Basf presenta un produto innovador para previr as enfermidades da madeira en viñedo

Publicidade
Basf presenta un produto innovador para previr as enfermidades da madeira en viñedo

Proba de campo de Tessior System

A multinacional alemá BASF presentou este martes en Galicia o Tessior System, un produto innovador para previr as enfermidades da madeira, consideradas hoxe en día as patoloxías que máis perdas ocasionan en viticultura.

A cooperativa Martin Códax, en Cambados, foi o lugar elixido por Basf para realizar a presentación en Galicia deste produto. Miquel Sans, responsable técnico de BASF España para Viñedo, explicou que “Tessior componse dun polímero que foi desenvolvido por BASF e que actúa como barreira física nos cortes de poda para evitar a entrada das esporas dos fungos, e por dous funxicidas, pyraclostrobin e boscalid, que actúan tamén como barreira química”.

“Creamos por tanto unha dobre barreira, física e química, que evita a entrada de fungos que provocan enfermidades da madeira”, principalmente yesca, botriosphera e eutypiosis.

BASF comezou a desenvolver este produto no ano 2004 e realizou un total de 53 ensaios de campo. “Os resultados foron moi positivos: con Tessior lógrase ata un 77% de eficacia para previr a entrada de enfermidades da madeira nas cepas”, destacou Miquel Sans.

A compañía alemá solicitou ao Ministerio o rexistro de Tessior e espera que entre decembro deste ano e xaneiro de 2019 xa estea autorizado para comezar a comercializarse en España.

Forma de aplicación

BASF tamén quixo ser innovadora na forma de aplicación. “Buscabamos un sistema que fose máis rápido que a aplicación de pastas e que garantise unha mellor cobertura dos cortes que os produtos biolóxicos que se aplican con tractor mediante pulverizador ou nebulizador”, explicou o responsable de Viñedo de BASF España.

Para iso, e en colaboración coa empresa alemá Mesto, especializada en equipos de pulverización, e a compañía suíza Felco, fabricante de podadoras, crearon un sistema de aplicación con mochila, dotado con batería e con pistola que garante unha aplicación eficaz e rápida do produto.

“Esta máquina garante que gastemos menos produto e que vaiamos máis rápido. Ademais, a mochila incorpora un programador con 4 modos de chorro en función do diámetro dos cortes de poda, e tamén 2 modos de limpeza”, destacou Miquel Sans.

Miquel Sans (BASF): “Con Tessior lógrase ata un 77% de eficacia”

Unha vez aplicado o produto sécase en poucos minutos, mesmo aínda que a cepa estea a chorar polo corte, e ademais resulta inocuo para as xemas. BASF venderá o produto directamente formulado en garrafas de 5 litros. A dose recomendada para unha viña adulta é de entre 8 e 12 litros por hectárea, cun tempo estimado de aplicación de entre 8 e 9 horas por hectárea.

O responsable de BASF subliñou tamén que “o produto débese aplicar canto antes despois de podar, cun máximo de 48 horas, xa que está demostrado que ao cabo dun día de poda pódense inocular con esporas de fungos ata o 80% dos cortes de poda”. Ademais, lembra que “Tessior é un produto preventivo, non curativo das enfermidades da madeira”.

Miquel Sans incidiu tamén en que “para abordar as enfermidades da madeira en viñedo temos que ter un enfoque integral, no que coidemos o material vexetal que plantamos -entre o 15 e o 20% da planta de viveiro está infectada- , o proceso da poda ou un bo asesoramento técnico”.

A xornada de presentación concluíu cunha demostración en campo na parcela experimental de Martín Códax en Cambados. Unha tarefa pendente que levaron os técnicos de BASF foi a de mellorar o sistema para adaptalo á aplicación en parras.

Vídeo da presentación en Galicia de Tessior System:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información