Foi no ano 2003 cando Antonio “Toño” Bertólez asumiu a responsabilidade de continuar coa explotación de gando vacún cárnico que a súa familia tiña en Vilariño Frío, no concello de Montederramo. Actualmente na gandería -denominada A Barreira SC– traballan Toño e a súa esposa. El encárgase do manexo diario dos animais e dos terreos e ela das tarefas loxísticas e administrativas.
O Macizo Central Ourensán segue a ser unha zona de importante produción gandeira de vacún e en menor medida de ovino e caprino. Sen embargo, o despoboamento, un certo nivel de illamento e o minifundio levaron a que a actividade gandeira sexa cada vez menor.
Bertólez é un dos que segue mantendo unha gandería. Incluso foi medrando co paso dos anos e non desbota próximas redimensións se as circunstancias o permiten. Coñecemos a súa granxa para comprobar como é o traballo nesta zona de Galicia, no que as vacas son aínda un dos principais medios de vida.
As cifras
A granxa conta con 300 cabezas de gando. 170 son nais reprodutoras, arredor de 20 son xovencas para recría, outros 50 exemplares son animais para cebo e o resto son xatos de curta idade. Na orixe da explotación partiuse da raza rubia galega, e logo fóronse introducindo cruzamentos para os que se empregaron touros limousine e blonde de Aquitania.
Para diversificar a cabana, potenciar diferentes parámetros e evitar a consanguinidade, Bertólez conta no seu rabaño con sete sementais limousine e blonde de Aquitania. Con todo, en determinadas ocasións recurre á inseminación artificial. Esa opción xorde cando os touros están separados do lote que se ten que inseminar, aínda que é algo pouco frecuente. Nese caso, chaman un veterinario.
O principal parámetro que se busca na cabana é a facilidade de parto. Dado que eso é algo innato na raza limousin, téñeno garantido en cada cruzamento desa raza, ben vía touro, ben vía dose de seme. Cada catro anos, os touros marchan da explotación e son reemprazados por exemplares novos que xa comezan a traballar coas xovencas de recría.
Contamos con sete sementais que cambiamos cada catro anos para evitar a consanguinidade e manter o parámetro de facilidade de partos
Para o cultivo de pastos e forraxes manexan arredor de 200 hectáreas. Desa superficie, 60 son propias e o resto corresponden a arrendamentos e cesións que lles fan veciños de idade avanzada e que xa non teñen gando, polo que non as utilizan.
O sistema desta explotación é esencialmente extensivo. Os animais están todo o ano no monte e só permanecen estabulados cando teñen un parto complicado ou algunha enfermidade. Os animais de engorde dispoñen dun espazo de 300 m² onde rematan de seren cebados.
O único que sementan é herba. Ben sexa para que as vacas e xatos pazan directamente no prado, ben para segado e ensilaxe. O cultivo dos cereais non é acaido nesta zona de Ourense e tampouco o consideran necesario para ter o rabaño ben surtido. O que si fan é roturar periodicamente para renovar praderías.

As vacas de Toño pasan todo o ano nas leiras que o gandeiro ten polos montes
Dese xeito, aproveitan a primavera para que os animais consuman todo o pasto posible e dispoñible. E dende o remate do verán ata finais do inverno utilizan silo de herba e herba seca. Estas prácticas pódense ver alteradas en función do clima porque a zona padeceu secas intensas nos últimos anos.
Comercialización e condicionantes
A diferencia doutras ganderías da zona e do resto de Galicia, Bertólez aposta por comercializar a meirande parte da produción a través da Lonxa Agropecuaria de Galicia, en Silleda. Antes de optar por esa saída comercial, vendíanlle a produción a un carniceiro da zona. Pero os prezos de Silleda son máis atractivos para esta explotación.
“A nosa principal produción son os xatos. Pero tamén levamos tempo cebando bois e vacas de desvelle. Porque o mercado de vacún maior non deixa de medrar e os prezos que se están a pagar en orixe son bos. Ademais, segue habendo escaseza dese tipo de gando, polo que a súa cotización non semella que vaia baixar a curto prazo.”
Dende que se fixo cargo da explotación familiar, Toño decidiu modernizala. Xa cando a súa incorporación foi ampliando o número de cabezas e de terreos. Coa posterior incorporación da súa dona, continuou a filosofía de expansión da granxa. E eso que nos primeiros cinco anos compaxinou o traballo de gandeiro co de condutor dunha excavadora de obra.
O minifundio, a escaseza de parcelas de calidade e o difícil que resulta facerse con elas impide que as explotacións poidamos medrar
O principal problema que detecta Toño no sector galego de vacún de carne en xeral e na súa zona en particular é o acceso á base territorial. “Quedan poucos terreos aptos. Porque rozar o que está a xestas e mato e volvelo poñer en produción é moi custoso. E a terra que queda libre soe ser de parcelas moi pequenas que aínda complican máis que axudan.”
Aínda que os arrendamentos das terras non son excesivamente elevados nesta zona de Ourense, tampouco son doados de conseguir. “E outro problema témolo nos accesos. Aínda que se foron abrindo pistas e limpando camiños, segue habendo terras de calidade ás que resulta moi difícil entrar tanto co gando como cos vehículos agrícolas.”

A actividade de gandeiros como Toño Bertólez impediu que ardera esta parte occidental do Macizo Central Ourensán
Enfermidades emerxentes
Coma todos os gandeiros de vacún en extensivo, Bertólez amósase preocupado pola evolución que poidan ter a Dermatose Nodular Contaxiosa e a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). “Hai moita preocupación. Sabemos que a DNC vai chegar pero non sabemos cando. Con todos os insectos que hai no verán…somos pesimistas. E hai que ter en conta que a súa aparición implica o baleirado da explotación, cunhas perdas económicas conseguintes inasumibles. Hai medo en todo o sector.”
Nos sistemas extensivos xa sabemos que estamos expostos ás enfermidades emerxentes. Necesitamos máis información e medidas menos agresivas
No verán de 2024 xa tiveran problemas coa EHE. “As vacas que colleron o virus poñíanse moi agresivas e mesmo era perigoso achegarse a eles durante os primeiros días. Tamén deixaron de comer e tivemos problemas de fertilidade. Para nós foi un golpe duro ver así os animais.”
Este gandeiro considera que a Unión Europea (UE) debera cambiar a calificación da DNC pasándoa do grupo de enfermidades A a outro grupo que non conleve sacrificios masivos e erradicación inmediata. “Dese xeito evitaríanse peches de explotacións e enormes perdas económicas mentres as vacinas van xerando inmunidade.”
“É preciso ou ben ter acceso a unha vacina contra a dermatose ou que a Comisión Europea regule a enfermidade doutro xeito, para evitar sacrificios masivos”
“Ademais, en granxas extensivas non hai medidas de prevención que sexan efectivas. Ao estar ao aire libre as vacas, prácticas como a desinsectación ou a desinfección de vehículos e a restrición de movementos non resultan eficaces porque os insectos non se conseguen frear. A única medida sería a vacina, pero non temos de momento nin información nin acceso a ela.”
Fauna salvaxe
A convivencia da gandería extensiva coa fauna salvaxe sempre é algo delicado. Tamén no caso dos gandeiros desta parte da provincia de Ourense. “Durante o inverno o lobo fixo bastante dano. Os que habitaban as zonas que arderon no verán desprazáronse cara aquí e agora hai moita concentración. Moitos xatos morreron ou quedaron moi danados.”
Tamén o xabaril causa problemas. “O xabaril é un dos motivos polos que nesta zona non se sementa nin trigo nin millo. Se xa fai danos importantes nos pasteiros, no cereal aínda sería peor. Por eso non podemos perder recursos nunhas colleitas tan expostas.”
Os lumes do verán fixeron que as mandas de lobos se desprazaran cara a estas zonas que non arderon
Aínda con todos eses danos, Toño non considera que a fauna salvaxe sexa un problema que vaia causar problemas estruturais de viabilidade. “Non é que non molesten ou ata provoquen perdas pero, de momento, hai mecanismos de control e non están indo a máis.”
Maquinaria agrícola
Nesta gandería contan cun parque de maquinaria composto por tres tractores de entre 90 e 140 cabalos. Un deles emprégano no traballo diario para acompañar o gando e para labores como, por exemplo, subministrarlles rolos de herba seca ou ensilada.
Os outros dous vehículos empréganse para tarefas de desbroce, abonado, laboreo de leiras…E durante o final da primavera e parte do verán todos os tractores se empregan para a recollida, acondicionado e almacenaxe das forraxes que se consumirán nos meses en que non hai pasto.

O gandeiro dispón dunha manga lindeira coa nave para desparasitar os animais
Igual que en explotacións da mesma actividade e similar volume, dispoñen dunha cisterna, un remolque autocargador, unha desbrozadora grande, unha rotativa e unha máquina para facer os rolos de silo e de herba seca, entroutros dispositivos.
O futuro
Este gandeiro forma parte da Asociación do Sector Primario de Galicia, que protagonizou boa parte das protestas contra o acordo comercial entre a UE e Mercosur a comezos deste ano e tamén participa na asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
O relevo xeracional aínda semella algo lonxano nesta explotación. “Eu teño un fillo de seis anos que xa está tolo polas vacas. Encántalle andar con elas e todo o da granxa. Pero creo que mellor será que se forme e estudie. Se despois decide quedar, terá todo o meu apoio. Pero ten que ser consciente de que a gandería é moi traballosa e moi inestable. Aínda que, tamén é certo, todo na vida require de esforzo. Xa veremos.”
Primeiro tentaremos consolidar o que logramos nestes anos e despois veremos se as circunstancias permiten cumprir obxectivos de crecemento
Malia ser consciente de que o futuro pasa pola incorporación de tecnoloxías, Bertólez aínda non ten moi desenvolvido ese apartado. “Polo de agora non se nos fai imprescindible. O que temos son cámaras de videovixilancia que empregamos para controlar os partos. Cando vemos movementos estraños, levamos as vacas a un recinto que temos habilitado para que paran con comodidade.”
De cara ao futuro, a intención da familia é ampliar a explotación, aínda que son conscientes das limitacións. “A curto prazo tentaremos manter o que fomos creando nestes anos. Máis adiante buscaremos fórmulas para que a granxa colla máis dimensión. Pero sabemos que será difícil pola dificultade de acceso á terra, polas crises sanitarias ou polo contexto económico global.”
Galego






Control OJD