Balance da PAC 2026 en Galicia: un 71% dos produtores acóllense a ecorreximes

Unións Agrarias chama a reducir a burocracia no próximo ciclo da Política Agraria Común. A organización tivo que aportar nas solicitudes que tramitou 29.000 DNIs dos propietarios de parcelas arrendadas e 31.000 fotos xeorreferenciadas, ademais de consignar os datos de máis de 360.000 parcelas

Balance da PAC 2026 en Galicia: un 71% dos produtores acóllense a ecorreximes

O pastoreo extensivo é o principal ecorrexime en Galicia. / Arquivo.

Este 1 de xuño vén de concluír o periodo de solicitude das axudas da PAC en Galicia e fíxoo cun balance similar ó pasado exercicio. Unións Agrarias, que tramitou un 24% das solicitudes presentadas en Galicia (5.130 dun total de 21.000) advirte dun exceso de burocracia e dun funcionamento mellorable dos ecorreximes, unha prima ambiental que se convertiu desde o 2023 nun complemento a ter en conta polos produtores.

En Galicia, o 71% das solicitudes e 7,6 de cada 10 hectáreas están acollidas a algún ecorrexime, se ben continúan a ser cifras inferiores á media estatal, onde xa no 2023, no primeiro ano do seu funcionamento, 9 de cada 10 hectáreas entraran en ecoesquemas.

Os principais ecoesquemas solicitados en Galicia son os seguintes:

  • Pastoreo extensivo en pastos húmedos: 9.210 solicitudes.
  • Rotación de cultivos con especies mellorantes: 5.427 solicitudes.
  • Illas de biodiversidade: 3.635 solicitudes.
  • Cubertas vexetais en cultivos leñosos: 1.463.
  • Sega sostible en pastos húmedos: 1.308 solicitudes.
  • Cubertas inertes de poda en cultivos leñosos: 40
  • Sementeira directa: 6

“Nas solicitudes que tramitamos nós, un 81,4% dos solicitantes se acolleu a algún ecorrexime” -destaca Javier Iglesias, responsable da PAC en Unións Agrarias-. “En Galicia temos o problema de que hai ecorreximes que se demostra que non están adaptados ás nosas necesidades, como o de sega sostible en pastos húmidos, que só pediron a nivel de Galicia 1.300 persoas, e entre as PAC que tramitamos nós, só 170”, subliña.

Os ecoesquemas que teñen máis éxito son o de pastoreo extensivo nas ganderías de carne e o de rotación de cultivos en leite. A organización agraria tramitou 2.700 ecorreximes de pastoreo extensivo e 720 de rotación de cultivos. “En leite, a rotación de cultivo millo – raigrás facilita adoptar este ecoesquema, coa introdución de xeito secundario de cultivos mellorantes como o nabo, que se está a empregar moito como abono en verde, a veza e avea, ou o sorgo”, destaca Iglesias.

Outro ecorrexime importante é o de illas de biodiversidade, que de xeito xeral consiste en incluír un 7% de barbechos e marxes de ribeira que non se segan antes do 31 de agosto. É o terceiro en número de solicitudes e en hectáreas, con 49.000.

En viñedo tamén ten certa incidencia o ecorrexime de cubertas vexetais, con preto de 4.000 hectáreas, en tanto que a sementeira directa é moi residual na comunidade, con só 6 produtores acollidos.

Burocracia das solicitudes
A campaña da PAC deste ano saldouse cun inxente traballo burocrático por detrás, aínda que como nota positiva, este ano a aplicación informática de solicitude fallou menos que a campaña pasada, cando se convertera nun suplicio para as entidades que tramitan as axudas.

“Un dos principais problemas é que hai que consignar tódolos datos de cultivo de todas as parcelas de cada solicitude. Co minifundio que temos en Galicia, iso vólvese un traballo esaxerado. No noso caso, foron máis de 360.000 parcelas, unha media de 70 parcelas por solicitude (cun tamaño medio de 0,3 hectáreas)”, explica Iglesias. “Tivemos tamén unha solicitude con máis de 1.000 parcelas e 150 con máis de 300”.

A organización agraria considera que a partir do próximo ciclo da PAC (2028), cómpre que as Administracións adopten métodos de control satelital para monitorear as terras de cultivo, sen que sexa preciso tal nivel de burocracia nas solicitudes.

DNIs e fotos xeorreferenciadas
Outra incidencia da campaña estivo marcada pola petición de DNIs para parcelas arrendadas. “Foi preciso recabar 29.000 DNIs de propietarios desas parcelas, así como máis de 31.000 fotos xeorreferenciadas para xustificar cultivos”, subliña Iglesias.

Axudas da PAC post – 2028
Desde Unións Agrarias non ven un acordo próximo en Europa para a próxima PAC pois a postura dos países nórdicos e dos mediterráneos está moi afastada. Para Unións, o prioritario é que haxa un aumento de fondos tanto para a PAC como para as medidas de desenvolvemento rural, que perigan como tales.

O vicesecretario de Unións, Félix Porto, considera tamén que na próxima PAC hai que rematar coas persoas xubiladas que cobran as subvencións. “As axudas teñen que dirixirse a quen traballa de verdade, en tanto que ás persoas xubiladas hai que darlles pensións dignas”, valora Porto.

Perda de 17 millóns de euros ó mes nas granxas de leite pola baixada de prezos

O vicesecretario xeral de Unións Agrarias, Félix Porto, aproveitou a rolda de prensa de hoxe para cuestionar a baixada de prezos do leite en Galicia. Cos datos que se veñen de facer públicos, a partir do 1 de abril aumentou o diferencial de prezos entre Galicia e o resto de España. “Xa nos sacan unha media de 5 céntimos” -advirte Porto-. “E se miramos a Asturias, son 8,5 e 10 no País Vasco”, cuestiona.

“As industrias falan moito de igualar o prezo español ó europeo, pero sería importante tamén igualar o prezo galego ó medio no resto de España. Agardamos que a Comisión de estudo que se vén de crear no Parlamento galego contribúa a avanzar nesta liña”, valora Porto. “Tamén nos gustaría saber que resultados tiveron as inspeccións nas industrias que anunciara a conselleira no mes de marzo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información