Benestar animal en explotacións lácteas

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu unha actividade formativa sobre esta materia na que lembrou cuestións que cómpre non despistar, coma a atención ó comportamento animal, ó estado sanitario do rabaño, á trazabilidade ou a alimentación

Benestar animal en explotacións lácteas

Explicacións prácticas nun intre do curso impartido en Mabegondo.

O benestar animal nas explotacións gandeiras foi regulado nas últimas décadas por varios decretos, coma o RD 348/2000, pero máis alá da normativa, que esixe uns mínimos, o sector incide en que cómpre seguir unhas boas prácticas que redunden no mellor estado dos animais e nunha mellor produción. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu recentemente un curso sobre benestar animal no que incluiu un apartado específico para repasar cuestións a ter en conta nas explotacións lácteas. Resumimos a continuación algúns dos apartados tratados no curso, coordinado por Carme Calvo.

Estado sanitario
De cara a preservar o bo estado sanitario do gando, resulta importante limitar a entrada de animais na explotación. Para o novo gando que chegue, aconséllase o establecemento dunha zona de corentena dunha semana para valorar se a vaca presenta síntomas.

Previamente ás incorporacións, ademais, é conveniente que, uns 20 días antes se lle fagan en orixe ó animal as probas das enfermidades controladas normalmente a través das Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS), tales como a BVD, IBR ou paratuberculose. “Non ten porque ser así por lei, pero se se fai en destino e hai positivos, o animal puido estar diseminando os virus na explotación”, valora Carme Calvo. “É importante que os animais cheguen con resultado negativo”.

Vixilar regularmente o aspecto sanitario do gando e illar a calquera animal sospeitoso é outra recomendación básica. En canto ós programas sanitarios a aplicar, as ADS adoitan controlar o IBR, o BVD e tamén en moitos casos a neosporose –responsable dun 16% dos abortos- e a paratuberculose. O control de parásitos internos e externos, a desratización dos locais –co sitio dos cebos marcados-, e un plan de diagnóstico e control de mamite son outras cuestións a coidar.

De xeito paralelo ó traballo de campo, cómpre ademais coidar o labor administrativo de levar ó día o rexistro de enfermidades e tratamentos. No caso dos animais tratados, hai que identificalos de xeito claro para evitar que entren no protocolo ordinario de muxido.

Requisitos de trazabilidade e alimentación

O gandeiro está obrigado a cumprir unha serie de requisitos de trazabilidade dos animais e do propio leite que sae da explotación (a normativa da letra Q). Na identificación de animais, é conveniente ter en conta os prazos que hai para comunicar nacementos, mortes ou a entrada e saída de vacas das explotacións.

En canto á alimentación, a normativa fai referencia a cuestións de sentido común, como evitar riscos microbiolóxicos ou químicos na alimentación que se lles suministra ós animais. Outro requisito a ter en conta é facer a compra de concentrados só de fabricantes rexistrados e gardar a etiqueta e o albarán da compra durante un periodo de tres anos. “A transparencia, a trazabilidade e o respeto á normativa aportan máis seguridade para o gando e para o produto que chega ó consumidor. É importante que todos percibamos ese control”, explicaba Carme Calvo no curso impartido en Mabegondo.

En canto á auga, se non é dunha traída pública, por normativa haberá que facerlle alomenos unha análise anual.

Comportamento dos animais
Prestar atención e coñecer o comportamento dos animais resulta importante para descubrir posibles enfermidades e para reducirlles o stress, un factor que pode levar a problemas como a baixada da produción de leite, un menor aumento de peso, pérdidas de celos ou a pelexas entre os animais.

Ter as claves do comportamento das vacas pode ademais facilitar o manexo dos animais. As reses tenden a seguir a unha vaca que actúa como líder no movemento do rabaño, polo que facer ensaios cun animal manso para que actúe como líder podería mellorar o control do rabaño.

Cómpre tamén ter en conta que o liderado á hora de moverse é distinto da xerarquía, que pode ser liñal, dun individuo sobre outros, ou complexa. De cara a evitar desaxustes xerárquicos, un elemento a considerar é que as vacas son capaces de identificar e diferenciar arredor de 70-80 reses, polo que ter lotes superiores pode xerar problemas.

Outra cuestión práctica que facilita o manexo nos corrais consiste na colocación dunha táboa no arame superior, de xeito que se reduza o desexo dos animais de saltar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información