Balance dos apoios á conservación da paisaxe na Ribeira Sacra

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita Sober, onde destaca os 800 viticultores beneficiados de apoios para conservación da paisaxe

Publicidade
Balance dos apoios á conservación da paisaxe na Ribeira Sacra

Visita da conselleira a Sober.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou estes días o concello de Sober para poñer en valor as axudas destinadas á conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, ás que se destinaron máis de 1,3 millóns de euros para beneficiar a case 800 viticultores. Alí coñeceu os terreos dalgúns destes beneficiarios que poderán actuar a través destas axudas nunha superficie de 810 hectáreas inscritas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

A titular de Medio Rural salientou que, a través destas achegas, búscase favorecer unha actividade senlleira na zona, que contribúe á conservación da paisaxe e a cal ten tamén a súa repercusión social e turística. Neste sentido, reafirmou a importancia do mantemento desta paisaxe singular para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Por iso, estas axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural serviron para subvencionar o cultivo de vide en socalco de pedra, onde o traballo se realiza de forma mecanizada, cunha superficie beneficiaria de 520 hectáreas; e para o cultivo de vide sen socalcos ou mediante traballo mecanizado, con 291 hectáreas con achega aprobada.

A maiores, María José Gómez salientou que se concederon achegas para parcelas localizadas en 16 concellos dos 20 totais que forman parte da DO. Nesta liña, resaltou que o concello de Sober é o máis beneficiado con 170 hectáreas aprobadas.

Paquete de medidas para a DO Ribeira Sacra
Estas axudas forman parte dun paquete de medidas de apoio aos viticultores desta DO moito máis amplo e que se puxo en marcha o pasado ano ante o contexto internacional de excedentes de viño tinto. Dentro dese paquete incluíronse outras accións como as axudas para a destilación de crise, unha maior divulgación e formación sobre as oportunidades do ecorrexime da PAC de cultivos leñosos en terreos con pendentes, ampliación de campañas de promoción e as subvencións para facilitar a recollida de uva.

Ao mesmo tempo, a conselleira indicou que se segue a traballar co Consello Regulador desta DO nunha folla de ruta a medio e longo prazo, na que se presta especial atención á aposta pola calidade e pola diversificación de mercados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información