Balance da vendima en Galicia: 76 millóns de quilos de uva recollidos

Rías Baixas e Monterrei incrementaron a uva recollida, chegando a récords históricos, mentres no Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra rexistráronse descensos

Publicidade
Balance da vendima en Galicia: 76 millóns de quilos de uva recollidos

Pechouse a vendima nas cinco denominacións de orixe con case 76 millóns de Kg. de uva recollidos, segundo informou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tralo último Consello da Xunta. Logo de 2011 e 2023, “é a terceira campaña máis abondosa dende que se recollen datos”, segundo a información achegada polos consellos reguladores.

En detalle, as máis de 7.600 explotacións e 400 adegas das denominación de Galicia recolleron 75.871.804 quilos de uva, cun incremento do peso relativo da uva branca. Xa representa máis do 90% da colleita con 68.642.691 quilos, mentres que a uva tinta achegou 7.229.113 kg ao total vendimado.

Nesta campaña, “Rías Baixas e Monterrei incrementaron a uva recollida chegando a récords históricos mentres no Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra rexistraron lixeiros descensos”, detallou o presidente da Xunta. A caída nalgunha delas está, en boa medida, relacionada coa seca prolongada deste verán, que deu lugar a acios con menos peso. Ademais, cómpre lembrar que algunhas zonas se viron afectadas pola vaga de incendios do pasado mes de agosto.

Captura de pantalla 2025-11-17 a las 18.57.03

Na denominación de orixe Rías Baixas, a cantidade de uva que entrou nas adegas supuxo un incremento dun 20 % respecto da media do decenio 2016-2025 e foi un 13 % superior á da campaña 2024. Esta DO caracterízase polo predominio das variedades de uva branca, cun 99 % do recollido. Entre elas destaca a albariña, que cun 97 % do total producido é a gran protagonista da denominación. Cómpre salientar que, por primeira vez, rexistrouse a entrada de uva da variedade branca ratiño galega, admitida para esta DO no ano 2023.

Séguelle a denominación de orixe Riberio en canto a volumen, cun 27 % de cantidade e uva menos que na campaña pasada, condicionada pola seca prolongada. Na Ribeira Sacra, a cifra de uva vendimada é inferior á da pasada campaña, debido fundamentalmente á actual crise de excedentes polo descenso do consumo en xeral dos viños tintos. Nesta denominación de orixe o peso das variedades tintas chegou nesta vendima ata o 77 % da uva recollida, mentres que o das brancas quedouse nun 23 %.

A uva recollida en Valdeorras supón un incremento dun 20 % respecto da media dos últimos dez anos, pese a que descende nun 8 % con respecto á campaña precedente. En canto ao reparto varietal, nesta vendima colleitouse un 83 % de uva branca e un 17 % de tinta.

Pola súa banda, o balance na denominación de orixe Monterrei é moi positivo, xa que acadou un récord absoluto de quilos colleitados, cun aumento do 5 % respecto do ano pasado e dun 35 % sobre a media do decenio 2016-2025. Neste territorio, a variedade godello supón o 64 % de toda a uva vendimada e o 81 % da branca, mentres que a mencía representou un 16 % de todas as variedades recollidas e o 77 % se o referimos ás tintas.

Por último, Rueda lembra que no próximo ano 2026, destinaranse “arredor de 12 millóns de euros en diferentes liñas de axudas” para a reestruturación e reconversión de viñedo, para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países ou para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, entre outros apoios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información