Baroña, a comunidade de montes que implica ós seus veciños

A resina, o gando no monte ou a micoloxía son algúns dos aproveitamentos que realiza a comunidade de montes veciñais de Baroña, en Porto do Son. Coñecemos como traballan para contar cun monte multifuncional no que ademais desenvolven un uso social e cultural

Baroña, a comunidade de montes que implica ós seus veciños

Labores de resinado nunha das masas de piñeiros da Comunidade de Montes Veciñais de Baroña.

Na parroquia de Baroña, en Porto do Son (A Coruña), a Comunidade de Montes xestiona unhas 875 hectáreas de terreos veciñais. Nos últimos anos están impulsando un aproveitamento multifuncional do monte, onde os rendementos desta masa forestal vaian máis alá da madeira. Na actualidade é unha das comunidades de montes de Galicia que se mantén máis activas, promovendo tamén actividades sociais, comerciais e culturais nos seus bosques.

“Buscamos a implicación de tódolos veciños no monte e para iso non abondaba con que mantivéramos un aproveitamento forestal, precisabamos buscar outros usos e beneficios para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”, explica Ovidio Queiruga, que leva como presidente da comunidade de montes case 11 anos.

“Precisabamos buscar outros usos, a parte do forestal, para que os comuneiros se sentiran vinculados co seu monte”

Aproveitamento resineiro dos piñeiros, diverso gando no monte, un coto micolóxico ou un apiario son algúns dos proxectos que están a impulsar e que comezan a traducirse tamén en rendementos económicos para os 184 comuneiros que conforman a entidade veciñal. Ademais, o seu traballo no monte deixa tamén beneficios intanxibles ós visitantes e veciños da zona que se achegan a estes espazos naturais.

Desbroces-CMV-Baronha

Os traballos de silvicultura son un dos labores que afrontan dende a comunidade de montes.

Crear emprego no monte

Cun orzamento anual que se sitúa entre os 250.000 e os 280.000 euros, derivados tamén da instalación de dous parques eólicos e dun posto de vixilancia de Salvamento Marítimo, que supoñen un 35% dos ingresos;  a comunidade de montes leva anos apostando pola creación de emprego vinculado ó monte. “Investimos os beneficios no monte e en crear emprego, como xa fixeron as anteriores directivas. Sempre foi unha prioridade”, detalla Queiruga.

A comunidade de montes emprega a 10 persoas durante todo o ano

Comezaron empregando a dous traballadores e hoxe contan cunha cuadrilla de 10 persoas que se centran tanto en traballos de silvicultura como no coidado do gando. Ademais, as perspectivas son seguir contratando máis persoal en canto vaian incrementando o número de cabezas de gando caprino e vacún. “É certo que nós temos unha importante fonte de ingresos no monte cos parques eólicos e co posto de vixilancia, pero aínda así estamos tentando que o monte tamén produza outros beneficios ós veciños”, indica.

Alternativas á corta das masas forestais

Nos terreos veciñais contan cunha importante masa forestal, case o 60% está repoboado con piñeiro, da variedade pinus pinaster, ós que se suman tamén un pequeno eucaliptal, situados ambos nas zonas de maior altitude, onde outras especies teñen dificultades para saír adiante. “Nas zonas altas, os solos son moi acedos e rochosos, co que estamos moi limitados para introducir outras especies, polo que continuaremos co piñeiro”, explica Queiruga.

“Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional”

O ano pasado aprobaron o terceiro Plan Forestal da comunidade, unha ferramenta que non está a resultar moi operativa para a comunidade. “Os plans forestais están moi enfocados a unha produción forestal e case van en contra dun monte multifuncional como o que nós queremos”, explica. Tampouco están a seguir as recomendacións das quendas de corta previstas polo prezo que lle ofrecen da madeira de piñeiro. “Tralo peche da industria transformadora na comarca, xa case non quedan serradoiros no Barbanza; e o prezo da madeira de piñeiro depreciouse moito na zona”, detalla, ó tempo que recorda o gran potencial que tiñan na área costeira coa fabricación de caixas para o peixe. Este baixo prezo motivou que nos últimos 5 anos só fixeran as cortas de obrigado cumprimento nas franxas de seguridade ou aquelas que son necesarias para a mellora da masa forestal, coma podas ou claras.

Prefiren pospoñer as cortas finais agardando que a cotización da madeira se recupere. “Non podes rematar vendendo unha masa de 30 anos por uns prezos que nin se quere compensan os gastos que ocasiona volvela plantar”, critica. Na masa forestal contan, ademais, co selo de certificación PEFC e agardan acadar proximamente o FSC.

Agardan que o prezo da madeira de piñeiro se recupere para realizar as cortas finais.

No canto das cortas, nos últimos anos procuraron un aproveitamento resineiro para a masa forestal de piñeiro e convertéronse nos primeiros produtores de resina de Galicia. Este é o terceiro ano que levan a cabo esta práctica nuns 16.000 piñeiros, cos que agardan acadar unhas 50 toneladas de resina, superando ás máis de 40 toneladas que o ano pasado enviaron para a planta de Resinas Naturales, situada en Segovia. “Ó terceiro ano é cando o piñeiro comeza a producir en gran cantidade, xa que nos primeiros anos as árbores retráense”, concreta.

Son o primeiro produtor de resina de Galicia. Este ano agardan recoller unhas 50 toneladas de resina en 16.000 piñeiros

Á par do aproveitamento resineiro, tanto nas masas de piñeiro coma en zonas de frondosas habilitaron un couto micolóxico. “Delimitamos e rexistramos unhas 100 hectáreas de monte para fomentar a produción micolóxica”, apunta Ovidio. Mentres que para os comuneiros o seu acceso é gratuíto, o resto de persoas que queiran recoller cogomelos neste espazo deben contar cun carné de apañador de cogomelos, que ten un custo anual de 10 euros e que permite acceder na tempada. “O recadado con esta cota reinvístese tanto no propio coto como na reparación do peche ou en tratamentos de micorrizado para favorecer o crecemento de cogomelos”, detalla. Nestes montes abondan os boletus e o níscalo, pero tamén hai outras especies como a lingua de vaca ou a cantarela.

A delimitación do coto micolóxico encádrase dentro dun proxecto máis ambicioso que pretende a comercialización dos cogomelos de xeito deshidratado, que aínda está pendente de desenvolver nos vindeiros anos. Á par, xa levaron a cabo roteiros micolóxicos para divulgar o coñecemento das especies con maior presenza.

Cabalos-CMV-Baronha-

A comunidade conta cun rabaño de máis dun cento de cabalos que viven nos montes.

O gando no monte

A comunidade de montes tamén leva anos contando cunha manda de cabalos que contribúe ó mantemento do monte. Os primeiros animais de pura raza galega chegaron a Baroña no 2008. “A vexetación que máis abondaba nos nosos montes eran os toxos, por iso nos decidimos a inicialmente meter cabalos”, apunta Ovidio. Neste anos foron sumando ó rabaño cabalos de veciños que xa non podían seguir a coidalos e hoxe en día a maior parte dos 120 animais que teñen son mestizos, aínda que a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) acreditou que contan con 35 cabalos de pura raza.

“Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”

Para facilitar o manexo do gando teñen peches electrificados e van cambiando os animais de zona para asegurarlles alimento durante todo o ano e que se manteñan só co que produce o monte. Así, optimizan o aproveitamento da vexetación que os cabalos fan, conseguindo que limpen máis. Ademais, con este sistema de rotación tentan reducir os riscos de ataques da fauna salvaxe. “Na Serra do Barbanza sempre houbo lobo, temos que convivir con el”, indica. Por este motivo cando hai cría traen os cabalos para zonas máis baixas para tentar reducir os ataques ós poldros. “Temos sempre algunhas baixas, pero polo momento son asumibles”, detalla.

Este sistema, que non supuxo unha gran inversión, permítelles reducir o risco de accidentes en estradas cos cabalos así como que estes causen danos con incursións en leiras. “Polo momento nunca tivemos accidentes cos nosos cabalos, pero de pasar contan cun seguro, ademais de estar identificados cunha chapa para que todo o mundo saiba que son da comunidade de montes”, detalla.

Contan cuns 120 cabalos no monte e este ano comezarán a comercializar chourizos de carne de poldro

Mentres que as femias as empregan para recría, os machos comercialízanos. Nos últimos anos tamén comezaron a sacrificar algún exemplar para degustar en xuntanzas dos comuneiros. “Ó principio había moitas reticencias ó consumo desta carne, pero agora vai gañando aceptación”, explica. Tamén comezaron a elaborar chourizos de carne de poldro que este ano comercializarán. Agardan tamén elaborar outros embutidos, mais a tramitación das licenzas está a ser dificultosa. “A Xunta non fai diferenzas para pequenas industrias, tanto lle dá que só vaias poder elaborar 1.000 chourizos ca que fagas 3.000 ó día, co que a tramitación burocrática é moi complicada para os pequenos”, indica.

Xunto cos cabalos, no monte teñen tamén, dende o ano pasado, un rabaño de 75 cabras e agardan chegar a contar con preto de 150 animais. Polo día, o gando está custodiado por cans mastíns, mentres que á noite permanece estabulado en cortes que foron acondicionadas polo persoal da mancomunidade utilizando edificacións abandonadas ou en desuso. “Aproveitamos antigas instalacións que xa estaban no monte dándolle unha nova utilidade”, detalla. Para complementar a alimentación do gando sementaron millo do país ecolóxico. “Procuramos unha crianza tradicional e ecolóxica, sen químicos, para conseguir unha carne de calidade”, apunta. A comunidade forma parte tamén da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia.

Introduciron cabras para conseguir reducir a vexetación nalgunhas zonas e este ano tamén incorporaron vacas cachenas

Esta primavera tamén incorporaron un pequeno rabaño de vacas cachenas doadas por unha comunidade de montes de Ribadeo, que evidencia a colaboración que existe entre estas entidades. “Eles están agora comezando con outro aproveitamento dos montes centrado na cría de porco celta polo que xa non precisan ese gando vacún polo tipo de vexetación que teñen e déronnos 6 vacas e 1 boi”, explica.

Cachenas-CMV-Baronha-

Están a preparar novas zonas de pastizais para o gando vacún.

No plan silvopastoral desenvolvido pola comunidade de montes de Baroña xa programaran a introdución de diferente gando en función de como fora mudando a vexetación. “Agora temos máis zonas de pastizais, polo que xa podemos ir introducindo gando vacún”, argumenta.

Hai dous anos tamén incorporaron un apiario, logo de realizar unhas xornadas divulgativas para achegar a apicultura ós veciños. Comezaron cunhas 15 colmeas e agora sitúanse nas 30. Polo momento, o apiario ten como finalidade potenciar a polinización no canto de estar orientado a unha produción melífera, polo que o mel que recollen repárteno entre os comuneiros, aínda que non descartan facelo nun futuro.

A loita contra o lume no monte: silvicultura e vixilancia

Un dos aspectos que máis preocupa na xestión das comunidades de monte é a prevención de lumes forestais e, no seu caso, están a facer importantes esforzos en varias liñas de traballo que buscan non só protexer as masas forestais senón os núcleos de vivendas. Así, a parroquia conta cunha zona produtora, situada nas zonas de maior altitude, e un espazo de conservación da vexetación autóctona nas proximidade das aldeas.

Ademais, están a traballar para incrementar as devasas para conseguir mellorar a protección que ofrecen en caso de lumes. “Nos montes do Barbanza, coa incidencia do vento do nordés, as franxas de protección de 20-25 metros non son efectivos para frear o avance do lume, só para protexer os equipos de extinción”, explica Queiruga. Por este motivo están traballando para contar con dous grandes cortalumes naturais de entre 50 e 100 metros de ancho, proxectando unha discontinuidade horizontal que sexa máis efectiva.

Preparan 2 grandes devasas naturais que contribúan contra o avance dos lumes e contan cunha patrulla veciñal de vixilancia

Un destes cortalumes serán pastizais que prepararán este mesmo ano para incrementar o alimento para o gando e mediante un convenio coa Xunta, polo que será a empresa Tragsa a que se encargue de preparalo. A outra devasa natural está situada seguindo o trazado da liña de alta tensión que transcorre pola parroquia. “Aproveitamos a franxa de seguridade que hai nestas liñas e chegamos ós 50 metros coa plantación de frondosas”, detallan dende a comunidade de montes.

Limpeza-do-monte-CMV-Baronha-

Contan con diversa maquinaria pesada para afrontar os traballos de silvicultura nas masas forestais.

Na prevención do lume, contan tamén cunha ampla rede de puntos de auga para afrontar a extinción. Ademais, nos últimos anos activaron unha vixilancia veciñal dos montes no período estival. Coordinados co Distrito IV do Barbanza e coas Forzas de Seguridade do Estado, organizan quendas de patrullas polo monte que se prolongan ata o outono, xa que nos meses finais do verán increméntase o risco de lumes. “É unha ferramenta disuasoria, xa que canta máis xente haxa polo monte menos probabilidade hai de que os inimigos do monte veñan prenderlle lume”, apunta.

Os traballos de silvicultura do monte que realizan dende a comunidade tamén son fundamentais nestas tarefas de prevención. Contan con maquinaria como tractor, guindastre, desbrozadoras ou retroescavadora que lle facilitan a xestión do monte. Entre os traballos de silvicultura e as vixilancias conseguiron que os incendios estean a ter unha baixa incidencia nos seus montes nos últimos anos. Un dos últimos lumes que se produciu na zona foi o que se iniciou no Castro de Baroña no 2017 e que arrasou unhas 1.000 hectáreas en Porto do Son, pero que nos montes de Baroña só se queimaron uns 2.000 metros cadrados. “Nese caso, os ventos do nordés levaron as lapas cara os montes limítrofes, por iso non ardeu máis aquí”, detalla.

Feira-artesania-CMV-Baronha-

Propoñen actividades lúdicas no propio monte para achegar ós veciños a estes espazos.

O valor cultural e social do monte

Os montes de Baroña son ademais un espazo onde se localizan numerosos restos arqueolóxicos. Á marxe do propio Castro de Baroña, contabilízase un gran número de petroglifos, un atractivo que tamén están a fomentar dende a comunidade de montes. “Hai anos os restos arqueolóxicos víanses como algo negativo por parte de moitos dos comuneiros, polas limitacións que provocan no uso do monte, porén estamos traballando na súa posta en valor e xa se están vendo como algo positivo pola maioría”, concreta Queiruga.

Este cambio conseguírono achegando o coñecemento sobre estes restos ós veciños tanto con roteiros arqueolóxicos como coa publicación dun libro-guía sobre os petróglifos da parroquia editado pola comunidade de montes e que contribúe a difundir este patrimonio. “Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”, explican dende a comunidade de montes.

“Moitos comuneiros pasaron de non saber da existencia destes restos arqueolóxicos e non valoralos a querer amosarllos ós seus netos”

Así, esta transformación sobre o papel da conservación dos restos arqueolóxicos propiciou tamén unha estreita colaboración con Patrimonio para a catalogación dos novos achados que se van producindo. Con todo, na zona aínda se producen episodios puntuais onde se pon en risco este patrimonio, como unha saca de madeira con vehículos pesados nun dos acceso do Castro de Baroña que se denunciaba en días pasados. “Non se trata de que a xente que ten madeira nesa zona non poida cortala, nin vendela, só é preciso facelo do xeito adecuado para evitar os danos no patrimonio”, explica Queiruga.

Roteiro-nocturno-CMV-Baronha

Os roteiros nocturnos para coñecer os petróglifos son algunhas das actividades que organizaron nos últimos anos para difundir o patrimonio da parroquia.

Ademais da conservación dos restos arqueolóxicos, dende a comunidade de montes tamén afrontaron a escavación dos restos dunha antiga capela e a restauración de 7 muíños de agua no río Santomé. “O ano pasado celebramos alí a primeira feira de artesanía e oficios tradicionais, coa intención de achegar a xente a esta zona do monte e que se lembraran as historias vividas noutros tempos, cando os muíños estaban en funcionamento”, apunta.

Á marxe destas iniciativas, a comunidade converteuse nun dinamizador da vida social e cultural da parroquia de modo que se organizan un amplo abano de actividades solicitadas polos comuneiros. Ademais, levan a cabo accións de colaboración co Concello de Porto do Son e con diferentes colectivos como os cazadores do Tecor de Porto do Son, para fomentar a mellora cinexética coa creación de biotopos de coellos e faisáns, así como con clubs de ciclismo e sendeirismo da zona ou coa comunidade educativa e entidades de coidado de persoas con discapacidade. “Para nós é moi importante que todo o mundo estea implicado cos nosos montes”, conclúe Queiruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información