Balance da vendima 2020 en Galicia: Menos uva pero de “moi boa calidade”

Publicidade
Balance da vendima 2020 en Galicia: Menos uva pero de “moi boa calidade”

A Consellería do Medio Rural ven de presentar un informe sobre os resultados da vendima 2020 nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Así, a colleita deste ano está en liña co valor medio do último decenio, chegando a recoller un total de 60.401.975 quilos de uva, por debaixo dos 64 millóns do ano pasado, pero de “moi boa calidade en xeral”.

Do total de uva recollida, algo máis de 51 millóns corresponderon a variedades brancas e os 9,3 millóns restantes a castes tintas. Por denominacións, a de Rías Baixas ocupou de novo o primeiro lugar en volume de produción, cuns 34,4 millóns de uva recollidos, o que supuxo un incremento do 6,4% con respecto a 2019. De feito, foi a única DO, xunto á de Monterrei, que aumentou a cantidade de uva recollida. Seguiulle a do Ribeiro con 9,4 millóns de quilos (11,8 millóns en 2019) e a continuación a de Monterrei con algo máis de 5,7 millóns (5,6 en 2019), Valdeorras con 5,5 millóns (6,8 millóns o pasado ano) e Ribeira Sacra con 5,2 millóns de quilos de uva recollidos (7,2 millóns de quilos de uva no 2019).

Neste sentido, informe sinala tamén que as diferenzas de produción no Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra -atribuíbles ás malas condicións climatolóxicas da primavera, xunto ás dificultades de moitos viticultores a tempo parcial de aplicar os tratamentos durante o período de confinamento- compensáronse cos incrementos de produción en Rías Baixas e Monterrei.

Doutra banda, cabe destacar tamén que as variedades recomendadas, potencialmente produtoras de viños de calidade, seguen a ter un peso fundamental no conxunto da vendima. Así, as uvas Albariña, Godello e Treixadura representaron, respectivamente, un 66,3%, un 13,9% e un 11,3% da uva branca total e a Mencía supuxo o 79,4% da uva tinta total colleitada.

Por último, dende a Consellería de Medio Rural salientan que “a uva entrou en xeral nas adegas con moi boa calidade e óptimo estado de madurez, o que presupón unha magnífica calidade dos viños que se obterán nesta campaña”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información