Unha nova raza de vacún está a aterrar en Galicia. Trátase das vacas e xatos beefmaster, unha raza creada en EEUU hai case un século buscando a máxima rendibilidade para as explotacións cárnicas e que están a comezar a probar ganderías de leite da comunidade como cruce nas vacas adultas, no canto de empregar coma até agora seme limusín, angus ou azul belga.
Entre as vantaxes que aporta esta raza, cunha base xenética 50% Brahman x 25% Hereford x 25% Shorthorn, está a facilidade de parto, xa que os becerros pesan entre 35 e 40 quilos ao nacer pero despois medran moi rápido debido á súa gran eficiencia na conversión de alimento.
A filosofía beefmaster é a mesma na que está baseado o método Procross de cruzamentos que se aplica a vacas de produción de leite pero aplicado neste caso a razas cárnicas. Consiste en aproveitar as vantaxes que se logran co vigor híbrido, no que cada unha das tres razas aporta as súas cualidades máis destacadas: a brahman rusticidade, a hereford conformación cárnica e a shorthorn produción de leite.
A empresa Global Genetics comercializa seme e embrións beefmaster en España
O seme beefmaster, que está destinado tanto a ganderías de carne que queren aumentar a súa produtividade e rendibilidade, así como tamén a ganderías de leite que usan seme sexado nas xovencas para reposición e poñen cruces cárnicos nas vacas adultas, é distribuído en España pola empresa Global Genetics, que comercializa tamén embrións procedentes da explotación beefmaster de referencia para toda Europa, situada en Portugal.
Visitamos esta granxa, situada en Sintra, para coñecer da man de Carlos Serra Ugenes os segredos desta nova alternativa xenética, que se adapta á perfección a ganderías de carne en extensivo que alimenten os animais en base a pasto e tamén a cebadoiros intensivos de becerros.
Desenvolvida fai case un século en EEUU
A beefmaster foi a primeira raza composta norteamericana, desenvolvida por Tom Lasater en 1931 no seu rancho do sur de Texas a partir dun cruce entre Bos taurus e Bos indicus. Este gandeiro buscaba animais rústicos e de baixo requerimento alimenticio capaces de producir carne en base aos pastos de escasa calidade dos que dispoñía nesta zona semiárida.
Ganancia de peso, eficiencia alimentaria e calidade da carne son as tres claves desta raza creada para producir nas adversas condicións do sur de Texas
Para iso, Lasater empregou touros brahman (principalmente das estirpes Nellore procedente de Brasil e Guzerat e Gir procedentes da India) e cruzounos con vacas hereford e shorthorn, creando unha raza de carne homozigótica co explosivo potencial que aporta o vigor híbrido.
O Departamento de Agricultura dos EEUU (USDA) reconoceu a raza beefmaster en 1954 e hoxe é unha das principais razas do país
Nacida nun contexto de escaseza, baixo as condicións máis duras na época da Gran Depresión americana, hoxe é unha das principais razas cárnicas en EEUU e tamén a que máis está a medrar, con importante presenza tamén en todo México ou en Colombia, onde os gandeiros comezaron por introducir touros beefmaster para cruzar coas súas vacas e aumentar o peso e supervivencia dos xatos e acabaron por adoptar a raza tamén nas reprodutoras vistos os excelentes resultados.
Explotación de referencia para Europa
A explotación máis grande de raza beefmaster en Europa atópase en Portugal, a uns 20 km de Lisboa, no municipio de Sintra. Trátase dunha explotación leiteira que foi pioneira, no ano 1957, na raza holstein e que agora está a apostar por diversificar os seus ingresos coa produción de carne e a exportación de seme, embrións e animais desta raza a outros países da UE.
Casal de Quintanelas leva moitos anos producindo leite e agora quere complementar esa produción tamén coa carne
A granxa xa tiña experiencia nos cruzamentos no seu rabaño leiteiro, no que levan desde o ano 2008 apostando polo programa Procross de selección, e agora están a aplicar esa mesma filosofía do vigor híbrido ao seu gando de carne.
“Despois dunha viaxe a California no ano 2018, onde vimos algúns animais beefmaster, entrounos o interese por esta raza e decidimos visitar posteriormente a gandería orixinaria en Texas onde se fundou a raza, o Lasater Ranch”, explica Carlos Serra, responsable do proxecto Quintanelas Beef.
De volta en Portugal, ese mesmo ano puxeron a andar o seu propio rabaño beefmaster, coa intención de estender a raza e abastecer o mercado europeo. “En Europa tan só existe un núcleo moi reducido de beefmaster en Italia e outro en Austria e a nosa intención é exportar desde Portugal seme, embrións e gando beefmaster a países como España, Francia, Italia, Alemaña, Irlanda ou Reino Unido”, indica.
O proxecto para Europa iniciouse importando 48 embrións de EEUU, que foron implantados en vacas leiteiras
O proxecto iniciouse importando 48 embrións de EEUU, procedentes da gandería da familia Lasater, que foron implantados en vacas leiteiras. Os primeiros animais naceron en xaneiro de 2020 e a partir desas primeiras femias beefmaster nacidas xa en Portugal comezaron un programa de multiplicación da raza.
Para iso trouxeron seme e comezaron a extraer embrións a esas xatas que lles ían nacendo para iren así aumentando o número de cabezas. O rabaño de Quintanelas Beef está formado neste momento por 50 femias puras e 42 machos puros pero están a seguir un proceso moi agresivo de crecimento a través da utilización de embrións que os levará a multiplicar o seu rabaño no prazo de 2-3 anos.
Queren triplicar o seu rabaño no prazo de tres anos, chegando ás 150 vacas adultas
“O noso obxectivo a curto prazo é chegarmos a ter entre 120 e 150 femias adultas beefmaster na explotación. Para iso, temos un programa de embrións moi forte. Cada 50-60 días facemos embrións en vivo. Neste momento temos 6 vacas doadoras (2 xovencas de primeiro parto e 4 vacas adultas) e até fin de ano van parir outras 30 vacas que teñen implantados embrións, polo que agardo chegar ao longo do 2025 xa ás 110 femias”, explica.
Na actualidade os embrións que producen son extraídos ás súas propias vacas beefmaster, utilizando como receptoras as vacas leiteiras da explotación. En paralelo, están a ampliar tamén as instalacións para acoller a un rabaño que está a medrar a pasos axigantados.
Venda de touros para ganderías de carne
Ademais da produción e venda tanto de doses de seme como de embrións, comezaron tamén xa a vender animais para vida e a raza está a estenderse xa a ganderías de carne da zona do Alentexo e o seguinte paso será tamén España, en comunidades como Estremadura, Castela e León ou Andalucía.
Os machos destinados a ser sementais en explotacións de carne son comercializados con 18-19 meses de idade
“Na carne son máis habituais os cruzamentos ca no leite, porque os gandeiros de carne xa cruzan as súas vacas en moitos casos con limusín ou charolés; as explotacións, tanto en Portugal como en España, levan anos facéndoo”, evidencia Carlos.
Recentemente creouse unha asociación que engloba a 12 granxas portuguesas que teñen machos beefmaster puros para cruzar coas súas vacas, e que está integrada tamén na asociación internacional da raza. Ao mesmo tempo, todos os touros que saen da granxa de Portugal están rexistrados na asociación americana e contan con datos xenómicos.
Un parto ao ano
As vacas beefmaster son tamén unhas moi boas reprodutoras debido a unha serie de características propias da raza, como son a súa boa fertilidade, a alta produción de leite, a docilidade e facilidade de manexo e os baixos requerimentos nutricionais.
Para a produción de carne, a vaca beefmaster é unha boa nodriza, porque é fértil, é dócil e cría ben os xatos. Ademais, é rústica e ten baixos custos de mantemento
Desde o inicio realizouse unha forte presión de selección en relación á fertilidade, pois eliminábanse do rabaño todas aquelas vacas que non destetaban un xato cada ano. “As vacas saen en seguida en celo e quedan preñadas grazas á súa boa fertilidade. Como raza híbrida de orixe empreña moi ben”, di.
En canto ás xovencas, son animais precoces que veñen a parir antes dos dous anos de vida, como se foran vacas de leite, moito antes que outras razas de carne. “Na limusin, por exemplo, a idade media ao primeiro parto en Portugal é de máis de 30 meses”, compara.
As xovencas beefmaster paren antes dos 2 anos, cuando a media en limusín son máis de 30 meses
Para favorecer o seu crecemento e poder adiantar a idade de inseminación en Casal de Quintanelas aportan ás becerras concentrado no prado mediante comedeiros selectivos máis ou menos até os 8 meses. Despois, cando xa non entran por tamaño, son só alimentadas con pasto e herba seca até o momento da inseminación.
Rusticidade e leite
Otra das características das vacas e xatas beefmaster é precisamente a súa capacidade para manter unha boa condición corporal mesmo en situacións de escasa calidade do pasto. “Son vacas moi económicas que se manteñen só con pasto e cando escasea con herba seca, pero sen nada de concentrado. É unha vaca moi barata nunha granxa, porque hai que gastar moi pouco nelas, para min iso é o importante”, salienta Carlos.
O peso medio ao destete con 8 meses é de máis de 280 quilos e temos moitas vacas con dous xatos e que os logran criar moi ben
En base á súa experiencia nestes anos, asegura que “son animais moi rústicos e con moita eficiencia alimentaria a causa do sangue do brahman pero tamén con moito leite e moita produción de carne polos xens aportados polas razas hereford e shorthorn”, conta.
Outra das características importantes da raza é a súa docilidade e facilidade de manexo. Aínda que os animais están sempre fóra en extensivo, non resulta difícil pasalos pola manga de manexo ou pola báscula de pesaxe, unha ferramenta de traballo fundamental para esta gandería portuguesa.
Poucas baixas nos matadoiros e gran conversión de alimento
A baixa mortalidade e a súa gran capacidade de conversión de quilos de materia seca en quilos de carne fai dos becerros beefmaster os preferidos polos cebadoiros norteamericanos. “En EEUU hai moitos cebadoiros enfocados a esta raza porque son os xatos que teñen unha menor porcentaxe de baixas e unha maior ganancia de peso. Nas probas realizadas o seu comportamento é mellor que os cruces con angus e a calidade da carne mellor ca limusin”, asegura Carlos.
Moitos cebadeiros de EEUU están enfocados a esta raza porque os xatos beefmaster son os que teñen unha menor porcentaxe de baixas
Neste momento na granxa de Sintra están a lograr machos que acadan os 440-450 quilos de peso vivo aos 10 meses, cunha ganancia media de entre 1,2 e 1,3 quilos por día desde os 38-40 quilos iniciais que pesan ao nacer.
Este lote é alimentado cunha ración controlada a base de pasto, herba seca e unha media de 5 kg de penso e o engorde realízase ao aire libre. “Levamos cálculo de todo o que comen e facemos pesaxes para saber o que gaña cada un e desta maneira seleccionar aos sementais que enviamos despois ao centro de inseminación”, indica.
A ganancia de peso sitúase entre 1,2 y 1,3 quilos por día de vida
O peso é un parámetro altamente heredable xeneticamente, ao igual que os rasgos morfolóxicos (animais longos, profundos e ben musculados) que aportan un bo aproveitamento da canal no matadoiro, con menor nivel de desperdicio e maior peso das pezas de máis valor comercial.
En canto á conformación, son animais moi longos, con amplitude torácica e rasgos culóns, o que aporta un maior rendimento en canal
En Portugal os cruces con limusín ou con angus son os máis habituais tanto nas ganderías de leite como nos rabaños de carne das explotacións en extensivo e os xatos beefmaster reúnen características das dúas: “a eficiencia a respecto da ganancia de peso en relación á MS inxerida é similar á do limusín, pero a carne é de máis calidade, máis parecida á do angus en parámetros como a infiltración de graxa, aínda que cunha diferenza importante, porque os becerros angus son moito máis tardíos e para lograr un bo animal hai que agardar até os 14,15 ou 16 meses, cando co beefmaster pódese lograr esa mesma calidade de carne sacrificando aos 10 meses como se fora un limusín”, explica o responsable de Quintanelas Beef.
Ao igual que acontece con outras carnes selectas como a angus, a kobe ou a wagyu, a carne beefmaster goza tamén dun grande recoñecemento e prestixio a nivel mundial. “En Dubai hai restaurantes beefmaster que promocionan esa carne en concreto e estanse a mandar para alí animais vivos desde EEUU”, conta Carlos.
Distribuidor en Galicia:
GLOBAL GENETICS
Teléfono: 619760916
oficina@globalgenetics.es
As seis características esenciais dunha raza híbrida que potencia os parámetros produtivos
A beefmaster, a primeira raza de carne americana, está baseada nun estrito programa de selección que prima a máxima rendibilidade da explotación e que ten en conta seis características esenciais nos animais: peso, conformación, fertilidade, produción de leite, mansedume y rusticidade.
Tom Lasater, o avó de Lorenzo Lasater, o actual xerente do rancho familiar en Texas, buscaba animais que tiveran un baixo peso ao nacer, para que as vacas puideran parir soas, e logo un rápido crecimento e unha alta ganancia de peso debido ao abundante leite da nai e á súa boa conversión alimenticia, polo que en base a esta selección na actualidade os becerros beefmaster teñen unha habilidade comprobada para mamar e un rápido crecemento despois do parto, condición que contrasta con outras razas.
O sangue do brahman aporta rusticidade ao cruzamento, mentres que o hereford engade conformación cárnica e o shorthorn incrementa a produción leiteira
Baixo peso ao nacer equivale a partos fáciles y sen problemas, que é unha das características recoñecida desta raza. “Os becerros pesan entre 35 e 40 quilos ao nacemento, evitando así problemas no parto, especialmente nas xovencas primeirizas”, indica Carlos Serra.
A cor da pel, que varía entre rubio e castaño escuro, ou outros parámetros estéticos pasan a un segundo plano. “En EEUU búscase unha cor máis escura, tirando a negra, porque o habitual até agora era o gando de carne de raza angus, mentres que en Europa prefírense animais rubios por ser a cor predominante en moitas das razas europeas, pero ao final a cor da capa non inflúe nin na calidade da carne nin na rendibilidade da granxa”, evidencia.
O creador da raza, Tom Lasater, seleccionaba exclusivamente o seu gando por parámetros produtivos buscando a máxima rendibilidade do rabaño
A raza beefmaster adáptase ben tanto a pastoreo en extensivo como á súa cría en instalacións confinadas. En ganderías de vacún de carne en extensivo que contan con animais beefmaster compróbase que ao destete pesan entre 40 e 60 quilos máis que o promedio da explotación noutras razas, debido ao aporte de leite materno e ao efecto do vigor híbrido, unha vantaxe que se mantén despois durante toda a fase de crecemento e engorde.
O gando beefmaster adáptase ben tanto a pastoreo en extensivo como á súa cría en instalacións confinadas
Diversos estudos realizados pola Universidade de Texas avalan estes resultados, reforzando as vantaxes competitivas das vacas e xatos beefmaster sobre outras razas: vacas de baixo mantemento e fácil parto, produción de leite abundante, alta fertilidade e lonxevidade, manexo doado e resistencia á calor, a enfermidades e a parásitos; e no caso dos xatos, alto peso ao destete, baixa mortalidade, alta eficiencia alimenticia na conversión de materia seca, bo aproveitamento e rendemento en canal e carne de excelente calidade con altos niveis de infiltración de graxa.
Maior resistencia fronte á EHE
A raza brahman americana, formada por un mix de varias estirpes de Bos indicus (Nellore, Gyr e Guzerat), aporta saúde, resistencia a enfermidades e supervivencia ao gando beefmaster. “Ao conter o 50% de sangue de cebú son animais máis resistentes a condicións extremas, tanto climatolóxicas como doutro tipo de factores ambientais, polo que é un tipo de gando que se adapta ben a zonas cálidas. De feito en países como Brasil tamén desenvolveron a súa propia raza leiteira, a girolando, a partir do cruzamento da raza Gyr coa holstein”, detalla o responsable de Quintanelas Beef.
Actualmente a beefmaster é a única raza de carne que ten sangue do ‘Bos indicus’ en Europa
A beefmaster tamén é unha raza máis resistente que as razas cárnicas europeas fronte aos parásitos internos e fronte aos insectos externos, o que lle outorga unha vantaxe competitiva fronte a enfermidades emerxentes transmitidas por mosquitos e culicoides, como a lingua azul ou a EHE, que causou estragos nas ganderías o ano pasado e que está a comezar a volver facer a súa aparición de novo xa esta primavera.
Temos que prepararnos para defender as nosas ganderías das enfermidades emerxentes con animais máis resistentes e para iso a xenética é unha ferramenta fundamental
“Para facer fronte á EHE e a outras enfermidades emerxentes que van ir aparecendo, o gando beefmaster está moito máis preparado por ter sangue cebú, por iso é moito máis resistente”, explica Carlos. “Temos que prepararnos para defender as nosas ganderías con animais máis resistentes e para iso a xenética é unha ferramenta fundamental”, asegura.