Balance das axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

Nas dúas últimas convocatorias das axudas, a Consellería apoiou a 61 cooperativas e sociedades agrarias

Balance das axudas para maquinaria agrícola en réxime asociativo

Visita da conselleira á granxa Casal Vilar,en Touro, unha das ganderías que forma parte da Cuma Brandelos.

A Consellería do Medio Rural destinou seis millóns de euros nas dúas últimas convocatorias de axudas, realizadas en 2025, para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo. En total, 61 cooperativas e sociedades agrarias de transformación beneficiáronse destas achegas.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou este xoves en Touro a importancia destes apoios durante unha visita á gandería de leite Casal Vilar, unha das explotacións de maior tamaño da Cooperativa de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA) Brandelos, que tamén recibiu financiamento. Segundo explicou Gómez, as subvencións permiten reducir os custos e a carga de traballo das explotacións, ademais de mellorar a seguridade dos usuarios e favorecer o aforro e a eficiencia enerxética. As axudas poden chegar a cubrir ata o 50 % do custo da maquinaria.

A CUMA Brandelos recibiu máis de 790.000 euros nos últimos anos ao abeiro desta liña de apoio. A cooperativa está formada por nove explotacións que xestionan máis de 730 hectáreas, contan con máis de 2.500 cabezas de gando e producen preto de 18 millóns de quilos de leite ao ano. Durante a visita, a conselleira puxo tamén en valor o papel das cooperativas e das sociedades agrarias de transformación na mellora da competitividade do sector primario e, especialmente, do lácteo.

Gómez salientou, ademais, a presenza das mulleres no funcionamento da CUMA Brandelos, onde representan o 60 % das persoas socias. A conselleira cualificou esta participación como un “verdadeiro exemplo” e reafirmou o compromiso da Xunta para seguir impulsando a presenza feminina nos postos de toma de decisións do rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información