Balance positivo da actividade da Ruta do Viño de Valdeorras en 2022

Publicidade
Balance positivo da actividade da Ruta do Viño de Valdeorras en 2022

Joaquín Sánchez, no centro durante a asemblea da Ruta do Viño de Valdeorras. Foto: Cedida

A Ruta do Viño de Valdeorras, creada no ano 2009 para favorecer principalmente a promoción do enoturismo na comarca, ampliou ao longo de 2022 a súa axenda de actividades consolidándose como unha das entidades máis relevantes á hora de situar Valdeorras -a súa gastronomía, paisaxe, cultura, lecer activo e viño- no mapa.

Así, no ano que agora termina, a Ruta do Viño de Valdeorras promoveu máis dunha ducia de actividades de diverso tipo encamiñadas a favorecer a chegada de potenciais visitantes ao territorio amparado. “A nosa entidade está formada por un grupo de emprendedores comprometidos coa nosa terra, en constante crecemento, dado que en 2022 un total de cinco novos socios adheríronse á Ruta”, sinala o máximo responsable do organismo, Joaquín Sánchez, que presidiu a Asemblea Xeral Ordinaria da entidade na que se fixo balance das accións realizadas ao longo do ano.

Así, tal e como quedou de manifesto nesta asemblea, na actualidade son xa 47 os membros da Ruta do Viño de Valdeorras, entre os que non só se atopan adegas, senón tamén establecementos de restauración e hostalaría, hoteis, hostais, tendas de venda de produtos enogastronómicos, empresas e organizacións vinculadas ao turismo e concellos da comarca.

Un foro para pór en valor o Camiño de Inverno

“En 2022, experimentamos un salto cualitativo na nosa axenda de promoción do territorio pondo o foco, por vez primeira, no potencial do Camiño de Inverno a través dun foro específico sobre este itinerario xacobeo”, sinala Joaquín Sánchez.

Precisamente, o I Foro do Camiño de Inverno por Valdeorras. Camiño, Paisaxe e Viño nas Terras do Sil foi unha das principais actividades divulgativas levadas a cabo este ano.

O foro contou coa participación de preto dunha vintena de expertos procedentes de diversos ámbitos como o académico, o institucional ou o empresarial para pór en valor – en senllas xornadas celebradas no mes de outubro nos municipios do Barco de Valdeorras e A Rúa, respectivamente- a singularidade dunha das rutas xacobeas menos coñecidas polo gran público, que atravesa o territorio valdeorrés.

Un total de 64 persoas asistiron ao foro e puideron coñecer, de primeira man, diferentes tramos do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca, paisaxes únicas como o de Enciña da Lastra, adegas emblemáticas da zona ou algunhas das características covas situadas no territorio amparado.

O foro como iniciativa recibiu o recoñecemento da Axencia Turismo de Galicia – entidade principal patrocinadora do mesmo- e foi seleccionado para forman parte dun vídeo resumen xunto a outros 14 proxectos máis de dinamización turística, entre os 683 presentados.

XI Xornadas de Portas Abertas

Ademais do foro, a Ruta do Viño promoveu -en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia- unha nova edición das súas Xornadas de Portas Abertas. Nesta XI convocatoria, puxéronse en marcha durante o fin de semana do 27 ao 29 de maio unha ducia de actividades de diverso tipo orientadas aos diferentes tipos de público que visitaron a zona con motivo das xornadas.

Entre elas, programouse unha singular acción que propuña observar as estrelas á vez que se degustaban viños da zona desde o Hotel Pazo do Castro, conducida por Francisco Javier Cerdán Núñez. Tamén se puxo en marcha a iniciativa Descubrindo a ruta da Loba da Fada e os viños de Valdeorras, na que se salientaba na lenda local da loba.

Xunto a isto, a organización das xornadas programou a actividade A Idade Media, o románico e o viño, que pretendía ilustrar aos visitantes sobre as peculiaridades do viño da comarca neste período histórico. Ademais, non faltou a realización dun clásico Túnel do Viño, no que se puido degustar unha ampla variedade de brancos e tintos de diferentes adegas valdeorresas.

Por outra banda, a actividade Experiencia de arte e viño instou os participantes a pintar un cadro con pintura acrílica inspirado na obra A noite estrelada de Van Gogh, mentres gozaban dunha copa de viño nun ambiente relaxado. Tamén levou a cabo unha cata de brancos e tintos da comarca xunto á degustación de cinco chocolates cunha elevada porcentaxe de cacao, unha actividade que estivo dirixida pola catadora Mercedes González.

“Viñoteando entre covas” foi outra das accións incluídas no programa, cuxo obxectivo foi o de pór en valor as singularidades destas instalacións de gran valor etnográfico, concibidas para a conservación do viño, que están diseminadas por todo o territorio da comarca.

Un total de 568 persoas gozaron das diferentes actividades programadas dentro das XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras. “Trátase dunha cifra significativa que evidencia o interese suscitado pola axenda de accións deseñada tanto por nosa propia entidade como polos nosos asociados e as organizacións e empresas colaboradoras”, destacou Joaquín Sánchez respecto diso.

Promoción da práctica deportiva: II BTT

A promoción do deporte ligada ao territorio foi outro dos eixos que marcaron a axenda de actividades da Ruta do Viño en 2022. Deste xeito, púxose en marcha por segundo ano consecutivo unha iniciativa que propuña percorrer en BTT un tramo de 57 quilómetros por toda a comarca que, finalmente, tívose que reducir a 40 polas condicións meteorolóxicas.

Esta actividade non competitiva concibiuse como unha estratexia de dinamización turística e de posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais de Valdeorras e levou a cabo o 23 de outubro, cun total de 114 persoas inscritas.

Florencio Delgado Gurriarán

No ano en que a Real Academia Galega dedicou o 17 de maio a honrar a figura do autor da comarca Florencio Delgado Gurriarán, non faltaron actividades concretas promovidas desde a Ruta do Viño para pór en valor a súa figura. Trátase dun autor que enxalzou as singularidades dos viños da zona nalgúns dos seus textos e, por iso, púxose en marcha dentro das Xornadas de Portas Abertas unha actividade específica para coñecer a súa obra.

Anteriormente, o 9 de abril no Complexo Hostaleiro Paladium, a Ruta do Viño promoveu unha cata de maridaxe de viños de Valdeorras e poemas de Florencio, con gran aceptación de público.

Outras actividades

Un ano máis, a Ruta do Viño puxo en marcha un concurso fotográfico para promocionar o territorio amparado, que este ano estivo centrado no leitmotiv Os segredos de Valdeorras: O viño e as covas. A entrega de premios aos mellores traballos realizouse o 23 de setembro e os distinguidos foron Lois Prada Ferrer coa súa fotografía “O túnel de Baco”, Arsenio Branco Gayoso polo seu traballo titulado “Todo a man” e José Manuel González Borace coa súa imaxe “Integración coveira”.

A entidade que preside Joaquín Sánchez evidenciou o seu dinamismo coa realización doutras actividades tales como cursos centrados na poda, catas enfocadas na arte do viño envellecido e degustacións de viños e produtos típicos da comarca en establecementos asociados á Ruta. Tamén levou a cabo a actividade divulgativa De tal uva, tal viño, conducida polo director técnico do D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, e catas específicas no marco do certame musical SilFest.

A Ruta do Viño promoveu, ademais, sorteos específicos a través das súas redes sociais como o celebrado con motivo de San Valentín que outorgou, entre outros premios, estancias en establecementos hostaleiros da comarca ou a posibilidade de realizar un descenso en kaiak polo Sil. Finalmente, a Ruta do Viño de Valdeorras promocionouse en foros concretos como o 21 Salón do Viño de Estremadura, celebrado no mes de abril, ou o salón Xantar, que tivo lugar en novembro en Ourense.

Todas estas actividades foron levadas a cabo grazas á achega económica de cada un dos socios da entidade e tamén con fondos procedentes, principalmente, da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense, dos concellos integrantes da asociación e do Consello Regulador da  D. O. Valdeorras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información