Álex Bao foi xogador de fútbol profesional en equipos como o Lugo, o Pontevedra e o Somozas pero a súa outra paixón sempre foi o gando. “Co meu primeiro soldo no Lugo, con 16 anos, merquei un rabaño de cabras”, conta. Agora, xa apartado do mundo do fútbol (“con 27 anos tiven que deixalo por unha lesión cervical”, explica), montou xunto á súa parella, María Hermida, unha gandería de vacún de leite que está a dar unha nova vida á antiga SAT Valle Vega.
Álex e María teñen alugadas as instalacións desta explotación do Arneiro, en Cospeito, que levaban catro anos paradas. Como lles acontece a moitas outras ganderías familiares galegas, a falta de relevo abocou aos seus titulares a botar o peche ao chegar á idade de xubilación.
Álex pasou de pisar o céspede dos campos de fútbol a andar polos prados de raigrás
Pero os investimentos feitos e os anos de esforzo foron neste caso aproveitados por dous mozos que, se non fose deste xeito, terían que ter acometido un gasto moito maior para poder iniciarse desde cero na actividade agraria. “Así aforramos moitos cartos. A estrutura da nave estaba ben e só fixemos unha serie de melloras para poñela ao día. Por exemplo, instalamos arrobadeiras novas e dous cepillos, aumentamos o tramo de recría, renovamos a sala de muxido e mercamos un tanque de frío, incorporamos unha amamantadora e amañamos un espazo onde poñela”, detalla Álex.
Mercaron xovencas holstein e procross
Unha vez rematada a posta ao día das instalacións trouxeron o gando. “Mercamos de inicio 57 xovencas holstein, todas a Santi, de Finca Asunción”, conta. Aínda que están contentos co resultado, decidiron cambiar de estratexia para completar a capacidade da nave e a seguinte remesa de gando foron 12 procross chegadas de Dinamarca.
Coas holstein metes un investimento moi grande en animais e duran pouco, son animais cun potencial de leite enorme pero moi delicados
“Coas holstein, todas de primeiro parto, no pico de lactación chegamos a unha media de 37,5 litros por vaca e día, pero vexo que son animais moi delicados. Teñen un potencial de leite enorme e tivemos vacas de 60 litros, pero metes un investimento moi grande en animais que duran pouco. A media de Galicia está en dous partos e medio”, argumenta.
Menos necesidade de recría
O cambio ao gando Procross, animais híbridos froito do cruzamento de holstein, montbeliard e roja sueca, busca precisamente reducir as necesidades de recría da explotación. “Aparte de produción queremos animais duradeiros, senón en ganderías como a nosa os primeiros anos tes que mercar moitas vacas porque non hai recría que che chegue”, di.
Aparte de produción queremos animais duradeiros, senón en ganderías como a nosa os primeiros anos tes que mercar moitas vacas porque non hai recría que che chegue
Álex considera que é perfectamente viable configurar unha explotación con animais puros e cruzados. “Parece que estamos en guerra os que defenden as holstein e os que defendemos as procross, pero penso que son totalmente compatibles. O problema é que cando un gandeiro leva moitos anos traballando a xenética holstein parécelle que cambiar é desfacer o camiño andado, pero non é así. Eu son un apaixoado de todas as razas pero non son un forofo de ningunha, gústanme as jersei, as procross e as holstein”, indica. De feito, dentro da súa cabana Bao Hermida SC ten tamén dúas jersei e unha pardo alpina. “Tróuxenas por hobbie, a nosa aposta é polas holstein e, sobre todo, polas procross”, aclara.
Dous rabaños diferenciados pero unha mesma ración
A intención desta gandería é manter puro o lote das holstein e seguir co programa de cruzamento trihíbrido nas procross, diferenciando, polo tanto, a estratexia reprodutiva nunhas e nas outras. “Imos manter os dous rabaños diferenciados, aínda que están mesturadas no establo e van compartir espazo, instalacións e alimentación”, indica Álex.
Parece que estamos en guerra os que defenden as holstein e os que defendemos as procross, pero eu penso que son totalmente compatibles
O carro mesturador que acude a diario a esta explotación é contratado a unha empresa de servizos de Muimenta e prepara unha única ración para as vacas en produción, aínda que as necesidades nutricionais das frisonas e das procross sexan distintas. Esta decisión responde á intención de aforrar custos, pero tamén á de non forzar desde o punto de vista produtivo ás holstein puras.
Buscamos unha ración única que nos permita que as holstein vaian ben pero sen exprimilas e que sirva tamén para as procross
“Con 20 ou 25 quilos de millo as procross collen graxa, engordan moito e póñense coma búfalos. O millo é moi bo alimento e para arrear leite é perfecto, pero ten ese problema. Por iso estamos dando só 15 quilos de silo de millo, 22 de herba e 12 de concentrado. Buscamos unha ración única que nos permita que as holstein vaian ben pero sen exprimilas e que sirva tamén para as procross”, argumenta.
20 hectáreas de regadío para millo
Bao Hermida SC dispón en total de 45 hectáreas de superficie que destinan a forraxes. “Están todas aquí pegadiñas ás instalacións, son 21 hectáreas de terreo da granxa, 8 propias e outras 15 máis alugadas”, explica Álex. Entre a superficie total destacan 20 hectáreas de regadío nas que teñen previsto botar millo esta primavera. “Este ano non o botamos porque a finca estaba pobre, sen abonar desde fai anos e non lle iamos sacar o rendemento que queremos. Temos previsto de cara á campaña deste ano poñer un canón e botarlle millo”, avanza.
Álex e María priorizaron no ano e pico que levan coa gandería as melloras nas instalacións e a compra do gando, polo que non dispoñen de maquinaria e contratan todos os traballos
Álex e María priorizaron no ano e pico que levan coa gandería as melloras nas instalacións e a compra do gando, polo que non dispoñen de maquinaria e contratan todos os traballos á mesma empresa de servizos que tamén lles aporta o servizo carro mesturador.
Entre os seus plans non está contar con maquinaria para as campañas, pero si con aquela de uso frecuente. “Queremos comprar un arrimador, un tractor con pa, unha cisterna para botar o purín e un carro mesturador, porque queremos facer a ración de leite dúas veces ao día para que as vacas teñan comida fresca”, explica.
Na procura de animais duradeiros
Nesta explotación non se resignan a ter que mandar ao matadoiro dentro dun ano ou dous a maior parte das xovencas frisonas que mercaron hai só un ano por mor de problemas reprodutivos, de patas ou de ubres. “Queremos animais duradeiros no establo porque a recría come e supón moito gasto, así que se logras ter animais máis lonxevos aforras cartos. Pero iso coa xenética holstein non é doado de lograr”, aseguran.
A recría come e supón moito gasto, así que se logras ter animais máis lonxevos aforras cartos. Pero iso coa xenética holstein non é doado de lograr
Álex ve máis delicadas as frisonas puras, así que para tratar de incrementar a lonxevidade do rabaño holstein nesta explotación fan baño de patas cada tres días e aumentaron a frecuencia de limpeza da arrobadeira, que pasa cada hora e media. “Con iso acabáronse os problemas de coxeiras e as dermatites, antes saltaba de media un caso ao mes”, explica.
As procross foron as últimas en chegar ao establo pero delas Álex destaca que “son máis rústicas e máis duras”. “Dan menos problemas, viñan próximas e xa pariu algunha e paren soas e libran moi ben. Teñen menos enfermidades, de patas son máis resistentes e adáptanse de marabilla”, asegura. Tamén valora a súa mellor fertilidade e, de feito, está criando un touro para semental pero pensando máis nas repetidoras holstein que nas procross.
Prima por benestar
Bao Hermida SC entrega a Naturleite, que fai fincapé nas súas granxas provedoras en cuestións como a calidade do leite e o benestar animal. “Hai unha prima por benestar que vai de medio céntimo a dous céntimos dependendo da puntuación que teñas. Nós estamos en 59 puntos, que nos supón un céntimo e medio”, explica Álex, que considera que “o benestar animal é moi importante xa neste momento pero aínda o vai ser máis porque o consumidor demándao e as empresas van ser máis esixentes con iso”.
O benestar animal é moi importante e cada vez o vai ser máis e as empresas van ser máis esixentes con iso porque o demanda o consumidor
A cama que empregan é de colchoneta de goma con material secante por enriba. “Non se adaptaba a cambiar, había que facer unha obra tremenda. O que facemos é usar na mestura un 80% de carbonato e un 20% de serrín e ter sempre material de sobra, aínda que se desperdicie moito. Gastamos uns 14.000 quilos de carbonato e serrín todos os meses, ao ser colchoneta tiran moito para atrás”, aclara.
As vacas tardan 4,2 segundos de media en deitarse desde que chegan ao cubículo
Deste xeito, sen chorar o material, lograron facer cómoda e confortable a cama para as vacas e obter boa puntuación nas dúas auditorías de benestar que xa pasou a explotación. “Un técnico estivo tres horas aquí e cun cronómetro medía o tempo que tardaban as vacas en deitarse. De media son 4,2 segundos desde que chegan ao cubículo”, detalla.
Cama quente nas secas e na recría
As camas de carbonato e serrín dos animais en produción fanas dúas veces ao día, mentras as vacas están muxíndose, que é cando tamén aproveitan para limpar os bebedeiros. Tanto as xovencas como as vacas secas están en cama quente de palla, onde tamén coidan o mantemento. “Ás secas facémosllela cada dous días e ás xovencas todos os días”, conta María, que se encarga destas tarefas mentras Álex moxe.
Os bebedeiros límpanse dúas veces ao día e teñen capacidade para 100 vacas, un 25% por enriba do número de cabezas que temos
A alimentación das secas e as xovencas non a fan no carro mesturador, que fai só unha ración única para as vacas de leite, senón que lles preparan eles. “Dámoslles 2,5 quilos de penso ao día, repartidos entre a mañá e a noite e moita herba seca e silo de herba en rolos moi seco que xa fixemos específicamente para elas cun presecado moi longo”, explica Álex.
Amamantadora para acelerar o arranque das xatas
As instalacións da antiga SAT Valle Vega teñen capacidade para 157 animais en total, con 72 cubículos e outras tantas trabadizas para animais en produción e o resto do espazo dividido entre secas e xovencas. Fóra do que é a nave principal, noutra corte, instalaron unha amamantadora nodriza para as becerras en lactación, cun triplo obxectivo: ter un local limpo e seco para iniciar a recría, reducir tempo e man de obra nos coidados e lograr un medre maior nas xatas.
Ata agora dabamoslles o que elas querían mamar en dúas tomas, á mañá e á noite, e non tivemos ningún problema nin ningunha baixa, pero gústame a nodriza para que leven as tomas máis repartidas e non teñan eses atracóns
“Gústanos que as becerras arrinquen moi ben. Até agora estivemos dándolles o leite das vacas porque se nos adaptaba ben ao manexo que faciamos. Dabamoslles o que elas querían mamar, algunha xata cun mes tomaba 8 e 9 litros en cada toma e non tivemos nin unha soa baixa nun ano. Dabamos á mañá e á noite coincidindo cos horarios de muxir, pero gústame a nodriza para que leven as tomas máis repartidas e non teñan eses atracóns”, argumenta Álex.
Non destetamos até os 3 meses porque eu penso que mentres maman é cando máis medran e a maiores teñen preestarter a libre disposición desde que cumpren unha semana
Agora coa amamantadora as becerras están 7 días con leite de vaca e logo pasan ao lactoreemprazante en po da nodriza. A partir dos 7 días teñen tamén penso preestarter a libre disposición e herba seca e non as destetan até os 3 meses. “A xente di que é unha loucura, pero eu penso que mentres maman é cando máis medran as becerras”, xustifica. Unha vez destetadas, até os 5 meses as xatas seguen tendo o penso a libre disposición e logo raciónanllelo a un máximo de 2,5 quilos ao día.
Calidade do leite
Bao Hermida SC entrega desde o principio á planta de Meira mercada pola cooperativa andaluza Covap para subministrar á cadea Mercadona. “Estamos con Naturleite desde que empezamos, entendémonos ben e estamos contentos con eles, son serios”, asegura Álex.
Están por debaixo das 100.000 células e de 10 en bacterioloxía
“Fan fincapé no benestar animal e na calidade do leite, que eran tamén as nosas prioridades. Aquí recollen o leite todos os días, que para min é unha cousa moi importante. O camión chega aquí ás 6 e media da mañá”, explica. Nesta gandería están por debaixo de 100.000 células somáticas e por debaixo de 10 en bacterioloxía, con medias de 4,11% de graxa e 3,58% de proteína nas analíticas.
Levamos meses sen ter mamites. Ás veces é mellor aforrar noutras cousas e non na cama, ademais porque as vacas canto máis tempo están deitadas máis leite dan
“Levamos meses sen ter mamites. O carbonato axuda, pero tamén o mantemento continuo, nós temos sempre as camas moi coidadas e moi secas. Ás veces é mellor aforrar noutras cousas e non na cama. As vacas canto máis tempo están deitadas máis leite dan e canto mellor é a cama menos problemas de ubre”, argumenta Álex.
Rutinas no muxido
Álex e María atenden sós a explotación, aínda que teñen en mente contratar a un traballador para lles axudar. Teñen as distintas tarefas repartidas, aínda que de muxir encárgase sempre Álex. “Muxir fágoo eu só sempre. É unha sala tándem 4×2 co foso longo e ao ser un só hai que andar áxil, pero para 70 vacas vai de luxo, porque é un muxido moi tranquilo onde as vacas non teñen competencia”, destaca.
Os horarios de muxir téñenos fixados nas 8 da mañá e nas 8 da tarde. Aínda que a sala é antiga e levaba tempo parada, estaba ben equipada, por exemplo con medidores, e a posta ao día que lle fixeron deixouna en perfecto estado. “O arreglo foi de 6.000 euros porque houbo que cambiarlle as gomas todas e mercamos tamén un tanque de 5.000 litros”, conta Álex mentres se esmera, concentrado, en completar un traballo meticulos de muxido.
De defensa central a ter unha granxa de 700 cabras durante 3 anos en Guntín
Aínda que leva só un ano coas vacas, esta non é a primeira experiencia de Álex como gandeiro. El é de Loentia, en Castro de Rei, a 15 quilómetros do Arneiro, e durante os máis de 10 anos nos que xogou ao fútbol de maneira profesional (era defensa central, primeiro no Lugo, onde estivo ás ordes de Quique Setién, logo no Pontevedra e despois no Somozas, co que logrou o ascenso a Segunda B no 2014) sempre tivo aquel rabaño de cabras que mercara co seu primeiro soldo no Lugo. “Cheguei a ter alí 120 cabezas, era unha explotación para a produción cárnica”, conta.
Pero cando no 2016 tivo que deixar o fútbol, obrigado polas lesións, decidiu apostar pola súa outra paixón, a gandería. Cambiou entón a explotación de carne e enfocouna á produción de leite, alugando en Guntín unha nave de 5.000 metros cadrados propiedade da cooperativa Icos que estivera xa destinada á produción de leite de cabra antes de ter un baleiro sanitario.
Fun moi feliz sendo futbolista e sigo sendo moi feliz agora sendo gandeiro. É un traballo moito máis suxeito pero se teño que escoller prefiro a vida tranquila que levo agora
A explotación, que levaba xunto ao seu irmán Ramiro, chegou a ser unha das máis grandes de Galicia. “Chegamos a ter 700 cabras de raza alpina francesa, consideradas xunto as saanen as dúas razas máis leiteiras. Vendiamos 2.000 litros ao día a Queixerías Sarrianas“, lembra.
“Tratábase dunha explotación en intensivo, alimentabamos con palla, veza, alfalfa e concentrado, e a nosa intención era chegar ás 2.000 cabezas porque tes que ter moito volume para que compense, pero até agora tampouco había moita demanda aquí. Os animais mercarámolos nunha explotación moi grande que hai en Zamora. Non había ningunha explotación deste tipo en Galicia”, conta.
Unha lesión apartou a Álex do fútbol e despois a enfermidade do seu irmán Ramiro do mundo das cabras
Pero aquela aventura, que durou tres anos, rematou por un problema de saúde do seu irmán. “Ramiro tivo que deixalo por enfermidade e quedei eu só na granxa. É moi difícil atopar man de obra porque a xente prefire traballar en explotacións de vacas e non de cabras, así que me vin eu só pelexando con 500 cabritos na nodriza cando nacen e acabei decidindo deixalo. As cabras vendinas todas para Lleida, foron ben vendidas porque tiña moi bo gando”, asegura.
Desde a súa experiencia neste sector, considera que “Galicia non está preparada para ter cabras, Galicia é de vacas e non está profesionalizada, non hai veterinarios nin nutrólogos especialistas, igual que os hai para as vacas, así que dependes sempre de técnicos de fóra, de León ou de Zamora, e cando tes un problema non che veñen desde aló”, di.
Galicia é de vacas, non está preparada para ter cabras, non hai técnicos nin está profesionalizada nese sector
Agora, aos seus 31 anos, Álex volve reinventarse cunha explotación de vacas de leite. Considera que gañou co cambio de cabras por vacas porque, di, “o mundo das cabras non ten nada que ver con isto, é moito máis traballoso e duro, sobre todo na época dos partos”.
Apartado desde fai 5 anos dos campos de fútbol, os prados que pisa agora son de raigrás e reparte o seu tempo entre a explotación e a súa filla. “Fun moi feliz sendo futbolista e sigo sendo moi feliz agora sendo gandeiro. É un traballo moito máis suxeito pero se teño que escoller prefiro a vida tranquila que levo agora”, asegura.