A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Balance positivo de Caixa Rural Galega na súa asemblea xeral

A entidade financieira galega aumentou no último ano a súa cifra de beneficios, depósitos e créditos, en tanto a morosidade segue contida en niveis baixos

Balance positivo de Caixa Rural Galega na súa asemblea xeral

Caixa Rural Galega vén de celebrar a súa Asemblea Xeral anual, coa presenza do Consello Reitor da cooperativa de crédito, presidida por Manuel Varela, e os representantes das Xuntas Preparatorias celebradas durante estas últimas semanas nas localidades de Allariz, Meira, Vigo, A Coruña e Lugo.

O punto máis relevante da orde do día foi a aprobación das contas do exercicio 2022, das que destaca un beneficio neto que acadou, preto de 9 millóns de euros, o que supón un incremento do 40% respecto do ano anterior e unha cifra record para a Entidade con sede en Lugo. Este incremento é froito da mellora de marxes respecto a anos anteriores, nos que os tipos de xuro negativos penalizaban de xeito significativo as contas de resultados do sector.

As contas recollen uns activos que acadan preto de dous mil millóns de euros e que supoñen un crecemento algo superior ao 12% respecto do ano anterior. Os depósitos de clientes superan os mil setecentos millóns de euros e a inversión crediticia acada 825 millóns de euros, con incrementos para ambas partidas do 14% e do 8% respectivamente.

A morosidade pechou o exercicio no 2,82%, algo superior á do exercicio anterior, pero de xeito moi contido, tendo en conta a desaceleración económica que experimentou o exercicio e as incertezas que aportaban a guerra de Ucraína e os prezos enerxéticos ao longo do exercicio. A ratio de solvencia acada o 15,70% cumprindo, como en anos anteriores, os requirimentos do regulador e incrementándose en preto de medio punto respecto do exercicio precedente.

Caixa Rural Galega mantén o seu compromiso de manter as oficinas nos concellos do rural

O Presidente da Entidade lembrou que asistimos nos últimos anos a un retroceso continuo de oficinas bancarias, sobre todo nos municipios máis pequenos, debido á dixitalización dos servizos bancarios. Pero neste contexto, a denominada fenda dixital está a dificultar o acceso a servizos elementais a un amplo sector da poboación, o que provocou movementos para reclamar un mellor acceso aos servizo bancarios básicos. Neste contexto a entidade continúa coa súa política de manter o servizo prestado pola súa rede, como vén sendo habitual ata agora.

Destacou que o ano 2022 foi de máis a menos en canto á evolución de indicadores económicos, aínda que quedou esquivada a recesión. O ano experimentou unha escalada de prezos preocupante que trouxo perdas importantes de poder adquisitivo. Ademais, o ano 2022 foi o do xiro da política monetaria do Banco Central Europeo, traendo unha subida de tipos de interese ata niveis de 2008, o que engadiu tensión as economías de moitas familias e empresas.

En relación ao futuro, a Entidade espera que o ano 2023 será difícil pola desaceleración económica, a inflación e a subida de tipos, ademais das incertezas que seguen a infundir a guerra de Ucraína. Con todo, confía en que sexa outro bo exercicio para a Entidade se a morosidade segue a comportarse razoablemente ben. Para finalizar, e en nome do Consello Reitor, Manuel Varela trasladou un especial agradecemento aos empregados polo seu esforzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *