evitar provocar medo neles. Un animal estresado estará pendente de nós e as dúas opcións de comportamento máis probables que ten son as de atacar ou fuxir. Calquera delas xerará problemas.

As instalacións e a bioseguridade

O bo deseño das instalacións dunha explotación pode facilitar moito o manexo e previr a entrada e difusión de enfermidades.

As instalacións relacionadas coa bioseguridade, como os vados sanitarios, son a primeira barreira física que temos fronte á entrada de enfermidades na granxa. Conseguir que diminúa ao mínimo necesario as entradas de vehículos e persoal nas explotacións expón os nosos animais a menos axentes biolóxicos que poden ser transportados nos vehículos, calzado, etc. dos visitantes.

Relacionado con isto, é importante levar un control daquelas persoas que visitan as nosas granxas (camións do leite, do penso, de recollida de animais, veterinario, …).

“Un bo deseño do chan, das camas ou dos parques reduce o estrés e as patoloxías podales e favorece o crecemento”

A existencia de lugares onde poidan illarse animais enfermos axuda tanto á hora de administrar tratamentos, como de minimizar os riscos de contaxio. As mangas de manexo tamén facilitan a toma de mostras, diminúen o risco de accidentes,…

A disposición dun número de comedeiros e bebedeiros suficientes, coa lonxitude, anchura e altura axeitada facilita o acceso dos animais ao alimento e á bebida, e minimiza o risco de pelexas.

Un bo deseño do chan, das camas ou dos parques, facilita que os animais expresen os seus comportamentos naturais, minimizando o estrés, a aparición de patoloxías podales e favorece os ritmos de crecemento.

Un animal con dificultades para desprazarse, ten menos oportunidades para alimentarse do mesmo xeito que os seus compañeiros: pode ser remiso ao movemento, é o último en chegar ao comedeiro, etc.

Unha proba de como o benestar animal afecta ao crecemento

As patoloxías que afectan ás extremidades encóntranse en todo tipo de explotacións, aínda que poidan ter máis frecuencia nas de tipo intensivo pola influenza que ten o estado e deseño das instalacións (tipo de chan, tipo de material da cama, estado de limpeza e desinfección,…).

Sen ánimo de realizar un estudio en profundidade, senón coa simple observación dos datos de control obtidos de xeito habitual no noso rabaño, puidemos comprobar como a aparición dunha ferida nunha pata afectou o ritmo de crecemento nunha becerra.

Para realizar os distintos estudos, e co fin de calcular as ganancias medias dos animais do rabaño de Rubia Galega, no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) anotamos mensualmente os pesos dos becerros e as súas nais.

MURAS_RUBIA_GALEGA_12_standar

Vacas de carne coas súas crías.

Neste caso, unha das becerras cando tiña dous meses e medio de idade, mancouse nunha pata de diante, de xeito que non a apoiaba e tiña moitos problemas para seguir os desprazamentos do resto do rabaño. Debido a isto, separáronse tanto ela como a nai co fin de facilitar o seu tratamento e recuperación.

Para comprobar como a lesión afectou á súa ganancia de peso e como ía evolucionando na recuperación, comparamos os datos de peso recollidos cada mes cos dunha compañeira de rabaño. Esta compañeira era filla dunha vaca cun peso e conformación similares á nai da becerra enferma e ambas xatas tamén naceron nas mesmas datas e tiñan pesos e medidas ao nacemento similares.

Dende o nacemento ata os dous meses as dúas reses levaban ritmos de ganancia de peso moi parellos. Sen embargo, a partir do momento da lesión, aos dos dous meses, e ata os sete, os pesos recollidos mensualmente da becerra enferma eran menores que os da que estaba san. Aproximadamente entre os sete e os oito meses a becerra enferma ten unha ganancia de peso maior que a san que fai que se compense o menor ritmo de crecemento dos meses anteriores.

“Un animal nun ambiente confortable aumenta a produción”

Esto nos permite ver que as perdas máis importantes que podemos ter por una patoloxía non son as que podemos percibir no momento da lesión, como o gasto veterinario (consulta e tratamento), senón que hai que valorar o incremento de traballo que supón o manter o animal illado durante o establecemento dese tratamento, e sobre todo, o tempo de recuperación total, que inclúe tanto o da recuperación da lesión e da funcionalidade da extremidade como o do peso e conformación do animal.

Un animal que ten os seus recursos biolóxicos “ocupados” na adaptación a situacións estresantes, non os destina á produción, de aí que todo o que facilite que os animais se manteñan nun ambiente confortable debería redundar nun aumento das producións.

Trazabilidade na alimentación e administración de tratamentos.

A crise da BSE ou enfermidade das vacas tolas puxo de manifesto a importancia do control da alimentación animal. Un rexistro onde queden anotadas as materias primas que subministramos como alimento aos nosos animais garante a transparencia e trazabilidade, e axuda a reforzar a idea de que os alimentos son sans e seguros, permitindo localizar e retirar do mercado en calquera momento lotes defectuosos.

O mesmo propósito cumpre o rexistro dos tratamentos administrados o gando. A anotación destes datos permite o control das sustancias administradas, do tempo de administración e asegurar que se cumpre o período de espera, minimizando o risco de aparición de residuos na cadea alimentaria, e axudando a realizar un bo uso dos medicamentos de uso veterinario.

Asemade, hoxe en día, existe unha preocupación importante polo uso racional dos medicamentos administrados aos animais, debido ás resistencias a antibióticos detectadas, o que pon en risco non só a saúde dos animais senón tamén a humana.

Programas sanitarios

Un dos aspectos fundamentais do rendemento dunha granxa descansa no feito de que o rabaño estea san. Moitas enfermidades non son só importantes polas perdas directas que ocasionan senón tamén polos custes indirectos e efectos a longo prazo que teñen.

Algunhas enfermidades como a Paratuberculose, teñen un período de incubación longo (de anos) e os seus síntomas a veces maniféstanse dun xeito tan discreto que pode que non se detecte a presencia da enfermidade e, polo tanto, se deixen de tomar as medidas adecuadas.

Outra enfermidade, como a Diarrea Vírica Bovina (BVD) ocasiona perdas directas debido á presenza de abortos ou á caída na produción do leite, que, relativamente, son fáciles de detectar e cuantificar; pero hai outras consecuencias que nos poden pasar máis inadvertidas, como son a baixada nos índices de fertilidade do rabaño, e a predisposición a outros padecementos pola baixada das defensas do organismo

Controlar os movementos dos animais, e pedir probas en orixe é fundamental para previr a introdución de patoloxías na corte. As análises en destino axúdannos a ter pautas de actuación e tomar medidas para impedir a difusión dunha enfermidade, pero, obviamente, se isto ocorre xa empezaríamos a ter perdas pola enfermidade introducida na explotación.

“É fundamental controlar os movementos dos animais, e pedir probas en orixe para evitar a entrada de enfermidades”

Outro matiz importante dentro da prevención, ademais de ter controlados os movementos, é o uso de vacinas. Ter un bo plan vacinal, axúdanos a mellorar a rendibilidade das nosas explotacións non só por evitar os custes directos do tratamento dunha enfermidade, senón tamén os indirectos, que son difíciles de avaliar, pero quizais máis importantes que o simple custo de aplicación dun medicamento.

O peor que nos pode pasar é que nos “afagamos” a convivir cunha enfermidade no rabaño.

Outras enfermidades, como por exemplo a Tuberculose ou a Brucelose están sometidas a control e erradicación pola importancia que teñen na saúde humana, aparte das repercusións nas produción gandeiras.

SAT_CIVES_VACAS_06_standar

Os animais non deben competir pola comida.

Os programas sanitarios teñen sempre obxectivos sanitarios mínimos que se pretender acadar, dándonos pautas para controlar as patoloxías que afectan dun xeito xeral a todas as explotacións, pero temos que ter en conta as nosas producións e cada gandeiro debería adaptarse aos riscos fronte aos que está máis exposto polo tipo de manexo que realiza e establecer un plan sanitario acorde o seu sistema produtivo. Por exemplo, nun cebadeiro poden ter máis importancia para o gandeiro a vixilancia e control dos procesos diarreicos e respiratorios que para unha explotación de vacas de leite onde os puntos críticos poden ser as mamites e procesos reprodutivos e podais.

A trazabilidade nas producións gandeiras

A trazabilidade das producións é a consecuencia e un dos obxectivos máis importantes do cumprimento da normativa. É o que dá confianza ao consumidor, xa que garante que en cada un dos pasos da cadea alimentaria podamos saber que animal, de que granxa e con que foi alimentado, e unha vez sacrificado, que procesos se lle aplicaron á carne e a outros produtos obtidos. En definitiva, asegurarnos que os alimentos se producen dun xeito seguro.

Todos estes aspectos reflectidos nos puntos anteriores son o obxecto das inspeccións da condicionalidade, a ferramenta coa que conta a administración para comprobar o grao de cumprimento da normativa.

Na base da lei, e tal e como está indicado na directiva 1998/58, está garantir o desenvolvemento racional da produción e facilitar a organización do mercado dos animais, indicando unhas esixencias das condicións mínimas que se deberían cumprir en base aos coñecementos actuais.

Como conclusión, o que se nos pide é que coñezamos aquilo co que traballamos para obter os máximos rendementos e que minimicemos riscos, para nós e para os que van consumir os alimentos que producimos. É dicir, o sentido común trasposto na lexislación, nin máis nin menos.

Carmen Calvo

Investigadora do Departamento de Producións Animais do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo-Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria. Xunta de Galicia

Una idea sobre “Benestar animal en explotacións: o sentido común feito lexislación

  1. Luisa

    “Hai diferentes estudos, entre eles os de Temple Grandin,”
    El artículo muy bueno; la mención a esta increíble persona fundamental.¡¡¡Al fin se la reconoce!!!

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información