O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se resolven as axudas da Consellería do Medio Rural para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais, dotadas con 1,35 millóns de euros. Este investimento permitirá a plantación de algo máis de 23.800 pés de castiñeiro e actuar nun total de 289 hectáreas, reforzando deste xeito o papel de Galicia como principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas.
A provincia máis beneficiada é a de Lugo, que acumula un 67,70% do orzamento, xa que a presenza desta especie é maioritaria nas zonas interiores e de montaña. Lugo destaca tamén coa maior superficie de actuación, con algo máis do 67% do total. Das 58 solicitudes aprobadas, preto da metade -46,55%- corresponden a propietarios particulares de forma individual; sendo o resto de agrupacións forestais de xestión conxunta -14 solicitudes- e de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común -16 solicitudes-.
Estas achegas están divididas en dúas liñas, a primeira centrada no fomento de plantación para froito e a segunda na rexeneración ou mellora dos soutos tradicionais, cunha densidade mínima de 50 pés por hectárea. De feito, na primeira liña de axudas localízase a única entidade local beneficiaria, o concello pontevedrés de Pazos de Borbén.
Esta partida está enmarcada dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) de España, na súa compoñente destinada á conservación e restauración dos ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, que ten como obxectivo acadar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica.
Ao mesmo tempo, responde ás metas marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que contempla nun dos seus eixos a elaboración do Plan estratéxico do castiñeiro e produción de castaña en Galicia, que veu a luz no 2022 e que deu orixe a esta liña de axudas. Neste sentido, materialízase o importante compromiso do Goberno autonómico a prol da recuperación de soutos tradicionais, tendo en conta a importancia económica do castiñeiro en Galicia.