A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Batch milking e descarbonización dos xurros centraron a xornada organizada por GEA e Bioprana en Muxía

Máis de 250 profesionais do sector gandeiro coñeceron de primeira man o método de Batch milking implementado por GEA na Gandería Pastora, de Muxía. Un sistema que emprega 8 robots de muxido e agrupa as vacas por lotes. Na xornada tamén se explicaron os procesos de aproveitamento e integración dos xurros, da man de Bioprana

GANDERIA PASTORA

O Batch milking (BM) ou muxido por lotes é un sistema de xestión para rabaños medianos e grandes que automatiza o proceso con robots, muxindo as vacas en grupos definidos e a horas programadas. O sistema combina a eficiencia dos robots coa rutina estruturada dunha sala de muxido moderna.

Características e vantaxes do BM de GEA

Víctor Jorge, director de venda de equipos de GEA FT Iberia, explicou aos asistentes os aspectos técnicos, tecnolóxicos e de manexo do sistema de BM da empresa. O técnico asegurou que o sistema permite obter o máximo rendemento con baixos custos operativos e que o futuro do sector lácteo pasa polo crecemento exponencial, polo que serán imprescindibles estes sistemas.

Respecto ás diferenzas de superficie entre BM e robot voluntario, Jorge aclarou que son similares, se ben no BM está centralizado e no voluntario precisamos facer obras en varios puntos. Ademais, no BM, ao levantar unha nave auxiliar, non se perde capacidade nos cubículos. Iso si, convén ter en conta as distancias que percorren as vacas.

O técnico lembrou que “as vacas múxense a intervalos fixos e todas as que entran é para que as muxan. De media, pasan 6 minutos no box en cada quenda”. Jorge prefire falar de “boxes ou puntos automatizados” e non de robots, xa que implican menores custos operativos e mantementos reducidos. “Temos granxas con 55 vacas por robot (12 boxes – 650 vacas); o rendemento do robot é máximo; se os lotes son adecuados, pódese conseguir un maior número de vacas incluso que no muxido voluntario”.

Carlos Salgado, delegado de vendas de equipos para Galicia do grupo GEA Farm Technologies, explicou que a decisión de introducir en granxas galegas o BM xurdiu da necesidade de diferentes granxas de combinar a axilidade dos robots coa organización e tempos das salas de muxido.

“Unha gran vantaxe é que se optimiza a xestión do persoal. O mesmo operario pode dirixir o muxido e dedicarse a outras tarefas como control de bebedoiros ou manexo de cubículos. Ademais, teremos un maior control sobre o estado sanitario dos ubres grazas á recollida de datos que realizan os robots. E, finalmente, teremos información en tempo real vaca por vaca e cuarto por cuarto, co que poderemos anticiparnos aos problemas”, sinalou Salgado.

O técnico explicou tamén que o estrés animal redúcese enormemente co BM e que apenas hai intervención humana no proceso de muxido, máis alá de guiar os lotes. Uns lotes organizados de maneira que non haxa xerarquías e todas as vacas entren con eficiencia nos robots. Á parte da fixación de quendas, que permite estruturar o resto de traballos na granxa.

“O BM está pensado para granxas de máis de 250 animais en muxido. Son ganderías que queren contar coa tecnoloxía robótica pero mantendo unha estandarización na rutina diaria do muxido convencional”, indicou o técnico de GEA.

O manexo dos lotes de muxido pode levarse a cabo coa intervención dun só operario

O manexo dos lotes de muxido pode levarse a cabo coa intervención dun só operario

Salgado explicou que actualmente hai 11 granxas que empregan a tecnoloxía de BM de GEA en España. En total suman máis de 4.000 vacas que se muxen diariamente e instalaron 93 robots.

Lorena Pérez Morado, delegada de servizos de GEA para Galicia e Asturias, puxo en valor o servizo posvenda do sistema de BM da empresa. “Temos unha rede moi ampla e formada por grandes técnicos acompañados por veterinarios e enxeñeiros do grupo GEA Iberia, que dan soporte e servizo a todos os gandeiros que traballan con nós”, dixo.

“Nós intervimos en todo o proceso. Desde que o gandeiro toma a decisión de pasarse ao BM ata que o sistema xa está instalado e a pleno rendemento. Facemos unha planificación e un deseño previo, plenamente adaptados a cada granxa”.

Morado explicou que a introdución dunha tecnoloxía e un método de traballo novos sempre pode conlevar problemas na fase inicial. “Por iso facemos un acompañamento individualizado en toda a fase inicial. Á parte do seguimento continuo posterior, claro. Ese seguimento é algo que os gandeiros valoran moi positivamente”.

Cristóbal Touriñán está á fronte de Gandería Pastora, a explotación de Muxía que acolleu o evento. O mozo subliñou que optou polo BM de GEA porque tiñan problemas de man de obra e polo desgaste persoal que supuña o muxido convencional. “En canto coñecín o modelo de GEA xa non o pensei. Xa se vía que o persoal estaría máis a gusto e con menos carga física traballando así e sería máis fácil de fidelizar”.

“Cun sistema de robots libre, teriamos que ter as máquinas repartidas por toda a nave e facer unha vixilancia continua. Calquera avaría sería máis difícil de reparar e afectaría á produción. E, desde logo, teriamos unha maior dependencia dos concentrados no robot e un maior gasto neles. Por non falar de que habería que andar no medio das vacas para detectar cales son as que non renden. Co BM solucionamos todos eses problemas”.

O gandeiro destaca a facilidade que tiberon as vacas para adaptarse a este sistema. “En apenas unha semana, xa estaban plenamente adaptadas. E iso que nos coincidiu cun lote de xatas de primeiro parto. Pero non houbo problemas. E o mesmo os que traballamos aquí. Cambiamos o chip e todos traballamos mellor e atopamos traballadores con máis facilidade”.

A mellora na calidade do leite é outro apartado que destaca Touriñán. “A diferenza das persoas, os robots sempre muxen igual. Dese modo temos un muxido uniforme todos os días do ano e iso repercute nunha mellora da calidade do leite en todos os parámetros”.

En Gandería Pastora teñen establecidos 4 lotes de vacas para muxir case 400 animais. As reses pasan tres veces diarias polos robots para levar a cabo o seu muxido, sendo a primeira quenda ás 4 da madrugada, a segunda ás 12 do mediodía e a terceira ás 19:00.

Touriñán destaca a enorme achega de datos que se obteñen dos robots GEA. “A través do móbil ou do ordenador recibes moita información e de calidade. Con eses datos xa podemos detectar posibles problemas e actuar antes de que aparezan ou se convertan en graves”.

O arrimador GEA desprázase pola nave para que os lotes de muxido estean sempre coa ración accesible

O arrimador GEA desprázase pola nave para que os lotes de muxido estean sempre coa ración accesible

Así, o gandeiro fai unha valoración perfecta do sistema de GEA. “Están en todo momento pendentes de nós, dánnos formación, acoden en canto os chamamos. Creamos un vínculo que xa vai máis alá do profesional. Eu recoméndollo a calquera granxa que teña 300 ou máis animais. Creo que vai ser o maioritario”.

Xestión de xurros e descarbonización

Na organización da xornada tamén participou a empresa Bioprana, que aplica solucións biolóxicas encamiñadas a mellorar a xestión, rendibilidade e sustentabilidade das granxas. Fernando Rey, un dos seus fundadores, informou sobre o impacto positivo que os seus produtos teñen nas granxas.

“En Bioprana comercializamos un cóctel de microorganismos en formato líquido. Conseguimos un maior nivel de licuado dos xurros mediante a degradación de materia orgánica, o cal facilita o seu manexo. E tamén hai unha enorme redución dos olores tanto no depósito como na aplicación no campo. Á parte de reducir os patóxenos e obter unha mellor fertilización dos solos”, dixo Rey.

Rey explicou as características dos produtos de Bioprana

Rey explicou as características dos produtos de Bioprana

Por outro lado, os produtos de Bioprana conseguen afondar na descarbonización da actividade gandeira, axudando así a cumprir cos requisitos medioambientais que fixa a Unión Europea e que son cada vez máis esixentes.

Rey afirmou que os seus microorganismos reducen nun 70% o tempo de axitado do xurro, aumentan un 40% o benestar animal, fan diminuír nun 80% os olores derivados das dexeccións e incrementan ata nun 30% a fertilidade dos solos de pasto e forraxe. “Ademais, conseguimos a redución de consumo de enerxía e combustibles fósiles e o baleirado das canles, o que permite unha importante redución no consumo total de auga na granxa”.

O técnico indicou que se acada un aumento na rendibilidade da produción de forraxes porque os solos bio-rexenerados permiten producir forraxes de maior calidade ao tempo que reducen a dependencia de fitosanitarios e abonos minerais. Por parte de Bioprana, tamén interveu na xornada Zaira Hermida, que disertou sobre o impacto da biotecnoloxía na descarbonización do sector lácteo e o enxeñeiro e profesor Bernardo Mora, de Costa Rica, que foi invitado por Bioprana para expoñer o enorme potencial que ten o xurro como recurso para as explotacións.

Estratexias fronte ao cambio climático

Victoria Carballeira, da consultora luguesa Medrar, fixo unha radiografía do sector lácteo e falou sobre a transformación e resiliencia precisas para facer fronte ao cambio climático desde as explotacións.

“O sector ten que acelerar a transición cara a un modelo resiliente e competitivo fronte ao cambio climático, porque o ‘pescozo de botella’ de emisións está sobre todo no sector primario. A saída pasa pola innovación (I+D+i), colaboración na cadea de valor e apoio de políticas públicas, baseándose en datos e dixitalización”, dixo Carballeira.

A representante de Medrar sinalou que en 2023 superáronse 6 de 9 límites planetarios, dos cales 5 están vinculados ao agro. “En Europa, catro países concentran o 60% da produción láctea e xeran máis do 50% das emisións por fermentación entérica na UE, o que reforza a urxencia de actuar sobre as fontes principais de metano”.

Carballeira indicou os aspectos nos que se pode incidir nas granxas respecto do cambio climático

Carballeira indicou os aspectos nos que se pode incidir nas granxas respecto do cambio climático

En Galicia, as emisións agrogandeiras supoñen preto do 19% del total autonómico e aumentaron un 15,2% na última década. Ademais, mentres o CO2 se reduciu un 40% desde 1990 pola descarbonización enerxética, o CH4 aumentou un 10%, evidenciando que a clave do avance está no ámbito produtivo.

Entre as estratexias de mitigación, Carballeira citou a alimentación de precisión, cría selectiva, eficiencia en fertilización e uso de nitróxeno, dixestión anaerobia, aditivos alimentarios, mellora de pastos, xestión de xurros e captura de carbono vía agricultura rexenerativa.

Desde Medrar traballan en fórmulas para reducir impactos sen perder rendibilidade nun contexto de crise climática e presión de custos. “Medrar aposta pola innovación, colaboración e apoio de políticas públicas, con biotecnoloxía, dixitalización e sustentabilidade como claves, e unha mensaxe central: o gandeiro do futuro terá que traballar con datos porque o que non se mide non se pode mellorar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *