Balance dos lumes: 120.000 hectáreas queimadas e debate sobre o que facer

O Goberno autonómico propón aumentar as rozas públicas das franxas de protección nos núcleos de poboación e reforzar os medios aéreos de extinción. A oposición aféalle a “ocultación” de lumes e superficies queimadas, así como a insuficiencia de medios para a extinción

Balance dos lumes: 120.000 hectáreas queimadas e debate sobre o que facer

Contralume técnico no incendio de Casaio, en Trevinca. / Imaxe: Brif Laza (arquivo).

A vaga de lumes que calcinou Ourense no mes de agosto chegou hoxe ó Parlamento galego, onde o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu para facer un primeiro balance. Rueda elevou as hectáreas queimadas no mes de agosto a 120.000, o que representa a peor vaga de incendios en Galicia no que vai de século XXI, por riba das menos de 100.000 queimadas no 2006. Sobre as medidas a tomar, o presidente da Xunta incidiu no reforzamento das medidas de prevención e dos equipos de extinción.

Un dos debates que vén coleando ao longo das últimas semanas é o dato da superficie queimada. Medio Rural calculou inicialmente arredor de 95.000 hectáreas afectadas, pero os datos do satélite Copernicus apuntaban a 140.000. Finalmente, Rueda elevou hoxe o dato de superficie queimada ao entorno das 120.000 hectáreas no mes de agosto, das que sinalou que un 31% corresponderon a superficie arborada e 69% a mato. A maiores, houbo 144 casas afectadas e 191 explotacións agrogandeiras que solicitaron axudas por danos dos lumes.

Desde a oposición, tanto BNG como PSdeG afeáronlle a Rueda a “ocultación” dos datos de superficie afectada, así como a falta de información inicial sobre a magnitude de incendios como o de Trevinca.

Medidas anunciadas pola Xunta
Que facer tras os lumes?. O presidente da Xunta avoga por afondar nas medidas preventivas e por reforzar o dispositivo de extinción, en especial os medios aéreos. Rueda manifestou que nos concellos con menos de 10.000 habitantes, a Xunta está disposta a asumir a limpeza nos puntos críticos das franxas de protección arredor dos núcleos de poboación, nas chamadas faixas secundarias. Iso si, pasándolle a factura correspondente ó Concello de turno.

Rueda avanzou ademais que obrigará lexislativamente a que as comunidades de montes reinvistan en prevención de incendios unha porcentaxe maior dos seus ingresos. O presidente remarcou que tamén vai traballarse na simplificación dos permisos para facer rozas e queimas controladas, así como en dar facilidades para converter o solo forestal en solo agrario: “Faremos posible que toda a superficie que foi agraria e quedou abandonada hai 40 anos ou menos poida volver ao seu uso inicial sen necesidade de ningún tipo de procedemento”, apuntou o presidente.

En canto ó dispositivo de extinción, o presidente da Xunta anunciou a futura posta en servizo de novos medios aéreos, hidroavións e helicópteros, así como de bases para a súa xestión.

No que respecta ó Goberno central, pediulle que instale en Galicia unha sede da Unidade Militar de Emerxencias, que na actualidade ten a súa sede máis próxima na provincia de León.

Valoracións da oposición: fracaso da prevención e prazas de extinción sen convocar
Desde os grupos da oposición cuestionaron as propostas de Rueda e lembráronlle que trala vaga de lumes do 2017, houbera un concenso parlamentario para aplicar 123 medidas contra o lume, “das que vostede incumpriu a maior parte”, sostivo o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro.

“Fracasaron nas súas competencias. Comprometéranse no 2018 a facer unha nova lei galega de incendios e seguimos sen ela. En canto ás axudas de prevención (do 2025 e 2026) destinadas ás comunidades de montes veciñais en man común, seguen sen resolverse a día de hoxe”, criticou Besteiro.

Tanto o portavoz socialista como a nacionalista Ana Pontón cuestionaron ademais que a Xunta convocase 200 prazas para persoal de extinción en plena vaga de lumes. “A falta de efectivos de extinción foi un fracaso de coordinación e planificación”, cuestionou Pontón.

Os grupos da oposición criticaron asimesmo que a Xunta se tivese pasado media vaga de lumes botando “balóns fóra”, pedíndolle máis medios ó Estado, “mentres non cubría os medios que tiña comprometidos no Plan de Incendios de Galicia”, no que consideraron un “incumprimento claro de competencias propias”

Reflexión profesional
Coincidindo co debate parlamentario de hoxe, desde as entidades galegas ligadas á enxeñería forestal veñen de emitir unha declaración conxunta na que chaman a unha reflexión social para xerar, no medio prazo, un documento técnico que permita deseñar novas estratexias contra o lume.

“Non nos cabe dúbida de que se trata dunha cuestión de ordenación do territorio en senso amplo, pero tamén é unha cuestión social, de pensamento sosegado de cara onde nos diriximos como sociedade,tanto no ámbito público como no privado”, valoran.

Asinan o documento o Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia xunto co Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia, a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela), a Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (Universidade de Vigo) e a Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta de Galicia.

O enquistado ‘expediente X’ de Ourense

G.B.
O problema de fondo das vagas de lume de Ourense ten diagnóstico sinxelo e cura complicada. Nunha reportaxe publicada hai 5 anos en Campo Galego, ‘Ourense arde sobre queimado’, analizabamos os incendios do verán do 2020 en Ourense. A diagnose que se facía daquela mantén a súa vixencia. Trátase dunha provincia na que o abandono é a principal actividade rural en moitas comarcas. O que arde basicamente é o despoboamento e a falta de xestión do monte.

O territorio rural da provincia, nas áreas afectadas polo lume, ten escasa presenza de agricultura, gandería e xestión forestal. Toda a provincia suma menos do 5% das cortas de madeira de Galicia, ten menos do 1% das granxas de leite e menos do 9% das ganderías de carne.

Esa situación fai que o territorio se estea a transformar -advertíase xa no 2020- nunha “bomba de biomasa” formada por miles de hectáreas de mato e monte desordenado, en continuidade e sen apenas presenza dos cortalumes naturais que forman terras de labor, pastos, e prados.

Un ano antes dos lumes de hai cinco anos, no 2019, o Consello Forestal de Galicia escoitara xa unha proposta para a provincia de Ourense da Federación de Aserraderos e Rematantes de Galicia (Fearmaga), preocupada pola situación de abandono e minifundio do monte. Fearmaga chamara daquela a apoiar iniciativas empresariais nos montes ourensáns, tanto agrarias como forestais, e a adoptar medidas contra o minifundio.

Existe un consenso claro en que a produción agraria e forestal é a mellor vía de prevención dos lumes, pero cambiar o rumbo dun proceso de abandono de décadas non se fai dun día para outro.

Unha proba diso é a Lei de Recuperación de Terras Agrarias de Galicia, que deu uns primeiros pasos para o impulso de aldeas modelo e polígonos agroforestais. Foi un intento de recuperar terras do abandono e, á vez, de defender os núcleos de poboación do lume, pero a timidez dos seus avances, máis alá de casos puntuais que poidan servir de exemplo, apunta á necesidade de pensar como prioritarias no curto prazo nas medidas de prevención máis puras: queimas controladas no inverno e desbroces primaverais.

A cadea forestal comprométese a manter os prezos da madeira queimada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información