Balance do Plan de Pastos, con motivo da Feira San Bartolo, en Xove

Medio Rural destaca que a mellora de pasteiros na localidade supuxo a intervención en máis de 71 hectáreas de monte veciñál a través dun investimento superior aos 142.000 euros. En toda Galicia, interviuse en 2.500 hectáreas de monte desde o 2020

Balance do Plan de Pastos, con motivo da Feira San Bartolo, en Xove

Visita da conselleira á Feira San Bartolo, en Xove.

O Plan de Pastos de Galicia presenta un balance de 2.500 hectáreas apoiadas desde o ano 2020 en montes da comunidade. Co obxectivo de fomentar a gandaría en extensivo e mellorar a competitividade das explotacións agropecuarias, a Consellería do Medio Rural sinala que subvencionou máis de cen actuacións en todo o territorio galego, mobilizando preto de 2.500 hectáreas e 106 pasteiros desde o ano 2020, o que supón un investimento total superior aos 15 millóns de euros.

Estes datos foron trasladados este luns pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa visita á tradicional Feira de Gando de San Bartolo, no concello lucense de Xove, que congrega a gando vacún e cabalos.

Na súa intervención, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, a titular de Medio Rural subliñou que o apoio ao sector gandeiro e a garantía da remuda xeracional son eixes prioritarios na acción do seu departamento.

No ámbito municipal, Gómez puxo como exemplo de xestión a colaboración mantida desde 2022 coa comunidade de montes de Laxamoura, entidade organizadora do certame gandeiro de Xove. As intervencións realizadas nesta zona permitiron a dotación e mellora de máis de 71 hectáreas de prados, cunha inversión acumulada que supera os 142.000 euros.
A conselleira reafirmou o compromiso do Executivo autonómico de seguir traballando man a man coas comunidades de montes e os produtores locais para consolidar un modelo de aproveitamento sustentable da terra.

Un modelo referente e clave contra o lume
Durante o percorrido polas instalacións da Feira de San Bartolo, a conselleira destacou a fortaleza do sector gandeiro galego, con especial incidencia na comarca da Mariña. En palabras de Gómez, Galicia sitúase como un “referente” no desenvolvemento da gandaría en extensivo, unha práctica que non só dinamiza economicamente o medio rural, senón que cumpre unha función estratéxica no ordenamento do territorio e na prevención dos incendios forestais, afirmou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información