A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego celebrou o seu XX Encontro anual baixo o lema ‘2026: ano das mulleres agricultoras, ano de dereitos!’. O evento tivo lugar o 7 e 8 de marzo no Centro Social O Burgo, en Pontevedra, e contou con palestras, visitas a hortas, visitas culturais, intercambio de sementes e participación na manifestación do 8M.
Durante a cita, creouse unha Dirección da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, procurando articular unha rede de mulleres labregas, composta, entre outras, polas labregas Uxía García de Buciños (Allariz) e Estefanía Jacinto (Begonte).
María Ferreiro, gandeira e Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, na benvida destacou o Encontro como “un dos espazos esenciais da organización, onde nos xuntamos as labregas do país”. Ela, coma moitas produtoras da zona, venden no Mercado 4Ponlas, que se sitúa ao carón do Centro Social o Burgo. “Que se faga este Encontro en Pontevedra, nunha cidade, significa que hai vida e rural dentro das cidades”, manifestou.
A Secretaria Xeral do SLG mencionou todo o traballo que se fai a nivel comarcal e coas aliadas do Sindicato Labrego Galego, como é a Marcha Mundial das Mulleres. Ademais, Ferreiro dedicou unha mención especial ao traballo de Isabel Vilalba por todo o camiño e traxectoria que fixo durante os anos que foi Secretaria Xeral do SLG. “Nunca foi para min un camiño individual, senón que foi algo colectivo”, mencionou Vilalba. “Nestes anos fomos consolidando moitas cousas e nelas seguiremos traballando”.
Como en todas as edicións, organizouse o intercambio de sementes e tamén se presentou a rede de labregas de Pontevedra, composta por labregas da zona
Na cita, tamén se presentou a obra ‘Dereitos das mulleres: Guía de Igualdade no Rural’, unha ferramenta de consulta e orientación para que as mulleres labregas poidan identificar os seus dereitos e recursos. As labregas participantes nesta edición do Encontro dividíronse en grupos onde analizaron diversas cuestións da guía. Alén diso, a gandeira e integrante da Executiva Nacional do SLG Isabel Vilalba presentou a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Labregos e das Labregas e doutras Persoas que traballan nas Zonas Rurais.
Para finalizar a xornada do sábado, as labregas do SLG trasladáronse ao Centro Cultural de Lérez para asistir á representación teatral “Yo nací en un surco de judías”, unha produción de CSIC, Fundación la Caixa, Ayuntamiento de Madrid e almealera que trata o relevo xeracional dende unha perspectiva feminista, tentando responder á pregunta de por que cada vez menos persoas queren dedicarse á agricultura e á gandaría.
A segunda sesión do XX Encontro da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego inaugurouse na mañá do domingo coa visita ao proxecto Horta da Gándara coa labrega Mara Erlenmaier Filgueira, que produce todo tipo de verduras e froitas a 2 quilómetros de Pontevedra.
A seguir, como en todas as edicións, organizouse o intercambio de sementes e tamén se presentou a rede de labregas de Pontevedra, composta por labregas da zona. Tamén afondaron na horta rexenerativa e comunitaria en Barro, da man de Elena Buceta, veterinaria do rural en defensa preventiva e coordinadora a horta comunitaria rexenerativa na Escola de Agudelo, que acudiu ao encontro canda máis labregas que traballan nesta horta rexenerativa. Para pechar o Encontro, as labregas desprazáronse ao centro da cidade para acudir á manifestación do 8M.
Galego









Control OJD